EVANXEO SEGUNDO MATEO - Capítulo 12
Capítulo 12
O asunto das espigas no sábado (Mc 2, 23-28; Lc 6, 1-5)
- 1Naquel tempo pasou Xesús nun sábado por unhas leiras traballadas. Os seus discípulos sentiron fame e empezaron a arrincar espigas e comelas.
- 2Os fariseos, vendo aquilo, dixéronlle:
__Mira que os teus discípulos fan o que non está permitido facer no sábado.
- 3El contestoulles:
__Seica non sabedes o que fixo David cando sentiu fame el e mais os seus acompañantes?
- 4Entrou na casa de Deus e comeu pan do ofrecido, cousa que non lle estaba permitida a el nin aos seus acompañantes, senón só aos sacerdotes.
- 5E non tendes lido na Lei que os sacerdotes no templo quebrantan o sábado sen por iso seren culpables?
- 6Pois eu asegúrovos que aquí hai algo meirande que o templo.
- 7Se entendésedes ben o que significa: Misericordia quero e non sacrificios, non condenabades a estes inocentes.
- 8Porque o Fillo do Home é Señor do sábado.
O home da man tolleita (Mc 3, 1-6; Lc 6, 6-11)
- 9E saíndo de alí foi á sinagoga deles.
- 10Había alí un home que tiña unha man tolleita e preguntáronlle para o tentar:
__E logo, está permitido curar en sábado?
- 11El respondeulles:
__Quen de vós que teña unha soa ovella, se lle cae en sábado nun foxo, non a colle e a saca de alí?
- 12Pois un home vale moito máis ca unha ovella: polo tanto está permitido facer ben no sábado.
- 13E coa mesma díxolle ao home:
__Estende a túa man.
El estendeuna e púxoselle tan sa coma a outra.
- 14E con só saír, os fariseos empezaron a maquinar na maneira de acabar con el.
Xesús, o servo de Deus
- 15Xesús, ao sabelo, decidiu ir para outro lado, seguido por moitos e curando a todos.
- 16E mandoulles que non o descubrisen,
- 17para que se cumprise o que dixera o profeta Isaías:
- 18Velaquí o meu servo, o meu elixido,
- o meu amado, a miña regalía.
- Pousarei o meu Espírito sobre el,
- para que anuncie o dereito ás nacións.
- 19Non discutirá nin berrará,
- ninguén oirá a súa voz polos rueiros.
- 20Non crebará a canivela cascada
- nin apagará a torcida que fumega
- ata que faga triunfar o dereito:
- 21El será a esperanza das nacións.
Xesús e Belcebul (Mc 3, 22-30; Lc 11, 14-23; 12, 10)
- 22Trouxéronlle, daquela, un endemoñado cego e mudo. El curouno e o mudo falaba e vía.
- 23E todos, pasmados, dicían:
__Non será este o Fillo de David?
- 24Pero os fariseos, oíndo isto, dixeron:
__Este non bota os demos se non é co poder de Belcebul, xefe dos demos.
- 25El, coñecendo os seus pensamentos, díxolles:
__Todo reino dividido contra si mesmo fica asolado; nin pode manterse en pé unha cidade ou unha familia dividida contra si mesma.
- 26E se Satanás bota a Satanás, está dividido contra si mesmo. Como se vai manter, logo, en pé o seu reino?
- 27E se eu boto os demos co poder de Belcebul, os vosos fillos co poder de quen os botan? Por iso eles mesmos serán os vosos xuíces.
- 28Pero se boto os demos polo Espírito de Deus, vese que xa chegou a vós o Reino de Deus.
- 29Pois como poderá entrar alguén na casa dun home forte e roubarlle canto ten, se primeiro non ata ao home forte para logo arramplar con todo canto hai na casa?
- 30Quen non está comigo está contra min; e o que non recolle comigo, derrama.
- 31Por iso asegúrovos que aos homes háselles perdoar calquera pecado e blasfemia, pero o pecado contra o Espírito non terá perdón.
- 32E a quen fale contra o Fillo do Home poderáselle perdoar; pero a quen fale en contra do Espírito Santo non se lle perdoará, nin neste mundo nin no vindeiro.
A árbore e os froitos (Lc 6, 43-45)
- 33Se unha árbore é boa, dará froito bo; e se é mala, o seu froito será malo. Porque a árbore coñécese polo froito.
- 34Raza de víboras! Como ides falar ben sendo vós malos? Pois do que reborda o corazón fala a boca.
- 35O home bo saca boas cousas do tesouro da súa bondade, pero o home ruín saca cousas ruíns do pozo da súa maldade.
- 36Asegúrovos que toda palabra falsa que digan os homes háselles ter en conta no día do Xuízo.
- 37Pois polas túas palabras declararante xusto e polas túas palabras condenarante.
O sinal de Xonás (Mc 8, 11-12; Lc 11, 29-32)
- 38Entón, para replicar, algúns letrados e fariseos dixéronlle:
__Mestre, queremos ver un sinal teu.
- 39Respondeulles el:
__Unha xeración perversa e adúltera reclama un sinal! Pois non se lle dará máis sinal ca o de Xonás o profeta.
- 40Que así como estivo Xonás no ventre do peixe, así estará o Fillo do Home no seo da terra tres días e tres noites.
- 41Os habitantes de Nínive enfrontaranse no Xuízo con esta xeración para condenala, porque se converteron cando escoitaron a predicación de Xonás; pero aquí está quen é máis ca Xonás.
- 42A raíña do Sur enfrontarase no Xuízo con esta xeración e fará que a condenen; porque ela veu desde o cabo do mundo para escoitar a sabedoría de Salomón e aquí está quen é máis ca Salomón.
Volta do espírito malo (Lc 11, 24-26)
- 43Cando o espírito inmundo sae do home, vai polos ermos adiante buscando acougo sen atopalo.
- 44Entón di: “Volverei á casa de onde saín”; e ao chegar atopa a casa desocupada, varrida e ordenada.
- 45Entón vai, colle consigo outros sete espíritos aínda peores ca el e establécense alí; e o final daquel home acaba sendo peor que o principio. Así lle vai pasar tamén a esta xeración malvada.
A nai e os irmáns de Xesús (Mc 3, 31-35; Lc 8, 19-21)
- 46Mentres Xesús lle estaba falando á xente, súa nai e mais seus irmáns presentáronse fóra buscando o xeito de falaren con el.
- 47Díxolle un:
__Mira que túa nai e mais teus irmáns están aí fóra, que te buscan para falaren contigo.
- 48El respondeu ao que llo dicía:
__Quen é miña nai e quen son os meus irmáns?
- 49E, sinalando coa man os seus discípulos, dixo:
__Velaquí miña nai e mais meus irmáns.
- 50O que cumpre a vontade do meu Pai celestial, ese é meu irmán, miña irmá e mais miña nai.