EVANXEO SEGUNDO MATEO - Capítulo 21
Capítulo 21
EN XERUSALÉN
Entrada triunfal en Xerusalén (Mc 11, 1-11; Lc 19, 28-40; Xn 12, 12-19)
- 1E cando se aproximaban a Xerusalén e chegaron a Betfagué, ao pé do monte das Oliveiras, mandou Xesús a dous discípulos,
- 2dicíndolles:
__Ide á aldea que tedes aí de fronte, e deseguida atoparedes unha burra atada e un burriño con ela; ceibádeos e traédeos.
- 3Se alguén vos pregunta algo, respondédeslle que lle fan falta ao Señor, e que deseguida llos mandará de volta.
- 4Isto sucedeu para que se cumprise o que fora dito polo profeta:
- 5Dicídelle á filla de Sión:
- Velaí o teu Rei que vén onda ti,
- humilde e montado nunha burra,
nun burro, fillo de animal de carga.
- 6Foron os discípulos, e fixeron o que Xesús lles mandara.
- 7Trouxeron a burra e mais o burriño, botáronlle enriba os mantos, e Xesús montou.
- 8Moita xente estendeu os mantos no camiño; outros cortaron pólas das árbores, e estendéronas tamén no camiño.
- 9E a xente que ía diante e mais os que o seguían gritaban:
__Hosanna ao Fillo de David! Bendito o que vén no nome do Señor! Hosanna nas alturas!
- 10E ao entrar en Xerusalén, toda a cidade conmovida preguntaba:
__Quen é este?
- 11A xente respondía:
__Este é o profeta Xesús, o de Nazaré de Galilea.
Xesús bota os tendeiros fóra do templo (Mc 11, 15-19; Lc 19, 45-48; Xn 2, 13-22)
- 12Entrou Xesús no templo, e botou fóra os tendeiros e compradores do templo, derrubando as mesas dos cambiadores e os postos dos vendedores de pombas.
- 13E díxolles:
__Está escrito: A miña casa será casa de oración; pero vós convertédela en cova de bandidos.
- 14No templo rodeárono cegos e coxos, e curounos.
- 15Pero os sumos sacerdotes e os letrados, vendo os milagres que facía e os nenos que exclamaban no templo: “Hosanna ao Fillo de David!”, indignáronse;
- 16e dixéronlle:
__Seica non oes o que estes nenos din?
Xesús respondeulles:
__Si, e logo nunca lestes aquilo: Da boca dos meniños de peito fixeches saír unha loanza?
- 17E deixándoos, saíu da cidade cara a Betania, onde pasou a noite.
A figueira maldita (Mc 11, 12-14. 20-24)
- 18Pola mañá cedo, cando regresaba á cidade, sentiu fame.
- 19Vendo unha figueira ao pé do camiño, achegouse a ela; pero nada atopou, fóra de follas. Entón dixo:
__Nunca máis darás froito.
E, de súpeto, secou a figueira.
- 20Vendo aquilo os discípulos, preguntaron abraiados:
__Por que secou de súpeto a figueira?
- 21Xesús respondeu:
__Eu asegúrovos que se tedes fe, e non dubidades, non faredes soamente o da figueira, senón que se lle dixerdes a este monte: “Arríncate de aí, e bótate no mar”, mesmo iso se faría.
- 22Todo canto pidades con fe na oración, recibirédelo.
A autoridade de Xesús (Mc 11, 27-33; Lc 20, 1-8)
- 23Entrou no templo e mentres ensinaba, acercáronselle os sumos sacerdotes e mais os anciáns do pobo, para lle preguntaren:
__Con que autoridade fas esas cousas?: Quen che deu tal autoridade?
- 24Xesús respondeulles:
__Vouvos facer tamén eu a vós unha pregunta; e se respondedes, dígovos eu tamén con que autoridade fago estas cousas:
- 25O bautismo de Xoán, de onde era?: Era cousa de Deus ou dos homes?
Eles razoaban entre si dicindo: “Se respondemos de Deus, preguntaranos: entón por que non crestes nel?
- 26Pero se respondemos dos homes, temémoslle ao pobo, porque todos teñen a Xoán por profeta”.
- 27E contestáronlle a Xesús:
__Non sabemos.
Xesús replicou:
__Pois eu tampouco non vos vou dicir con que autoridade fago estas cousas.
Parábola dos dous fillos
- 28__Pero, que vos parece? Un home tiña dous fillos. Foi onda o primeiro, e díxolle: “Meu fillo, vai traballar hoxe na viña”.
- 29El respondeu: “Non quero”; pero despois, arrepentido, foi.
- 30Foise onda o outro e díxolle o mesmo. El respondeu: “Vou, señor”; pero non foi.
- 31Quen dos dous fixo a vontade do pai?
Respondéronlle:
__O primeiro.
Entón díxolles Xesús:
__Asegúrovos que os recadadores e mais as prostitutas entrarán no Reino de Deus antes ca vós.
- 32Porque veu Xoán para vos ensinar o camiño da xustiza, e non lle fixestes caso; en cambio, os recadadores e mais as prostitutas, si que llo fixeron. Pero vós, aínda despois de ver aquilo, nin vos arrepentistes nin crestes.
Parábola dos vendimadores (Mc 12, 1-12; Lc 20, 9-19)
- 33__Escoitade outra parábola:
Dunha vez había un propietario que plantou unha viña; rodeouna dunha sebe, cavou nela un lagar e construíu un caseto para o garda. Logo, arrendóullela a uns vendimadores e marchou para lonxe.
- 34Cando chegou o tempo da vendima, mandou os seus criados aos vendimadores, para cobrar as rendas.
- 35Pero os vendimadores agardáronos, e a un zorregáronlle, a outro matárono e a outro apedrárono.
- 36De novo mandou outros criados, máis numerosos; pero tratáronos do mesmo xeito.
- 37Por último, mandoulles o seu propio fillo, dicindo para si: “Ao meu fillo hano respectar”.
- 38Pero os vendimadores, ao veren o fillo, comentaron: “Este é o herdeiro: veña, matémolo, e a herdanza será nosa”.
- 39E agarrárono, botárono fóra da viña, e matárono.
- 40Ben, e cando veña o señor da viña, que fará cos vendimadores aqueles?
- 41Respondéronlle:
__A eses malvados faraos morrer de mala morte, e arrendaralles a viña a outros vendimadores, que lle paguen as rendas no seu tempo.
- 42Díxolles entón Xesús:
__Seica non lestes nunca na Escritura:
- A pedra que desbotaron os canteiros
- é agora o esquinal:
- esa pedra colocouna o Señor,
- que regalía para nós?
- 43Por iso dígovos: Quitarásevos a vós o Reino de Deus, e daráselle a un pobo que produza bos froitos.
- 44Quen caia enriba desa pedra, esnaquizarase; pero aquel sobre quen ela caia, ficará esmagado.
- 45Oíndo as súas parábolas, os sumos sacerdotes e mais os fariseos decatáronse de que ían por eles.
- 46Quixérono prender, pero tivéronlle medo á xente, que o tiña por profeta.