EVANXEO SEGUNDO MATEO - Capítulo 20
Capítulo 20
- 1Porque o Reino dos Ceos parécese a un propietario que saíu pola mañá cedo a contratar xornaleiros para a súa viña.
- 2Axustou con eles o xornal dun denario e mandounos á súa viña.
- 3Saíu outra vez á media mañá e atopou outros sen traballo na praza.
- 4E díxolles: “Ide vós tamén á miña viña, e dareivos o xusto”.
- 5Eles foron. De novo saíu polo mediodía, e pola tarde, facendo o mesmo.
- 6Pero aínda volveu saír á tardiña, e atopando outros parados na rúa, díxolles: “Pero que facedes aquí, todo o día sen traballar?”.
- 7Eles responderon: “É que ninguén nos contratou”. El díxolles entón: “Ide vós tamén á miña viña”.
- 8Anoitecendo xa, díxolle o dono da viña ao administrador: “Chama os xornaleiros e págalles o xornal: empézasme polos últimos e acabas polos primeiros”.
- 9Chegan os da derradeira hora e dálles un denario a cada un.
- 10Cando chegaron os primeiros coidaron que lles darían máis, pero tamén recibiron cadanseu denario.
- 11Ao recibilo, murmuraban contra o propietario:
- 12“Eses, os derradeiros, traballaron unha hora só e trátalos igual ca nós, que aturamos o peso e a caloraza do día”.
- 13Pero el replicoulle a un deles: “Amigo, non che fago ningunha inxustiza. Non conviñemos nun denario?
- 14Pois colle o teu, e vaite. E logo, se quero darlle ao último igual ca a ti,
- 15non teño dereito a facer o que quero co que é meu? Ou é que ti ves con mal ollo que eu sexa bo?”.
- 16Así, dese mesmo xeito, os últimos serán os primeiros, e os primeiros serán os últimos.
Terceiro anuncio da paixón (Mc 10, 32-34; Lc 18, 31-34)
- 17Segundo ía subindo a Xerusalén, chamou a un lado os Doce polo camiño e díxolles:
- 18__Vede que subimos a Xerusalén, e que alí lles van entregar o Fillo do Home aos sumos sacerdotes e mais aos letrados; condenarano a morte,
- 19e entregarano aos pagáns para que fagan riso del, o azouten e o crucifiquen; pero ao terceiro día resucitará.
Petición de Santiago e Xoán (Mc 10, 35-45)
- 20Entón achegóuselle a nai dos fillos do Zebedeo cos seus fillos, prostrándose para pedirlle algo.
- 21El preguntoulle:
__Que queres?
Respondeulle:
__Manda que estes dous fillos meus senten un á túa dereita e outro á túa esquerda no teu Reino.
- 22Respondeulle Xesús:
__Non sabedes o que pedides. Poderedes beber o cáliz que eu teño que beber?
Respondéronlle:
__Podemos.
- 23Xesús replicou:
__O meu cáliz beberédelo; pero o sentar á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min concedelo: é para quen o meu Pai o ten preparado.
- 24Ao escoitaren isto os outros dez, anoxáronse todos cos dous irmáns.
- 25Entón Xesús chamou por eles e díxolles:
__Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan, e os poderosos os asoballan.
- 26Pero entre vós non pode ser así. Nin moito menos: quen queira ser importante, que sirva aos demais;
- 27e quen queira ser o primeiro, que sexa o máis servizal;
- 28porque o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entregar a súa vida en rescate por todos.
Cura a dous cegos (Mc 10, 46-52; Lc 18, 35-43)
- 29E ao saíren de Iericó, seguiuno moita xente.
- 30Sentados a carón do camiño, había dous cegos que, cando oíron que pasaba Xesús, puxéronse a berrar:
__Fillo de David, ten piedade de nós!
- 31A xente rifáballes para que calasen, pero eles berraban aínda máis alto:
__Señor, Fillo de David, ten piedade de nós!
- 32Xesús parou, chamounos e preguntoulles:
__Que queredes que vos faga?
- 33Eles responderon:
__Señor, que se nos abran os ollos.
- 34Compadecido Xesús, tocoulles os ollos, e decontado recobraron a vista; e foron tras el.