EVANXEO SEGUNDO MATEO - Capítulo 17
Capítulo 17
A transfiguración (Mc 9, 2-13; Lc 9, 28-36)
- 1Seis días despois colleu Xesús a Pedro, a Santiago e a Xoán seu irmán, e subiu con eles sos a un monte alto.
- 2Alí transfigurouse diante deles; o seu rostro resplandecía coma o sol, e os seus vestidos viraron brancos coma a luz.
- 3Nisto apareceron Moisés e mais Elías falando con el.
- 4Pedro colleu a palabra e díxolle a Xesús:
__Señor, que ben estamos aquí! Se queres, farei aquí tres tendas, unha para ti, outra para Moisés e outra para Elías.
- 5E aínda estaba falando cando apareceu unha nube luminosa que os cubriu; e unha voz saíndo da nube dixo:
__Este é o meu Fillo benquerido, o meu predilecto: escoitádeo.
- 6Ao escoitaren isto, os discípulos caeron debruzados, cheos de temor.
- 7Xesús achegándose, tocounos e díxolles:
__Erguédevos, non teñades medo!
- 8E levantando os ollos, non viron a ninguén fóra de Xesús.
- 9Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles:
__Non lle faledes desta visión a ninguén, ata que o Fillo do Home resucite de entre os mortos.
- 10E preguntáronlle os discípulos:
__Como é que din os letrados que primeiro ten que vir Elías?
- 11El respondeu:
__Si, Elías tiña que vir e volver poñer todo en orde e restablecelo todo.
- 12Pero eu asegúrovos que Elías xa veu, e non o recoñeceron, e fixeron con el o que quixeron; do mesmo xeito tamén o Fillo do Home padecerá nas súas mans.
- 13Entón comprenderon os discípulos que o dixera referíndose a Xoán o Bautista.
O neno lunático (Mc 9, 14-29; Lc 9, 37-43)
- 14E cando chegaron a onde estaba a xente, acercóuselle un home, que de xeonllos
- 15lle suplicou:
__Señor, ten compaixón do meu fillo, porque é lunático e sofre moito; xa ten caído no lume e na auga.
- 16Presentéillelo aos teus discípulos e non o deron curado.
- 17Respondeu Xesús:
__Xeración incrédula e perversa! Ata cando vos terei que soportar? Traédemo aquí!
- 18Entón Xesús increpou ao demo e saíu del. E desde aquela hora ficou curado o rapaz.
- 19Entón achegáronselle os discípulos e preguntáronlle en privado:
__Por que non o demos botado nós?
- 20El respondeulles:
__Pola vosa pouca fe. E asegúrovos que se tivésedes sequera unha fe coma un gran de mostaza, diriádeslle a este monte: “Vai de aquí para alá!”, e o monte había ir. E nada sería imposible para vós.
Segundo anuncio da paixón (Mc 9, 30-32; Lc 9, 44-45)
- 22Andando eles xuntos por Galilea, díxolles Xesús:
__Ao Fillo do Home vano entregar nas mans dos homes,
- 23que o matarán; pero ao terceiro día resucitará.
Eles ficaron moi tristes.
O tributo do templo
- 24Cando chegaron a Cafarnaúm achegáronse a Pedro os cobradores do tributo do templo e preguntáronlle:
__Seica o voso Mestre non paga o tributo?
- 25El respondeulles:
__Si que paga.
E cando chegaron á casa, Xesús adiantouse a dicirlle:
__Que che parece, Simón: Os reis da terra de quen cobran as taxas ou tributos: dos fillos ou dos alleos?
- 26Ao responder el que dos alleos, Xesús concluíu:
__Polo tanto, os fillos están exentos.
- 27Con todo, para non ser ocasión de escándalo, vai ao mar, bota o anzol, colle o primeiro peixe que pique, e ábrelle a boca: alí atoparás unha moeda. Cóllea, e entrégaa por min e mais por ti.