EVANXEO SEGUNDO MATEO - Capítulo 23
Capítulo 23
Denuncia dos letrados e fariseos (Mc 12, 38-40; Lc 11, 37-52; 20, 45-47)
- 1Entón Xesús dirixiuse aos discípulos e mais á xente
- 2dicindo:
__Na cátedra de Moisés sentaron os letrados e mais os fariseos.
- 3Facede, logo, e cumpride canto vos digan, pero non imitedes a súa conduta porque falan pero non cumpren.
- 4Atan fardos pesados e cánganos no lombo dos outros, pero eles nin un dedo poñen para os mover.
- 5Todo o que fan é para que os vexan: visten aparatosamente, ancheando os filacterios e as franxas dos seus mantos;
- 6buscan os primeiros postos nos banquetes e os primeiros asentos nas sinagogas;
- 7que lles fagan reverencias nos rueiros e que os chamen “mestre”.
- 8Pero vós non vos fagades chamar “señor mestre”, pois un só é o voso Mestre, e todos vós sodes irmáns.
- 9E a ninguén chamedes “pai” na terra porque un só é o voso Pai: o celestial.
- 10Nin tampouco vos fagades chamar “dirixentes”, porque un só é o voso dirixente: Cristo.
- 11O máis importante entre vós debe ser o voso servidor.
- 12Porque quen se enaltece será rebaixado, e quen se rebaixa será enaltecido.
- 13Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que lles pechades aos homes o Reino dos Ceos! Nin entrades vós nin deixades entrar aos que o intentan.
- 15Ai de vós, letrados e fariseos, hipócritas, que percorredes mar e terra para conseguir un prosélito; e cando o conseguides, facédelo fillo da perdición dúas veces máis ca vós!
- 16Ai de vós, guías cegos, que dicides: “Se alguén xura polo templo, non pasa nada; pero se xura polo ouro do templo, fica obrigado”.
- 17Parvos e cegos! Que é máis importante: o ouro, ou o templo que consagra o ouro?
- 18E tamén: “Se alguén xura polo altar, non pasa nada; pero se xura pola ofrenda que está enriba do altar, fica obrigado”.
- 19Cegos! Que é máis importante: a ofrenda, ou o altar que consagra a ofrenda?
- 20Quen xura polo altar, xura por el e mais por todo o que hai enriba del;
- 21e quen xura polo templo, xura por el e mais por Aquel que o habita;
- 22e quen xura polo ceo, xura polo trono de Deus e mais por Aquel que está sentado nel.
- 23Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que pagades o décimo pola menta, o anís e mais o comiño, e descoidades o máis importante da Lei: a xustiza, a misericordia e a fidelidade! Pero é isto o que hai que practicar, aínda que sen descoidar o outro.
- 24Guías de cegos, que coades o mosquito e tragades o camelo!
- 25Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que limpades por fóra a copa e mais o prato, e por dentro estades ateigados de roubos e vicio!
- 26Fariseo cego, limpa primeiro o interior da copa para que o seu exterior fique tamén limpo.
- 27Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que vos parecedes aos sepulcros encalados, que por fóra parecen fermosos e por dentro están cheos de ósos de mortos e de impureza!
- 28Tamén vós por fóra parecedes homes xustos, pero por dentro estades cheos de hipocrisía e inxustiza.
- 29Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que lles construídes sepulcros aos profetas e adornades os monumentos dos xustos,
- 30e dicides: “Se vivísemos no tempo de nosos pais, nós non seriamos cómplices deles no asasinato dos profetas”.
- 31De xeito que contra vós mesmos testemuñades que sodes os fillos dos que asasinaron aos profetas.
- 32Pois veña! Acabade tamén vós de encher a medida de vosos pais!
- 33Cobras, niñada de víboras! Como ides escapar da condena do inferno?
- 34Porque, ollade, eu mándovos profetas, sabios e letrados; a uns matarédelos e crucificarédelos, e a outros flaxelarédelos nas sinagogas, perseguíndoos de cidade en cidade.
- 35Así recaerá sobre vós todo o sangue inocente vertido na terra, desde o sangue de Abel, o xusto, ata o sangue de Zacarías, fillo de Baraquías, ao que matastes entre o santuario e o altar.
- 36Asegúrovos que todos estes crimes recaerán sobre esta xeración.
Laio por Xerusalén (Lc 13, 34-35)
- 37Xerusalén, Xerusalén, que matas os profetas e apedras os que che son enviados! Cantas veces quixen aconchegar os teus fillos, como a galiña aconchega os seus pitiños baixo as súas ás, e non quixeches!
- 38Pois mirade: a vosa casa fica desolada,
- 39e asegúrovos que xa non me volveredes ver desde agora ata que digades: Bendito o que vén no nome do Señor!