EVANXEO SEGUNDO MATEO - Capítulo 1
Capítulo 1
NACEMENTO E INFANCIA DE XESÚS
Xenealoxía de Xesús (Lc 3, 23-38)
- 1Libro da xenealoxía de Xesús Cristo, fillo de David, fillo de Abraham.
- 2Abraham xerou a Isaac. Isaac xerou a Xacob. Xacob xerou a Xudá e mais os seus irmáns.
- 3Xudá, de Tamar, xerou a Peres e mais a Zarán. Peres xerou a Esrón. Esrón xerou a Arán.
- 4Arán xerou a Aminadab. Aminadab xerou a Naasón. Naasón xerou a Salmón.
- 5Salmón, de Rahab, xerou a Booz. Booz, de Rut, xerou a Obed. Obed xerou a Iexé.
- 6Iexé xerou ao rei David.
David, da que foi muller de Urías, xerou a Salomón.
- 7Salomón xerou a Roboam. Roboam xerou a Abías. Abías xerou a Asá.
- 8Asá xerou a Ioxafat. Ioxafat xerou a Ioram. Ioram xerou a Ozías.
- 9Ozías xerou a Ioatán. Ioatán xerou a Acaz. Acaz xerou a Ezequías.
- 10Ezequías xerou a Menaxés. Menaxés xerou a Amón. Amón xerou a Ioxías.
- 11Ioxías xerou a Ieconías e mais os seus irmáns, en tempos da deportación a Babilonia.
- 12Despois da deportación a Babilonia, Ieconías xerou a Xealtiel. Xealtiel xerou a Zerubabel.
- 13Zerubabel xerou a Abiud. Abiud xerou a Eliaquim. Eliaquim xerou a Asor.
- 14Asor xerou a Sadoc. Sadoc xerou a Aquim. Aquim xerou a Eliud.
- 15Eliud xerou a Elazar. Elazar xerou a Matán. Matán xerou a Xacob.
- 16Xacob xerou a Xosé, esposo de María, da que naceu Xesús, chamado Cristo.
- 17Foron, logo, catorce as xeracións desde Abraham ata David, catorce tamén desde David ata a deportación de Babilonia, e catorce desde a deportación de Babilonia ata Cristo.
Nacemento de Xesús (Lc 1, 27-35; 2, 1-7)
- 18O nacemento de Xesús Cristo foi así: María, súa nai, estaba prometida a Xosé; e antes de viviren xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo.
- 19Xosé, o seu prometido, home xusto, non a querendo aldraxar, decidiu repudiala secretamente.
- 20Tal era a súa resolución, cando o anxo do Señor se lle apareceu en soños, dicíndolle:
__Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a María, a túa prometida; que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo.
- 21Dará a luz un fillo, e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará o seu pobo de todos os seus pecados.
- 22Todo isto aconteceu para que se cumprise o que dixera o Señor por boca do profeta:
- 23Mirade: a virxe concibirá e dará a luz un fillo,
- e poñeranlle de nome Emmanuel
- (que quere dicir “Deus connosco”).
- 24Acordou Xosé do seu soño, e fixo tal como lle mandara o anxo do Señor, levando consigo a súa prometida;
- 25e sen que a tocase, ela deu a luz un fillo. E el púxolle de nome Xesús.