EVANXEO SEGUNDO MATEO - Capítulo 16
Capítulo 16
Pídenlle un sinal (Mc 8, 11-13; Lc 12, 54-56)
- 1Chegaron os fariseos e mais os saduceos, e, para o poñeren a proba, pedíronlle que lles mostrase un sinal do ceo.
- 2El respondeulles:
__Vós á tardiña dicides: “Vai vir bo tempo, porque hai roibéns no ceo”;
- 3e á mañanciña: “Vai haber treboada, porque o ceo está sombrizo”. Así que sabedes discernir o cariz do ceo, e non sodes capaces de interpretar os sinais dos tempos?
- 4Esta xeración malvada e adúltera reclama un sinal! Pois non se lle vai dar máis sinal ca o de Xonás.
E deixounos coa palabra na boca.
O fermento dos fariseos e saduceos (Mc 8, 14-21)
- 5Ao pasaren para a outra banda, os discípulos esqueceron levar pan.
- 6E díxolles Xesús:
__Tede coidado. Ollo co fermento dos fariseos e saduceos!
- 7Comentaban entre eles:
__É que non trouxemos pan.
- 8Xesús decatouse e díxolles:
__Como, homes de pouca fe: así que estades aí debatendo que non tedes pan!
- 9Aínda non acabades de entender e non vos acordades dos cinco bolos de pan para cinco mil, e de cantas cestas enchestes?
- 10Nin dos sete bolos para catro mil, e de cantas cestas enchestes?
- 11Como non entendedes que non era de pan do que eu vos falaba? Coidado! Ollo co fermento dos fariseos e dos saduceos!
- 12Entón comprenderon que non lles falara de que tivesen coidado co fermento do pan, senón da doutrina dos fariseos e saduceos.
Profesión de Pedro (Mc 8, 27-30; Lc 9, 18-21)
- 13Cando chegou á comarca de Cesarea de Filipo preguntoulles Xesús aos seus discípulos:
__Quen di a xente que é o Fillo do Home?
- 14Eles responderon:
__Uns, que Xoán o Bautista; outros, que Elías; outros, que Xeremías ou algún dos profetas.
- 15Insistiu:
__E vós, quen dicides que son?
- 16Respondeu Simón Pedro:
__Ti es o Mesías, o Fillo do Deus vivo.
- 17E Xesús contestoulle:
__Ditoso ti, Simón, fillo de Xonás; porque iso non cho revelou nin a carne nin o sangue, senón meu Pai que está no ceo.
- 18E eu asegúroche que ti es Pedro; e sobre esta pedra vou edificar a miña Igrexa; e as portas do inferno non prevalecerán en contra dela.
- 19Dareiche as chaves do Reino dos Ceos: todo o que ates na terra ficará atado nos ceos; e todo o que desates na terra ficará desatado nos ceos.
- 20E mandoulles aos discípulos que non dixesen nada de que el era o Mesías.
Anuncio da morte e da resurrección (Mc 8, 31-33; Lc 9, 22)
- 21Desde aquela empezou Xesús a aclararlles aos seus discípulos que tiña que ir a Xerusalén, e que alí o ían facer padecer moito os anciáns, os sumos sacerdotes e os letrados; que o ían executar e que ao terceiro día había resucitar.
- 22Pedro, colléndoo á parte, empezou a rifar con el, dicindo:
__Deus te libre, Señor; a ti non che pasará nada diso, de maneira ningunha.
- 23Pero el, volvéndose, díxolle a Pedro:
__Arreda de min, Satanás! Ti es un tentador para min, porque non te deixas guiar por Deus senón polos homes.
Como seguir a Xesús (Mc 8, 34; 9, 1; Lc 9, 23-27)
- 24Entón díxolles Xesús aos seus discípulos:
__Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, que cargue coa súa cruz e que me siga.
- 25Porque quen queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen a perda pola miña causa, poñeraa a salvo.
- 26Pois de que lle serve ao home gañar o mundo enteiro se perde a súa vida? E que pode dar un home para recobrar a súa vida?
- 27Porque o Fillo do Home ha vir coa gloria de seu Pai entre os anxos; entón pagará a cadaquén conforme á súa conduta.
- 28Tede por seguro que algúns dos aquí presentes non morrerán sen veren antes o Fillo do Home vir no seu Reino.