EVANXEO SEGUNDO MATEO - Capítulo 10
Capítulo 10
Misión dos Doce (Mc 3, 13-19; 6, 7-13; Lc 6, 12-16; 9, 1-6)
- 1E chamando aos doce discípulos, deulles poder para botaren os espíritos malos e curaren toda enfermidade e doenza.
- 2Estes son os nomes dos doce apóstolos: o primeiro Simón, chamado Pedro, e mais André seu irmán, Santiago o do Zebedeo e mais Xoán seu irmán,
- 3Felipe e Bartolomeu, Tomé e Mateo, o recadador de tributos, Santiago o de Alfeo e mais Tadeo,
- 4Simón o Celote e Xudas Iscariote, o mesmo que o entregou.
- 5A estes doce mandounos Xesús con estas instrucións:
__Non vaiades a terra de pagáns nin entredes en vilas de samaritanos;
- 6ide máis ben ás ovellas perdidas da casa de Israel.
- 7E mentres camiñades proclamade que xa chega o Reino dos Ceos.
- 8Curade enfermos, resucitade mortos, limpade gafos, botade os demos fóra. E xa que de balde recibistes, dade de balde tamén.
- 9Non levedes nin ouro, nin prata, nin cobre nas vosas faixas;
- 10nin alforxa para o camiño, nin dúas túnicas, nin sandalias, nin caxato, porque o traballador ben merece a súa mantenza.
- 11En calquera vila ou aldea que entredes, informádevos se hai alguén de confianza e permanecede alí ata que marchedes.
- 12Ao entrar na casa, saudade.
- 13Se a casa é digna, veña a ela a vosa paz; pero se non é digna, que a vosa paz volva convosco.
- 14E se alguén non vos acolle nin escoita as vosas palabras, saíde daquela casa ou daquela vila e sacudide o po dos vosos pés.
- 15Asegúrovos que o día do Xuízo será máis levadío para Sodoma e Gomorra do que para aquela vila.
As persecucións (Mc 13, 9-13; Lc 21, 12-17)
- 16Vede que vos mando coma ovellas entre lobos! Así que sede prudentes coma as serpes e sinxelos coma as pombas.
- 17Tede coidado coa xente, porque vos entregarán aos tribunais e hanvos azoutar nas sinagogas.
- 18E pola miña causa hanvos levar ante gobernadores e reis: así daredes testemuño de min diante deles e dos pagáns.
- 19E cando vos entreguen, non andedes angustiados polo como ou polo que ides dicir, porque naquela hora hásevos inspirar o que tedes que dicir.
- 20Non sodes vós os que falaredes, senón que será o Espírito de meu Pai quen falará por vós.
- 21Haberá irmáns que entreguen a seus irmáns á morte; pais a fillos; fillos que denuncien a seus pais ata facelos matar.
- 22 Hanvos odiar pola miña causa; pero o que persevere ata o final hase salvar.
- 23Cando vos persigan nunha vila fuxide a outra, porque de certo vos aseguro: non acabaredes de andar as vilas de Israel antes de que veña o Fillo do Home.
- 24Non é o discípulo máis que o seu Mestre, nin o servo máis ca o seu Señor.
- 25Abóndalle ao discípulo chegar a ser coma o seu Mestre; e ao servo coma o seu Señor. Se ao dono da casa o alcumaron Belcebul, canto máis aos da súa casa!
A quen temer (Lc 12, 2-9)
- 26Pero non lles teñades medo, que non hai cousa encuberta que non se acabe descubrindo, nin cousa oculta que non se acabe sabendo.
- 27O que vos digo na escuridade faládeo á plena luz; e o que oídes ás agachadas pregoádeo desde as azoteas.
- 28Non lles teñades medo aos que matan o corpo pero non poden matar a alma; temede máis ben a aquel que pode botar a perder o corpo e a alma no inferno.
- 29Non se venden un par de pardais por catro patacos? E non cae o primeiro no chan sen o consentimento do voso Pai.
- 30Pois vós, mesmo tedes contados os cabelos todos da cabeza.
- 31Así que non teñades medo, que vós valedes máis ca todos os pardais xuntos.
- 32O que volva por min diante dos homes tamén eu hei volver por el diante de meu Pai celestial.
- 33Pero quen me negue diante dos homes, eu negareino a el diante do meu Pai celestial.
Xesús, sinal de contradición (Lc 12, 51-53; 14, 26-27)
- 34Non vaiades pensar que vin traer paz á terra: non vin traer paz, senón espada.
- 35Porque vin enfrontar o home co seu pai, a filla coa súa nai, a nora coa súa sogra
- 36e os propios familiares serán os inimigos de cada un.
- 37Quen ama a seu pai ou a súa nai máis ca a min, non é digno de min. E quen ame a seu fillo ou a súa filla máis ca a min non é digno de min.
- 38E quen non carga coa súa cruz e me segue, non é digno de min.
- 39Quen trate de conservar a vida, perderaa; pero quen a perda por min, ese conservaraa.
- 40Quen vos recibe a vós, recíbeme a min; e quen me recibe a min, recibe ao que me mandou.
- 41Quen recibe a un profeta por ser profeta, terá recompensa de profeta; quen recibe a un xusto por ser xusto, terá recompensa de xusto.
- 42E quen dea de beber a un destes pequenos, aínda que soamente sexa un vaso de auga fresca, por ser discípulo meu, asegúrovos que non perderá a súa recompensa.