EVANXEO SEGUNDO MATEO - Capítulo 2
Capítulo 2
Adoración dos magos
- 1Xesús naceu en Belén de Xudea, en tempos do rei Herodes. E nisto uns magos de Oriente chegaron a Xerusalén preguntando:
- 2__Onde está o Rei dos xudeus que acaba de nacer? Porque vimos saír a súa estrela alá no Oriente, e vimos para renderlle homenaxe.
- 3Oíndo isto, o rei Herodes alporizouse, e con el toda Xerusalén.
- 4Convocou a todos os sacerdotes e letrados do pobo, para preguntarlles onde tiña que nacer o Mesías.
- 5Eles responderon:
__En Belén de Xudea, que así o deixou escrito o profeta:
- 6E ti Belén, terra de Xudea,
- de ningún xeito es a máis pequena,
- entre as vilas de Xudea,
- que de ti ha saír o guía
que será o pastor do meu pobo Israel.
- 7Entón Herodes, ás agachadas, chamou os magos, para informarse ben de cando lles aparecera a estrela.
- 8Logo mandounos a Belén, dicíndolles:
__Ide e informádevos ben do que hai dese neno; e unha vez que o atopedes, avisádeme, para ir eu tamén a renderlle homenaxe.
- 9Eles, despois de oíren ao rei, puxéronse en camiño. E, velaí, a estrela que viran saír no Oriente foinos guiando ata se deter enriba de onde estaba o neno.
- 10Grande alegría sentiron ao veren saír de novo a estrela.
- 11E cando entraron na casa atoparon o neno con María, súa nai. Prostráronse e rendéronlle homenaxe; e abrindo os seus tesouros, ofrecéronlle como regalo ouro, incenso e mirra.
- 12Logo, avisados en soños de que non volvesen por onda Herodes, foron para a súa terra por outro camiño.
Exilio en Exipto e matanza dos inocentes
- 13En canto se foron, un anxo do Señor apareceulle a Xosé en soños e díxolle:
__Érguete, colle o neno e mais a nai e fuxe para Exipto. Non te movas de alí ata que eu te avise, porque Herodes vai buscar o neno para acabar con el.
- 14Xosé ergueuse, colleu o neno e mais a nai, pola noite, e foise para Exipto.
- 15Alí permaneceu ata a morte de Herodes, cumpríndose así o que dixera o Señor por medio do profeta:
Chamei o meu fillo para que saíse de Exipto.
- 16Daquela Herodes, decatándose de que fora burlado polos magos, incomodouse moito. E, botando contas polos datos dos magos, mandou matar a todos os nenos de dous anos para abaixo, de Belén e da bisbarra.
- 17Daquela cumpriuse tamén o dito polo profeta Xeremías:
- 18Oíuse un berro en Ramah,
- choros e moito lamento:
- é Raquel que chora polos seus fillos,
e non se quere consolar porque xa non existen.
Volta para Nazaré
- 19En morrendo Herodes, o anxo do Señor aparecéuselle en soños a Xosé en Exipto
- 20e díxolle:
__Érguete, colle o neno e mais a nai e volve para a terra de Israel, que xa morreron os que querían acabar co neno.
- 21Ergueuse Xosé, e collendo o neno e mais a nai, foise para a terra de Israel.
- 22Pero, ao saber que Arquelao reinaba en Xudea, en lugar de seu pai, sentiu medo e non se atreveu a ir alá. Avisado en soños, marchou para a banda de Galilea,
- 23indo vivir a unha vila chamada Nazaré. Cumpriuse así o que dixeran os profetas: que se chamaría nazareno.