EVANXEO SEGUNDO MATEO - Capítulo 13
Capítulo 13
Parábola do sementador (Mc 4, 1-9; Lc 8, 4-8)
- 1Naquel día Xesús saíu da casa e foise sentar á beira do mar.
- 2Tanta era a xente reunida ao pé del, que tivo que subir e sentar nunha barca, mentres a xente toda ficaba na beira.
- 3E faloulles de moitas cousas en parábolas. Dicía:
__Dunha vez saíu un labrego a sementar.
- 4E ao botar a semente, parte dela foi caendo polo camiño adiante; viñeron os paxaros e comérona.
- 5Outra caeu entre as pedras, onde apenas había terra; e naceu decontado, porque a terra non tiña fondura;
- 6pero non ben saíu o sol, queimouna, e, como non tiña raíz, secou.
- 7Outra parte caeu na silveira, e ao medraren as silvas afogárona.
- 8Outra caeu en boa terra, dando froito: unha, cen; outra, sesenta; outra, trinta.
- 9Quen teña oídos, que escoite!
O motivo das parábolas (Mc 4, 10-12; Lc 8, 9-10)
- 10E achegándose os discípulos, dixéronlle:
__Por que lles falas en parábolas?
- 11El respondeulles:
__Porque a vós concedéusevos coñecer os misterios do Reino dos Ceos, pero a eles non.
- 12Pois a quen ten daráselle ata sobrarlle; pero a quen non ten, aínda o que ten se lle quitará.
- 13Por iso fálolles eu en parábolas, porque mirando, non ven, e escoitando, non oen nin entenden.
- 14Cúmprese así neles o que profetizara Isaías dicindo:
- Oír, oiredes, pero non entenderedes;
- ollar, ollaredes, pero non veredes.
- 15Porque o corazón deste pobo
- está insensibilizado:
- endureceron os seus oídos
- e pecharon os seus ollos,
- para non veren cos ollos,
- nin oíren cos oídos,
- nin entenderen co seu corazón
- nin se converteren
para que eu os cure.
- 16Ditosos, en troques, os vosos ollos, porque ven, e mais os vosos oídos, porque oen!
- 17Pois asegúrovos que moitos profetas e xustos anhelaron ver o que vós vedes, e non o viron, e oír o que vos oídes, e non o oíron.
Explicación da parábola do sementador (Mc 4, 13-20; Lc 8, 11-15)
- 18__Escoitade, logo, vós a parábola do sementador:
- 19Sempre que un escoita a Palabra do Reino e non a entende, vén o Maligno e repáñalle o sementado no seu corazón: esa é a que caeu no camiño.
- 20O que caeu entre as pedras, vén ser aquel que, escoitando a Palabra, deseguida a recibe con alegría;
- 21pero, ao non ter raíz e ser inconstante, así que veñen as dificultades ou a persecución por causa da Palabra, deseguida abandona.
- 22O que cae na silveira, vén ser aquel que escoita a Palabra; pero as preocupacións do mundo e o engado das riquezas afogan a palabra e queda sen dar froito.
- 23Pero o que foi sementado en boa terra, vén ser aquel que escoita a Palabra e a comprende: este si que dá froito e produce nun caso cento, noutro sesenta e noutro trinta.
Parábola do xoio no medio do trigo
- 24E contoulles outra parábola:
__Parécese o Reino dos Ceos a un home que sementou boa semente na súa leira.
- 25Pero mentres todos durmían, o seu inimigo veu sementar xoio polo medio do trigo e marchou.
- 26Cando espigou a planta e deu trigo, apareceu o xoio tamén.
- 27Os criados do dono fóronlle dicir: “Señor, ti non sementaras boa semente na túa leira? De onde lle vén, logo, o xoio?”.
- 28El contestoulles: “Isto é obra dun inimigo”. Os criados preguntáronlle: “Queres que o vaiamos arrincar?”.
- 29El respondeulles: “Non, non sexa que ao collerdes o xoio arrinquedes tamén o trigo.
- 30Deixádeos medrar xuntos deica a sega, que no tempo da sega heilles dicir aos segadores: Apañade primeiro o xoio, e atádeo en monllos para queimalo; e o trigo recollédeo na miña arca”.
Parábola do gran de mostaza e mais do fermento (Mc 4, 30-32; Lc 13, 18-21)
- 31E contoulles outra parábola:
__O Reino dos Ceos é semellante a un gran de mostaza que un home sementou na súa horta.
- 32A mostaza vén sendo a máis pequerrecha de todas as sementes; pero cando medra chega a ser meirande ca todas as hortalizas, converténdose nunha árbore, de tal xeito que mesmo os paxaros veñen facer o niño nas súas pólas.
- 33Díxolles outra parábola:
__O Reino dos Ceos é semellante ao fermento que unha muller amasou en tres medidas de fariña, ata que todo levedou.
- 34Todo isto lle falou Xesús en parábolas á xente, e nada lle falaba que non fose por medio de parábolas.
- 35De xeito que se cumprise o que dixera o profeta:
- Abrirei a miña boca para dicir parábolas,
- proclamarei cousas escondidas desde que o mundo é mundo.
Explicación da parábola do xoio
- 36Entón, deixando á xente, foise para a casa. Achegáronselle os seus discípulos e pedíronlle:
__Explícanos a parábola do xoio na leira.
- 37El respondeu:
__O que sementa a boa semente é o Fillo do Home;
- 38a leira é o mundo; a boa semente son os fillos do Reino; o xoio son os fillos do Malo.
- 39O inimigo que a sementa é o Satán; a sega é a fin do mundo e os segadores son os anxos.
- 40E así como se entrecolle o xoio e se bota no lume, así pasará na fin do mundo.
- 41Mandará o Fillo do Home os seus anxos, e quitarán do seu Reino todos os escándalos e a todos os que fan o mal;
- 42e botaranos no forno do lume, onde será o pranto e o renxer dos dentes.
- 43Entón, os xustos resplandecerán coma o sol no Reino de seu Pai. Quen teña oídos que escoite.
Parábola do tesouro, da perla e mais da rede
- 44__O Reino dos Ceos é semellante a un tesouro acochado nunha leira: o home que o atopou vólveo a acochar; e, cheo de alegría, vai vender canto ten para mercar aquela leira.
- 45Tamén se parece o Reino dos Ceos a un tratante de perlas finas:
- 46en atopando unha de grande valor, foi vender canto tiña e mercouna.
- 47Do mesmo xeito é semellante o Reino dos Ceos a un aparello de rapeta largado no mar, que recolleu peixes de todas as castes.
- 48Unha vez cheo, tiran por el para a ribeira e, sentados, escollen os bos nun queipo e os malos tiran con eles.
- 49Así será na fin do mundo: sairán os anxos e arredarán os malos dos xustos
- 50para botalos no forno do lume; alí será o pranto e o renxer dos dentes.
- 51Entendedes todo isto?
Eles responderon:
__Entendemos.
- 52El concluíu:
__Por iso todo letrado que se fai discípulo do Reino dos Ceos parécese ao dono dunha casa que saca das súas arcas o novo e mais o vello.
Xesús en Nazaré (Mc 6, 1-6; Lc 4, 16-30)
- 53E resulta que cando Xesús acabou de expoñer estas parábolas, marchou de alí,
- 54indo para a súa terra; e ensináballes na súa sinagoga de tal xeito que dicían abraiados:
__De onde lle veñen a este esa sabedoría e eses milagres?
- 55Non é o fillo do carpinteiro? Non se chama María súa nai; e seus irmáns Santiago, Xosé, Simón e Xudas?
- 56E súas irmás, non viven connosco? Entón de onde lle vén todo isto?
- 57Estaban realmente escandalizados por causa del. Pero Xesús díxolles:
__A un profeta só o aceptan mal na súa terra e na súa casa.
- 58E alí non fixo moitos milagres pola falta de fe daquela xente.