EVANXEO SEGUNDO MATEO - Capítulo 25
Capítulo 25
Parábola das dez mociñas
- 1Entón o Reino dos Ceos parecerase a dez mociñas que, collendo os seus candís, saíron recibir o noivo.
- 2Cinco eran necias e cinco asisadas.
- 3As necias colleron os candís pero non os encheron de aceite;
- 4as asisadas, en troques, cos candís levaron tamén as aceiteiras cheas.
- 5Como o noivo tardaba, pegoulles o sono, e botaron unha soneca.
- 6Alá pola media noite oíuse berrar: “Veña, que chega o noivo, ídeo recibir!”.
- 7Erguéronse todas aquelas mociñas e prepararon os candís.
- 8Entón dixéronlles as necias ás asisadas: “Dádenos un chisco de aceite, que os nosos candís esmorecen”.
- 9Responderon as asisadas: “Non vaia ser que non chegue para vós e para nós; mellor será que vaiades á tenda e que o merquedes”.
- 10No intre que elas ían mercalo, chegou o noivo, e as que estaban preparadas entraron con el no banquete de vodas, e pechouse a porta.
- 11Máis tarde chegaron as outras mociñas chamando: “Señor, Señor, ábrenos!”.
- 12Pero el respondeulles: “Asegúrovos que non vos coñezo”.
- 13Vixiade, logo, xa que non sabedes nin o día nin a hora.
Parábola dos talentos (Lc 19, 11-27)
- 14Si, é tamén coma un home que, tendo que saír de viaxe, chamou polos seus criados e deulles o coidado da súa facenda.
- 15A un deulle cinco talentos, a outro dous e a outro un, a cadaquén segundo a súa capacidade; despois marchou.
- 16Deseguida, o que recibira cinco talentos foi negociar con eles e gañou outros cinco.
- 17Do mesmo xeito o que recibira dous, gañou outros dous.
- 18Pero o que recibira un foi cavar un burato na terra e escondeu os cartos do seu amo.
- 19Ao cabo de moito tempo chegou o señor daqueles criados, pedíndolles contas.
- 20Chegou o que recibira cinco talentos e presentoulle outros cinco dicindo: “Señor, cinco talentos me entregaches, velaquí outros cinco que gañei”.
- 21Díxolle o señor: “Ben, criado fiel e cumpridor; xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito: pasa a gozar da festa do teu señor”.
- 22Chegou o que recibira dous talentos e dixo: “Señor, dous talentos me entregaches, velaquí outros dous que gañei”.
- 23E díxolle o señor: “Ben, criado fiel e cumpridor; xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito: pasa a gozar da festa do teu señor”.
- 24Chegou tamén o que recibira un talento e díxolle: “Señor, sei moi ben que es un home duro, que segas onde non sementaches e recolles onde non botas.
- 25Por iso collín medo, e fun agachar na terra o teu talento; aquí tes o que é teu”.
- 26Pero o señor respondeulle: “Mal criado, lacazán! Conque sabías que sego onde non semento e recollo onde non boto?
- 27Pois, poñías os meus cartos no banco e, así, cando eu volvese, podía coller os cartos e mais os xuros.
- 28Así que quitádelle o talento e dádello ao que ten dez.
- 29Porque ao que ten, háselle dar e abondo; pero ao que non ten, aínda o que ten se lle ha quitar.
- 30E ao criado inútil botádeo fóra á escuridade, onde será o pranto e mais o renxer dos dentes”.
O xuízo final
- 31Cando veña o Fillo do Home na súa gloria e todos os anxos con el, sentará no seu trono glorioso.
- 32Diante del xuntaranse todas as nacións; e separará uns dos outros, como xebra o pastor as ovellas das cabras.
- 33E poñerá as ovellas á súa dereita e as cabras á súa esquerda.
- 34Entón dirá o Rei aos da súa dereita: “Vide, benditos do meu Pai; recibide a herdanza do Reino preparado para vós desde a creación do mundo.
- 35Porque tiven fame e déstesme de comer; tiven sede e déstesme de beber; fun forasteiro e acolléstesme;
- 36estiven espido e vestístesme; enfermo e visitástesme; estiven na cadea e viñéstesme ver”.
- 37Entón preguntaranlle os xustos: “Señor, cando te vimos famento e che demos de comer; ou sedento e che demos de beber?
- 38Cando te vimos forasteiro e te acollemos; ou espido e te vestimos?
- 39Cando te vimos enfermo ou na cadea e te visitamos?”.
- 40O rei contestaralles: “Asegúrovos que canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos, fixéstelo comigo”.
- 41E diralles logo aos da súa esquerda: “Arredade de min, malditos; ide para o lume eterno preparado para o Satán e para os seus anxos.
- 42Porque tiven fame e non me destes de comer; tiven sede e non me destes de beber;
- 43fun forasteiro e non me acollestes; estiven espido e non me vestistes; enfermo e na cadea e non me visitastes”.
- 44Eles replicaranlle: “Señor, cando te vimos famento ou sedento, forasteiro ou espido, enfermo ou na cadea e non che acudimos?”.
- 45El responderalles: “Asegúrovos que canto deixastes de facerlle a un destes máis pequenos, deixastes de mo facer a min”.
- 46Daquela irán estes ao castigo eterno, e os xustos á vida eterna.