EVANXEO SEGUNDO MATEO - Capítulo 14
Capítulo 14
Morte do Bautista (Mc 6, 14-30; 9, 7-9)
- 1Naquel tempo chegou a sona de Xesús aos oídos de Herodes, o tetrarca.
- 2Este comentou cos seus cortesáns:
__Ese é Xoán o Bautista, que resucitou de entre os mortos con poderes milagrosos.
- 3Pois Herodes prendera a Xoán, meténdoo na cadea por cousa de Herodías, muller de seu irmán Filipo.
- 4Porque Xoán non paraba de lle dicir: “Non che está permitido vivir arrimado con ela”.
- 5Aínda que Herodes o quería matar, tíñalle medo á xente, que o consideraba un profeta.
- 6Mais, cando Herodes celebrou o seu aniversario, a filla de Herodías bailou diante de todos. E tanto lle agradou a Herodes
- 7que lle prometeu baixo xuramento darlle o que lle pedira.
- 8Ela, encirrada por súa nai, díxolle:
__Tráeme nunha bandexa a cabeza de Xoán o Bautista.
- 9O rei entristeceuse, pero, como o xurara e por cousa dos convidados, ordenou que lla trouxesen,
- 10e mandou que fosen decapitar a Xoán na cadea.
- 11Trouxeron a cabeza nunha bandexa e entregáronlla á rapaza, que lla levou á nai.
- 12Logo viñeron os seus discípulos recoller o corpo e sepultalo. Despois foron informar a Xesús.
Primeira multiplicación do pan (Mc 6, 30-44; Lc 9, 10-17; Xn 6, 1-14)
- 13Cando o soubo Xesús, retirouse de alí nunha barca a un lugar deserto e arredado. En canto a xente o soubo, foino seguindo por terra desde as vilas.
- 14Así, cando desembarcaron, atopouse cun gran xentío. El, conmovido, curou a todos os enfermos.
- 15Chegada a tarde, os discípulos foron onda el e dixéronlle:
__O lugar está moi arredado e a hora moi avanzada: será mellor que despidas a xente para que vaian ás aldeas e merquen comida.
- 16Xesús díxolles:
__Non precisan marchar, dádelles vós de comer.
- 17Eles responderon:
__Aquí non temos máis ca cinco bolos de pan e mais dous peixes.
- 18Pero Xesús replicoulles:
__Pois, traédemos aquí.
- 19E mandando recostar á xente na herba, colleu os cinco bolos e mais os dous peixes, ergueu a mirada ao ceo, dixo a bendición, partiu os bolos e déullelos aos discípulos, que á súa vez llos pasaron á xente.
- 20E comeron todos ata se fartaren, enchendo coas sobras doce cestas.
- 21Os que comeron eran uns cinco mil, sen contar mulleres nin nenos.
Anda por riba da auga (Mc 6, 45-52; Xn 6, 16-21)
- 22Deseguida mandou aos seus discípulos que embarcasen e que fosen diante para a outra banda, mentres el despedía a xente.
- 23Despois de despedila, subiu ao monte para orar el só, e alí colleuno a anoitecida.
- 24E, xa a moitos metros no medio do mar, as ondas batían na barca, pois levaban o vento en contra.
- 25Ao riscar o día, Xesús foi cara a eles, camiñando polo mar.
- 26E, os discípulos, véndoo camiñar polo mar, asustáronse dicindo: “__É unha pantasma.
E, cheos de medo, empezaron a berrar.
- 27Deseguida faloulles Xesús dicindo:
__Tranquilos, non teñades medo, que son eu.
- 28Respondeulle Pedro:
__Señor, se es ti, mándame que vaia onda ti, camiñando pola auga.
- 29El díxolle:
__Ven.
Baixou Pedro da barca, e púxose a camiñar pola auga, dirixíndose a Xesús.
- 30Pero, ao sentir o vento forte, colleu medo, empezou a afundirse e púxose a berrar:
__Señor, sálvame!
- 31Axiña Xesús, dándolle a man, agarrouno e díxolle:
__Home de pouca fe, por que dubidas?
- 32E ao subiren eles á barca, quedouse o vento.
- 33Os que estaban na barca prostráronse ante el dicindo:
__Realmente ti es Fillo de Deus.
Curacións en Xenesaret (Mc 6, 53-56)
- 34Rematada a travesía, chegaron á terra de Xenesaret.
- 35Ao recoñecelo, os homes do lugar mandaron aviso a toda a comarca. Leváronlle todos os enfermos,
- 36rogándolle que lles deixase tocar tan sequera a orla do seu manto. E cantos o tocaron, curaron.