EVANXEO SEGUNDO MATEO - Capítulo 4
Capítulo 4
As tentacións (Mc 1, 12-13; Lc 4, 1-13)
- 1Daquela o Espírito conduciu a Xesús ao deserto, para que Satán o tentase.
- 2Despois de xaxuar corenta días e corenta noites, acabou por ter fame.
- 3O tentador, achegándose a el, díxolle:
__Se es Fillo de Deus, manda que estas pedras se convertan en pan.
- 4Pero el respondeu:
__Está escrito: Non soamente de pan vive o home, senón de toda palabra saída da boca de Deus.
- 5Levouno logo o Satán á Cidade Santa, e púxoo na atalaia do templo,
- 6dicíndolle:
__Se es o Fillo de Deus, bótate de aquí embaixo, que está escrito: Mandará os seus anxos para que te coiden e te leven nas súas mans; e os teus pés non se mancarán nas pedras.
- 7Xesús respondeu:
__Tamén está escrito: Non tentarás o Señor, o teu Deus.
- 8Pero aínda o levou o Satán a un monte moi alto e, mostrándolle os reinos todos do mundo enteiro, cheos de esplendor,
- 9díxolle:
__Heiche dar todo isto se te prostras e me adoras.
- 10Entón replicoulle Xesús:
__Arreda, Satanás, porque está escrito: Só ao Señor, o teu Deus, adorarás, e só a El darás culto.
- 11Deixouno o Satán, e achegáronse os anxos para o serviren.
A Boa Nova (Mc 1, 14-15; Lc 4, 14-15)
- 12Cando soubo Xesús que encadearan a Xoán, retirouse a Galilea.
- 13Deixando Nazaré, foise establecer en Cafarnaúm, na beira do mar, en terras de Zebulón e Naftalí,
- 14para que se cumprise o dito polo profeta Isaías:
- 15Terra de Zebulón, terra de Naftalí,
- camiño do mar na outra ribeira do Xordán,
- Galilea dos pagáns.
- 16O pobo que xacía na escuridade
- viu unha gran luz;
- para os que habitaban no escuro país da morte
- brillou unha alborada.
- 17E desde aquela empezou Xesús a predicar, dicindo:
__Arrepentídevos, que o Reino dos Ceos xa está aí.
Os primeiros discípulos (Mc 1, 16-20; Lc 5, 1-11)
- 18Camiñando pola ribeira do mar de Galilea, viu a dous irmáns: Simón, tamén chamado Pedro, e André; os dous, que eran pescadores, estaban largando o aparello no mar.
- 19Díxolles:
__Vide comigo, e fareivos pescadores de homes.
- 20Eles deixaron decontado o aparello, e seguírono.
- 21Máis adiante atopou outros dous irmáns: Santiago e mais Xoán, fillos de Zebedeo, que estaban con seu pai na barca arranxando o aparello. Tamén os chamou, e
- 22eles coa mesma deixaron a barca e mais a seu pai e seguírono.
- 23Xesús percorría a Galilea enteira ensinando nas sinagogas e anunciando a Boa Nova do Reino, curando canta doenza padecía o pobo.
- 24Falábase del en toda Siria e traíanlle enfermos con toda clase de doenzas e padecementos, endemoñados, epilépticos, tolleitos; e a todos curaba.
- 25Eran moitos os que o seguían, un mundo de xente chegada da Galilea, Decápolis, Xerusalén, Xudea e da outra banda do Xordán.