EVANXEO SEGUNDO MATEO - Capítulo 27
Capítulo 27
Xesús levado a Pilatos (Mc 15, 1; Lc 23, 1; Xn 18, 28)
- 1Ao raiar o día, todos os sumos sacerdotes e mais os anciáns do pobo celebraron consello contra Xesús, para condenalo a morte.
- 2Amarrárono e fóronllo entregar a Pilatos, o gobernador.
Morte de Xudas
- 3Entón Xudas, o traidor, ao ver que o condenaran, cheo de remordementos, devolveulles as trinta moedas de prata aos sumos sacerdotes e mais aos anciáns
- 4dicindo:
__Pequei entregando á morte a un inocente.
Eles contestaron:
__E a nós que nos contas? Alá ti.
- 5El, guindando as moedas no templo, marchou, e foise aforcar.
- 6Os sumos sacerdotes, apañando as moedas, dixeron: “Non é lícito botalas no peto das ofrendas, xa que son prezo de sangue”.
- 7Entón, despois de deliberar, compraron con elas o agro do Oleiro, para enterrar nel os forasteiros.
- 8Por iso, aquel agro chámase aínda hoxe o “agro do Sangue”.
- 9Cumpriuse así o que deixara escrito o profeta Xeremías: Colleron as trinta moedas de prata, prezo co que taxaran a un home (pois esa era a taxa que poñían os fillos de Israel),
- 10pagando así o agro do Oleiro, tal como mo mandara o Señor.
Xesús ante Pilatos (Mc 15, 2-15; Lc 23, 2-5. 13-25; Xn 18, 29-19, 16)
- 11Compareceu Xesús ante o gobernador, que lle preguntou:
__Es ti o rei dos xudeus?
Xesús contestou:
__Ti o dis.
- 12E aos cargos que lle facían os sumos sacerdotes e mais os anciáns, non respondeu nada.
- 13Entón preguntoulle Pilatos:
__Seica non oes todo o que están testemuñando contra ti?
- 14Pero non respondeu a pregunta ningunha, deixando ao gobernador moi estrañado.
- 15Resulta que pola festa tiña o costume de ceibar o preso que a xente lle pedise.
- 16Tiñan daquela un preso de moita sona chamado Xesús Barrabás.
- 17Pilatos dirixiuse ao pobo reunido:
__A quen queredes que vos solte, a Xesús Barrabás ou a Xesús, chamado o Cristo?
- 18Pois el ben sabía que llo entregaran por envexa.
- 19Mentres estaba sentado no tribunal, a súa muller mandoulle a dicir: “Deixa en paz a ese xusto, que hoxe sufrín moito en soños por cousa del”.
- 20Pero os sumos sacerdotes e mais os anciáns persuadiron á xente, para que reclamasen a Barrabás e acabasen con Xesús.
- 21O gobernador insistiu:
__A quen queredes que vos libere?
Eles dixeron:
__A Barrabás.
- 22Díxolles Pilatos:
__E que fago eu con Xesús, chamado o Cristo?
E responderon todos:
__Que o crucifiquen!
- 23El replicou:
__Pero, que mal fixo?
Pero eles berraban máis forte dicindo:
__Que o crucifiquen!
- 24Vendo Pilatos que non conseguía nada, senón que, pola contra, o barullo ía a máis, tomou auga e lavou as mans diante de todos dicindo:
__Alá vós! Eu non son responsable deste sangue.
- 25Todo o pobo respondeu dicindo:
__Pois que recaia o seu sangue sobre nós e sobre nosos fillos.
- 26Entón soltoulles a Barrabás, e a Xesús, despois de o mandar azoutar, entregouno para que o crucificasen.
Coroación cos espiños (Mc 15, 16-20; Xn 19, 2-3)
- 27Os soldados do gobernador levaron a Xesús ao Pretorio, e reuniron toda a compañía.
- 28Espírono, botáronlle enriba un manto escarlata;
- 29e, trenzando unha coroa de espiños, puxéronlla na cabeza, e na man dereita unha cana. Axeonllándose diante del, dicíanlle moqueándose:
__Saúde, rei dos xudeus!
- 30Cuspíanlle e coa canivela dábanlle vergalladas na cabeza.
- 31Despois de faceren riso del, quitáronlle o manto e puxéronlle a súa roupa e quitárono para fóra para o crucificar.
Crucifixión (Mc 15, 21-32; Lc 23, 26-43; Xn 19, 17-27)
- 32Ao saíren atoparon un home de Cirene, chamado Simón; e obrigárono a levar a cruz de Xesús.
- 33Cando chegaron a un lugar chamado Gólgota, que quere dicir: “lugar da Caveira”,
- 34déronlle de beber viño mesturado con fel. Xesús probouno, pero non o quixo beber.
- 35Crucificárono, e repartiron entre eles a roupa botándoa a sorteo.
- 36Despois sentaron alí a ter conta del.
- 37Puxéronlle tamén enriba da cabeza un escrito co motivo da condena: “Este é Xesús, o rei dos xudeus”.
- 38Tamén crucificaron con el dous bandidos, un á dereita e outro á esquerda.
- 39Os que pasaban por alí, insultábano, abaneando a cabeza
- 40e dicindo:
__Vaites, vaites, o que destrúe o templo e o reconstrúe en tres días! Veña, sálvate a ti mesmo e baixa da cruz, se es fillo de Deus.
- 41Do mesmo xeito os sumos sacerdotes, burlándose del xunto cos letrados e anciáns, dicíanlle:
- 42__Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo! É o rei de Israel! Que baixe agora da cruz e creremos nel!
- 43Confía en Deus: pois que o salve agora, se é que de verdade o quere; ben que dixo: “Son fillo de Deus”.
- 44Tamén o aldraxaban os bandidos que estaban crucificados con el.
Morte de Xesús (Mc 15, 33-41; Lc 23, 44-49; Xn 19, 28-30)
- 45Chegado o mediodía, a escuridade cubriu a terra ata as dúas e pico da tarde.
- 46E nesa hora Xesús berrou moi forte dicindo:
__Elí, Elí lemá sabacthaní? Isto é: Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches?
- 47E algúns dos que estaban alí, oíndo aquilo, comentaban:
__Este chama a Elías.
- 48Inmediatamente un deles foi correndo coller unha esponxa con vinagre e, espetándoa nunha cana, deulle de beber.
- 49Pero os demais dicían:
__Deixade, a ver se vén Elías salvalo.
- 50Pero Xesús, dando de novo un grande berro, entregou a alma.
- 51Entón o veo do Santuario rachouse en dous de arriba abaixo. Tremeu a terra, as rochas fenderon,
- 52e abríronse os sepulcros. Moitos corpos dos santos que estaban mortos resucitaron.
- 53E despois que el resucitou, saíron dos sepulcros, entraron na cidade santa e aparecéronselles a moitos.
- 54O centurión e mais os que con el gardaban a Xesús, vendo o terremoto e todo o que pasaba, dixeron aterrados:
__Verdadeiramente este era o Fillo de Deus.
- 55Había alí, mirando desde lonxe, moitas mulleres que seguiran a Xesús desde Galilea para servilo.
- 56Entre elas estaba María Magdalena, María a nai de Santiago e mais de Xosé, e a nai dos fillos do Zebedeo.
Sepultura de Xesús (Mc 15, 42-47; Lc 23, 50-56; Xn 19, 38-42)
- 57Á tardiña chegou un home rico de Arimatea chamado Xosé, que tamén era discípulo de Xesús.
- 58Foi onda Pilatos e pediulle o corpo de Xesús. Pilatos mandou que llo entregasen.
- 59Collendo o corpo envolveuno nunha saba limpa
- 60e púxoo no seu propio sepulcro novo, que tiña cavado nunha rocha; e, facendo arrolar unha grande lousa na entrada do sepulcro, foise.
- 61Estaban alí María Magdalena e mais a outra María, sentadas fronte ao sepulcro.
Vixilancia do sepulcro
- 62Ao outro día, pasado o día da Preparación, os sumos sacerdotes e mais os fariseos foron xuntos onda Pilatos
- 63e dixéronlle:
__Señor, lembramos que aquel impostor, cando estaba vivo, dixo: “Resucitarei despois de tres días”.
- 64Así que manda que vixíen o sepulcro ata o terceiro día; non vaia ser que cheguen os discípulos e o rouben e que lle digan á xente: “Resucitou de entre os mortos!”. E así a derradeira impostura sería peor que a primeira.
- 65Díxolles Pilatos:
__Tedes a garda, ide, e vixiádeo como mellor saibades.
- 66Eles foron e selaron a lousa, asegurando a vixilancia do sepulcro coa garda.