EVANXEO SEGUNDO MATEO - Capítulo 3
Capítulo 3
PREPARACIÓN DA PREDICACIÓN DE XESÚS
Xoán o Bautista (Mc 1, 2-8; Lc 3, 1-18)
- 1Naqueles días apareceu Xoán o Bautista no deserto, proclamando:
- 2__Convertédevos, que xa chega o Reino dos Ceos.
- 3El era de quen dixera o profeta Isaías:
- Unha voz clama no deserto:
- Preparade o camiño do Señor,
endereitade os seus vieiros.
- 4Xoán ía vestido con pelos de camelo e cun cinguidoiro de coiro no van, e mantíñase de saltóns e mel bravo.
- 5Ía onda el xente de Xerusalén, de toda Xudea e mais da banda do Xordán.
- 6Confesaban os seus pecados e el bautizábaos no Xordán.
- 7Como se decatara de que moitos fariseos e saduceos viñan a que os bautizase, díxolles:
__Raza de víboras! Quen vos ensinou a fuxir do castigo que está a chegar?
- 8Dade froitos dignos dunha verdadeira conversión,
- 9e non vos fagades ilusións dicindo entre vós: “Somos fillos de Abraham!”, porque vos aseguro que Deus pode sacar fillos de Abraham mesmo destas pedras.
- 10Xa está a machada posta contra a raíz das árbores, e toda árbore que non dea froito cortarase e botarase ao lume.
- 11Eu bautízovos con auga para que vos convertades. Pero o que vén detrás miña é máis forte ca min, e nin tan sequera son digno de levarlle as sandalias. El havos bautizar co Espírito Santo e con lume.
- 12Porque trae a forcada na man, para limpar a súa eira e na hucha recolle o trigo; e ha queimar a palla nun lume que nunca se apaga.
Bautismo de Xesús (Mc 1, 9-11; Lc 3, 21-22)
- 13Entón apareceu Xesús, que viña desde Galilea ao Xordán, para que Xoán o bautizase.
- 14Xoán trataba de impedilo dicindo:
__Como vés ti onda min, se es ti quen me tes que bautizar a min?
- 15Xesús respondeulle:
__Deixa agora, pois cómpre que fagamos o que é xusto.
Xoán accedeu.
- 16Tan pronto como foi bautizado, Xesús saíu da auga. E velaí que se abriron os ceos, e viu o Espírito de Deus baixar coma unha pomba ata se pousar enriba del.
- 17E oíuse desde o ceo unha voz que dicía:
__Este é o meu fillo benquerido, o predilecto.