EVANXEO SEGUNDO MATEO - Capítulo 11
Capítulo 11
- 1En rematando de lles dar estas instrucións aos doce discípulos, partiu de alí para ensinar e predicar por aquelas vilas.
Pregunta de Xoán e loanza de Xesús (Lc 7, 18-30)
- 2Xoán, oíndo falar na cadea das obras de Cristo, mandou os seus discípulos a preguntarlle:
__3Es ti o que ten que vir ou esperamos a outro?
- 4Respondeulles Xesús:
__Ide e contádelle a Xoán o que estades oíndo e vendo:
- 5os cegos ven e os coxos andan, os leprosos fican limpos e os xordos oen; os mortos resucitan e aos pobres estáselles anunciando a Boa Nova.
- 6E ditoso quen non se escandalice de min!
- 7Non ben se foron eles, comezou Xesús a falar de Xoán á xente:
__Que fostes ver ao deserto?: unha cana abaneada polo vento?
- 8Pois logo, que fostes ver?: un home vestido con roupas finas? Pero os que visten roupas finas están nos palacios dos reis.
- 9Pois logo, a que saístes?: a ver un profeta? Si, e abofé que moito máis ca un profeta.
- 10Este é de quen está escrito:
- Olla, mando o meu mensaxeiro diante de ti,
para que prepare o teu camiño.
- 11Tede por seguro que non naceu de muller ninguén meirande ca Xoán o Bautista, aínda que o máis pequeno no Reino dos Ceos é meirande ca el.
- 12Desde o tempo de Xoán o Bautista ata agora o Reino dos Ceos está a ser violentado, e os violentos repáñano.
- 13Pois ata Xoán profetizaron todos os Profetas e mais a Lei.
- 14El é Elías, o que tiña que vir; así que aceptádeo, se queredes.
- 15Quen teña oídos, que escoite.
Xesús xulga a súa xeración (Lc 7, 31-35)
- 16Con quen compararía eu esta xeración? Aseméllase a eses rapaces que, sentados no rueiro, rifan entre si
- 17dicindo:
- Tocamos a frauta, e non bailastes;
fixemos o pranto, e non chorastes.
- 18Porque apareceu Xoán, que nin comía nin bebía, e din: “Ten o demo no corpo!”;
- 19apareceu o Fillo do Home, que come e bebe, e din: “Que larpeiro, que bebedor e que amigo de recadadores e pecadores!”. Con todo, a sabedoría quedou acreditada polas súas obras.
Xesús censura as cidades (Lc 10, 13-15)
- 20Entón empezou a rifarlles ás vilas nas que fixera a maior parte dos milagres, pero que non se converteran:
- 21__Ai de ti, Corozaín! Ai de ti, Betsaida! Porque se en Tiro e Sidón se fixesen os milagres que se fixeron en vós, hai xa tempo que facían penitencia cubertas de saco e de cinsa.
- 22Por iso dígovos: O día do Xuízo será moito máis levadío para Tiro e Sidón do que para vós.
- 23E ti, Cafarnaúm: Seica pensas que vas chegar ata o ceo? Asolagaraste no abismo! Porque se en Sodoma se fixesen os milagres que se fixeron en ti, aínda duraba hoxe.
- 24Por iso dígovos que Sodoma terá un día do Xuízo máis levadío ca vós.
Achegádevos a min (Lc 10, 21-22)
- 25Naquel tempo dixo Xesús:
__Bendito sexas, meu Pai, Señor do ceo e mais da terra, porque lles escondiches estas cousas aos sabios e aos prudentes e reveláchesllas á xente humilde.
- 26Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así.
- 27Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén coñece ao Fillo agás o Pai, nin coñece ao Pai agás o Fillo e aquel a quen o Fillo llo queira revelar.
- 28Achegádevos a min todos os que estades cansos e oprimidos, que eu vos aliviarei.
- 29Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo para as vosas almas;
- 30porque o meu xugo é levadío e a miña carga liviá.