EVANXEO SEGUNDO MATEO - Capítulo 19
Capítulo 19
CAMIÑO DE XERUSALÉN
O divorcio (Mc 10, 1-12)
- 1Cando acabou Xesús estes discursos, partiu de Galilea e veu para a terra de Xudea, na outra banda do Xordán.
- 2Seguiuno moita xente, e el púxose a curarlles alí os enfermos.
- 3Chegaron onda el uns fariseos e preguntáronlle para poñéreno a proba:
__É lícito repudiar a muller por un motivo calquera?
- 4El respondeu:
__Seica non sabedes que o Creador os fixo varón e femia desde o principio,
- 5e que dixo: Por iso deixará o home a seu pai e mais a súa nai, unirase coa súa muller, e serán os dous unha soa carne?
- 6De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. Polo tanto, o que Deus xuntou, que non o separe o home.
- 7Preguntáronlle:
__E logo como é que Moisés mandou entregar o certificado de divorcio e repudiala?
- 8El respondeu:
__Debido á dureza do voso corazón, permitiuvos Moisés repudiar as vosas mulleres; pero ao principio non era así.
- 9Asegúrovos que quen repudia a súa muller (sacado que estivera malvivindo) e casa con outra, comete adulterio.
- 10Entón dixéronlle os discípulos:
__Pois se a situación do home respecto á muller é esa, casar non nos fai avío ningún.
- 11El contestoulles:
__Non todos entenden esta linguaxe, senón aqueles a quen se lles concedeu.
- 12Hainos que non poden casar, porque naceron así do ventre da súa nai; outros, porque así os fixeron os homes; e outros, porque eles mesmos se fixeron así polo Reino dos Ceos. Quen poida entender, que entenda.
Bendí os nenos (Mc 10, 13-16; Lc 18, 15-17)
- 13Leváronlle entón uns nenos, para que lles impuxese as mans, e rezase por eles. Pero os discípulos rifábanlles.
- 14Mais Xesús díxolles:
__Deixade que os nenos se acheguen a min, non llelo privedes, porque deles é o Reino dos Ceos.
- 15E despois de lles impoñer as mans, marchou de alí.
O mozo rico (Mc 10, 17-22; Lc 18, 18-23)
- 16Nisto acercouse un para lle preguntar:
__Mestre, que teño que facer de bo para acadar a vida eterna?
- 17El contestoulle:
__Por que me preguntas acerca do bo? Soamente Un é Bo. E se queres entrar na vida, garda os mandamentos.
- 18El preguntoulle:
__Cales?
Xesús díxolle:
__Non matarás, non cometerás adulterio, non roubarás, non darás falso testemuño;
- 19honra a teu pai e a túa nai, e ama ao teu próximo coma a ti mesmo.
- 20O mozo contestou:
__Todas esas cousas xa as gardo. Que é o que me falta?
- 21Respondeulle Xesús:
__Se queres ser perfecto, vai, vende canto tes e dállelo aos pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois, ven e sígueme.
- 22Oíndo estas cousas, o mozo marchou moi aflixido: tiña moitos bens.
O perigo das riquezas (Mc 10, 23-31; Lc 18, 24-30)
- 23Entón díxolles Xesús aos seus discípulos:
__Asegúrovos que lles vai ser difícil aos ricos entrar no Reino dos Ceos;
- 24volvo a asegurarvos: é máis fácil para un camelo pasar polo ollo dunha agulla que para un rico entrar no Reino dos Ceos.
- 25Oíndo aquilo, os discípulos aínda estaban máis abraiados e comentaron:
__Pero logo, quen se vai poder salvar?
- 26Mirando para eles fixamente, díxolles:
__Si, para os homes é imposible; pero para Deus todo é posible.
- 27Entón interveu Pedro dicindo:
__Pois nós deixámolo todo, e seguímoste. Que nos vai tocar?
- 28Xesús respondeu:
__Asegúrovos que vós, os que me seguistes, cando chegue o mundo novo e o Fillo do Home sente no trono da súa gloria, sentaredes en doce tronos para xulgardes as doce tribos de Israel.
- 29E todo aquel que deixou casas ou irmáns ou pai ou nai ou fillos ou leiras, por causa do meu nome, recibirá cen veces máis e herdará a vida eterna.
Parábola dos xornaleiros da viña
- 30E hai moitos que son os primeiros e serán os últimos; e moitos que son os últimos e serán os primeiros.