EVANXEO SEGUNDO MATEO - Capítulo 15
Capítulo 15
A tradición dos devanceiros (Mc 7, 1-23)
- 1Entón achegáronse a Xesús un grupo de fariseos e letrados de Xerusalén e preguntáronlle:
- 2__Por que os teus discípulos quebrantan a tradición dos devanceiros e non lavan as mans antes de comer?
- 3El contestoulles:
__E logo por que quebrantades vós o mandamento de Deus por causa de vosa tradición?
- 4Porque Deus dixo: Mira por teu pai e mais por túa nai, e quen abandone a seu pai ou súa nai é reo de morte.
- 5Pero vós dispoñedes: “Quen lle diga a seu pai ou a súa nai: ofrézolle ao templo o sustento que teño para vós,
- 6non ten por que coidar de seu pai”; así invalidades o mandamento de Deus por mor da vosa tradición.
- 7Hipócritas! Ben profetizou de vós o profeta Isaías cando dixo:
- 8Este pobo hónrame cos labios,
- pero o seu corazón está lonxe de min.
- 9Inutilmente me renden culto,
- porque a doutrina que ensinan
- non son máis ca costumes humanos.
- 10E, convocando á xente, díxolles:
__Escoitade e procurade entender:
- 11Non é o que entra pola boca o que mancha ao home; o que sae pola boca, iso si que mancha ao home.
- 12E, achegándoselle os discípulos, dixéronlle:
__Ti sabes que os fariseos se escandalizaron ao escoitaren a túa palabra?
- 13El contestoulles:
__Toda planta que non plantase meu Pai celestial arrincarase de raíz.
- 14Deixádeos: son cegos e guías de cegos. Se un cego guía a outro cego, ambos caerán na cova.
- 15Rogoulle Pedro:
__Explícanos a comparanza.
- 16El díxolle:
__Tamén vós estades aínda sen entender?
- 17Non comprendedes que todo o que entra pola boca vai dar ao ventre, e de alí ao escusado?
- 18Pero o que sae pola boca procede do corazón, e isto si que mancha ao home.
- 19Porque do corazón proceden os malos pensamentos, os asasinatos, os adulterios, as fornicacións, os roubos, os falsos testemuños, as blasfemias.
- 20Isto é o que mancha ao home; pero comer sen lavar as mans, iso non mancha ao home.
Viaxe polos arredores de Galilea. A muller cananea (Mc 7, 24-30)
- 21Saíndo de alí foi Xesús para a comarca de Tiro e Sidón.
- 22E apareceu unha muller cananea daqueles contornos, que berraba:
__Compadécete de min, Señor, Fillo de David: a miña filla está atormentada por un demo.
- 23Pero el non respondeu palabra. Achegándoselle os seus discípulos, rogábanlle:
__Despídea, que vén berrando detrás de nós.
- 24El contestoulles:
__Non fun mandado máis que ás ovellas extraviadas da casa de Israel.
- 25Pero ela alcanzounos e, prostrándose, suplicoulle:
__Señor, váleme!
- 26El respondeulle:
__Non é ben quitarlles o pan aos fillos para llelo botar aos cadelos.
- 27Pero ela contestou:
__Non é, Señor, non; pero tamén os cadelos comen das faragullas que caen da mesa dos seus amos.
- 28Entón respondeulle Xesús:
__Muller, a túa fe é ben grande: fágase, logo, como desexas!
E a súa filla ficou sa naquela hora.
Máis curacións
- 29Marchou Xesús daquela terra e chegou onda o mar de Galilea. Subiu a un monte e sentou alí.
- 30E veu a pé del un mundo de xente, traendo consigo coxos, cegos, eivados, xordos e outros moitos; botábanos aos pés de Xesús e el curábaos a todos.
- 31De xeito que a xente ficaba pasmada vendo os mudos falar, curados os eivados, os coxos andar e os cegos ver; e glorificaban ao Deus de Israel.
Segunda multiplicación do pan (Mc 8, 1-10)
- 32Chamou Xesús polos seus discípulos e díxolles:
__Dáme pena esta xente: hai tres días que veñen tras miña e non teñen que levar á boca. Non os quero despedir sen tomaren nada, porque poderían esmorecer polo camiño.
- 33Dixéronlle os discípulos:
__E de onde imos sacar, nun lugar deserto, pan abondo para fartar tanta xente?
- 34Pero el preguntoulles:
__E logo, cantos pans tedes?
Eles responderon:
__Sete e mais algúns peixes.
- 35Mandou que a xente sentase no chan;
- 36despois colleu os sete bolos e mais os peixes, rezou a acción de grazas, partiunos e déullelos aos seus discípulos; e os discípulos dábanllos á xente.
- 37Comeu a xente a se fartar, e cos anacos que sobraron encheron sete cestas.
- 38Os que comeron eran uns catro mil homes, sen contar mulleres nin nenos.
- 39Despois, despediu a xente, subiu á barca e foise para a terra de Magadán.