EVANXEO SEGUNDO MATEO - Capítulo 22
Capítulo 22
Os convidados á voda (Lc 14, 15-24)
- 1E Xesús púxose de novo a falarlles en parábolas:
- 2__Parécese o Reino dos Ceos a un rei que celebrou o casamento de seu fillo.
- 3Mandou os seus criados ir chamar polos convidados á voda, pero estes non querían ir.
- 4Volveu mandar outros criados, encargándolles: “Dicídelles aos convidados: Mirade que teño preparado o banquete, xa están mortos os becerros e tamén os demais animais cebados; todo está disposto: vide á voda!”.
- 5Pero eles, sen lles faceren caso, fóronse: un ás súas leiras, outro aos seus negocios.
- 6Os demais botáronse aos criados, maltratáronos e matáronos.
- 7Entón o rei, todo indignado, mandou os seus exércitos, que acabaron cos asasinos aqueles e prendéronlle lume á cidade.
- 8E díxolles aos criados: “A voda está preparada, pero os convidados non a merecían.
- 9Así que ide ás encrucilladas dos camiños; e a cantos atopedes, convidádeos á voda”.
- 10Saíron aos camiños os criados e xuntaron a todos os que atoparon, bos e malos, enchéndose de convidados a sala da voda.
- 11Cando entrou o rei para ollar os convidados, viu un home que non vestía traxe de voda
- 12e díxolle: “Amigo, como entraches aquí sen traxe de voda?”. El ficou caladiño:
- 13Entón o rei díxolles aos camareiros: “Atádeo de pés e mans, e botádeo fóra, ás tebras, onde será o pranto e mais o renxer dos dentes”.
- 14Porque os chamados son moitos, pero poucos os escollidos.
O tributo do César (Mc 12, 13-17; Lc 20, 20-26)
- 15Entón os fariseos fóronse reunir para veren o xeito de pillalo nalgún dito.
- 16E mandáronlle algúns dos seus discípulos e dos partidarios de Herodes, que lle preguntaron:
__Mestre, sabemos que es sincero: que ensinas o verdadeiro camiño de Deus e que non andas con miramentos, porque non te deixas levar polos respectos humanos.
- 17Dinos, logo, que che parece: está permitido pagarlle o tributo ao César ou non?
- 18Xesús, catando a malicia, contestoulles:
__Por que me queredes comprometer, hipócritas?
- 19Mostrádeme a moeda do tributo.
Eles presentáronlle un denario.
- 20E el preguntoulles:
__De quen é esa imaxe e esa inscrición?
- 21Contestáronlle:
__Do César.
Entón replicoulles:
__Pois logo dádelle ao César o que é do César e a Deus o que é de Deus.
- 22Ao oíren isto ficaron pasmados e, deixándoo, marcharon.
Acerca da resurrección (Mc 12, 18-27; Lc 20, 27-38)
- 23Naquel día chegaron onda el uns saduceos, deses que din que non hai resurrección,
- 24e preguntáronlle:
__Mestre, Moisés dixo: Se un morre sen deixar fillos, que o seu irmán case coa viúva, para lle dar descendencia ao irmán.
- 25Pois este era o caso de sete irmáns que había entre nós. O primeiro casou, pero como morreu sen fillos, deixoulle a muller ao seu irmán.
- 26O mesmo lle pasou ao segundo e mais ao terceiro. E así, aos sete.
- 27Ao cabo, morreu tamén a muller.
- 28Ora, cando resuciten, de cal deles vai ser a muller, xa que estivo casada cos sete?
- 29Respondeulles Xesús:
__Andades descamiñados porque non comprendedes nin a Escritura nin o poder de Deus.
- 30Cando resuciten, non casarán nin eles nin elas, porque serán coma anxos no ceo.
- 31E volvendo á resurrección dos mortos, non tedes lido o que vos deixou dito Deus:
- 32Eu son o Deus de Abraham, o Deus de Isaac, o Deus de Xacob? Ben, pois El non é Deus dos mortos, senón dos vivos.
- 33E a xente, ao escoitalo, estaba marabillada da súa doutrina.
O principal mandamento (Mc 12, 28-34; Lc 10, 25-28)
- 34Os fariseos, ao se informaren de que Xesús lles tapara a boca aos saduceos, reuníronse;
- 35e un deles, que era xurista, preguntoulle para poñelo a proba:
- 36__Mestre, cal é o mandamento máis importante da Lei?
- 37El respondeulle:
__Amarás o Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma e con todo o teu entendemento.
- 38Este é o mandamento primeiro e máis grande.
- 39O segundo é semellante a el: Amarás o teu próximo coma a ti mesmo.
- 40Destes dous mandamentos dependen a Lei enteira e mais os Profetas.
Fillo de David (Mc 12, 35-37; Lc 20, 41-44)
- 41Estando reunidos os fariseos, preguntoulles Xesús:
- 42__Que pensades vós do Mesías?: De quen é fillo?
Eles responderon:
__De David.
- 43El replicoulles:
__Como é logo que David, movido polo Espírito, o chama Señor, dicindo:
- 44Díxolle o Señor ao meu Señor:
- senta á miña dereita,
- que vou poñer os teus inimigos
coma estrado dos teus pés.
- 45Ora ben, se David o chama Señor, como vai ser o seu fillo?
- 46E ninguén foi capaz de lle responder palabra; e desde aquel día ninguén se atreveu a facerlle máis preguntas.