EVANXEO SEGUNDO MATEO - Capítulo 28
Capítulo 28
A Resurrección (Mc 16, 1-8; Lc 24, 1-12; Xn 20, 1-10)
- 1Pasado o sábado, na alborada do primeiro día da semana, María Magdalena e mais a outra María foron visitar o sepulcro.
- 2Entón produciuse un gran terremoto, xa que o anxo do Señor, baixando do ceo, removeu a lousa e sentou enriba dela.
- 3Tiña o aspecto dun relampo e o seu vestido era branco coma a neve.
- 4Os gardas tremeron co medo, ficando coma mortos.
- 5Mais o anxo díxolles ás mulleres:
__Non teñades medo, ben sei que buscades a Xesús o crucificado.
- 6Non está aquí, resucitou tal como dixera. Vide ver o sitio onde estaba.
- 7E ide axiña dicirlles aos seus discípulos: “Resucitou de entre os mortos e vai diante de vós para Galilea: alí o veredes”. Iso é o que vos tiña que dicir.
- 8Elas marcharon do sepulcro con toda a présa, con temor pero cheas de gozo; e correron para llelo comunicaren aos seus discípulos.
- 9Entón Xesús saíulles ao encontro dicindo:
__Alegrádevos.
Elas, achegándose, abrazáronlle os pés e prostráronse ante el.
- 10Xesús díxolles:
__Non teñades medo: ide avisar a meus irmáns de que marchen para Galilea, que alí me verán.
A versión dos gardas
- 11Mentres elas ían, algúns da garda foran á cidade para informaren aos sumos sacerdotes de canto acontecera.
- 12Eles, reuníndose cos anciáns, acordaron darlles unha boa presa de cartos aos soldados,
- 13encargándolles:
__Vós dicide: “Os seus discípulos fórono roubar de noite, mentres nós durmiamos”.
- 14E, se o gobernador chega a saber algo, xa o convenceremos nós, sacándovos do apuro.
- 15Eles, collendo os cartos, fixeron tal como lles mandaran. E así correu este rumor entre os xudeus ata o día de hoxe.
Misión dos discípulos (Mc 16, 14-16; Lc 24, 38. 46-48; Xn 20, 19-23)
- 16Os once discípulos fóronse para Galilea ao monte onde Xesús os citara.
- 17E véndoo, prostráronse ante el, aínda que algúns dubidaban.
- 18Xesús, achegándose, díxolles:
__Déuseme todo poder no ceo e mais na terra.
- 19Ide, pois, e facede discípulos meus a todos os pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo;
- 20ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo.