EVANXEO SEGUNDO MATEO - Capítulo 5
Capítulo 5
Anuncio da verdadeira dita (Mc 9, 50; Lc 6, 20-23)
- 1Vendo Xesús a multitude, subiu ao monte e sentou. Achegáronselle os seus discípulos,
- 2e el, tomando a palabra, ensináballes dicindo:
- 3Ditosos os que teñen espírito de pobres,
porque deles é o Reino dos Ceos.
- 4Ditosos os que choran,
porque eles serán consolados.
- 5Ditosos os non violentos,
porque eles herdarán a terra.
- 6Ditosos os famentos e sedentos de xustiza,
porque eles ficarán fartos.
- 7Ditosos os misericordiosos,
porque eles acadarán a misericordia.
- 8Ditosos os de corazón limpo,
porque eles verán a Deus.
- 9Ditosos os que traballan pola paz
porque eles serán chamados fillos de Deus.
- 10Ditosos os perseguidos por causa da xustiza,
porque deles é o Reino dos Ceos.
- 11Ditosos vós cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa:
- 12alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos Ceos; do mesmo xeito perseguiron aos profetas anteriores a vós.
Sal da terra, luz do mundo (Mc 4, 21; 9, 50; Lc 11, 33-36)
- 13Vós sodes o sal da terra. Pero se o sal se volve insulso, con que se vai salgar? Para nada vale xa, senón para tirar con el e que o pise a xente.
- 14Vós sodes a luz do mundo. Non se pode acochar unha cidade afincada na cima dun monte.
- 15Tampouco se acende unha lámpada para poñela debaixo do modio, senón sobre o candeeiro, para que alume a todos os da casa.
- 16Alume así a vosa luz aos homes, para que, vendo as vosas boas obras, glorifiquen a voso Pai que está nos Ceos.
Nova interpretación da Lei
- 17Non pensedes que vin derrogar a Lei e os Profetas; non vin para derrogar, senón para dar cumprimento.
- 18Porque vos aseguro: mentres non pasen o ceo e mais a terra non pasará nin unha letra nin un til da Lei ata que todo se cumpra.
- 19E quen falte a un destes mandamentos máis pequenos e así llelo ensine a facer aos outros, será declarado o máis pequeno no Reino dos Ceos; pero quen os cumpra e ensine será declarado grande no Reino dos Ceos.
- 20Porque vos aseguro que se a vosa xustiza non é maior que a dos letrados e fariseos, non entraredes no Reino dos Ceos.
A ira
- 21Tedes oído que se lles dixo aos vosos devanceiros: Non matarás, e quen mate será reo ante o tribunal.
- 22Mais eu dígovos: Todo o que se enrabeche con seu irmán será reo ante o tribunal; quen o alcume será reo ante o Sanedrín; e quen o aldraxe será reo do lume do inferno.
- 23Se ao presentar a túa ofrenda no altar te acordas entón de que teu irmán ten queixas contra ti,
- 24pousa a ofrenda alí mesmo, diante do altar, vaite primeiro reconciliar con teu irmán, e logo volve a presentar a túa ofrenda.
- 25Ponte de acordo, canto antes, co teu preiteante mentres ides de camiño; non sexa que te entregue ao xuíz, o xuíz ao garda, e te metan na cadea.
- 26Ten por seguro que non sairás de alí ata que deas pagado o derradeiro céntimo.
O adulterio (18, 8-9; Mc 9, 43-49)
- 27Tedes oído que foi dito: Non cometerás adulterio.
- 28Pois eu dígovos: Todo aquel que mira a unha muller casada con desexo, xa cometeu adulterio no seu corazón.
- 29Se o teu ollo dereito che é ocasión de pecado, arríncao e tira con el: que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno.
- 30Se a túa man dereita che é ocasión de pecado, córtaa e tira con ela lonxe de ti: que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno.
O repudio (19, 9; Mc 10, 11-12; Lc 16, 18)
- 31Ténsevos dito: Quen repudie a súa muller, déalle acta de repudio.
- 32Pero eu dígovos: Todo o que repudia a súa muller, fóra o caso de estaren malvivindo, expona a ser adúltera; e o que case cunha repudiada comete adulterio.
O xuramento
- 33Tamén tedes oído que se lles dixo aos devanceiros: Non xurarás en falso, e cumprirás as promesas feitas con xuramento ao Señor.
- 34Pero eu dígovos: Non xuredes nunca; nin polo ceo, que é o trono de Deus;
- 35nin pola terra, porque é escano para os seus pés; nin por Xerusalén, que é a cidade do gran Rei.
- 36Tampouco xures pola túa cabeza, porque nin sequera lle podes virar branco ou negro un só cabelo.
- 37Falade, logo, deste xeito: “Si”, cando é si; “Non”, cando é non; e todo o que pase de aí vén do Malo.
A vinganza (Lc 6, 29-30)
- 38Tedes oído que se vos dixo: Ollo por ollo e dente por dente.
- 39Mais eu dígovos: non volvades mal por mal. Ao contrario, se alguén che dá un lapote na túa meixela dereita, preséntalle a outra;
- 40a quen queira preitear contigo e che leve a túnica, déixalle ir tamén o manto;
- 41a quen te obrigue a camiñar con el unha milla, acompáñao dúas.
- 42A quen che pide, dálle; e non te vires de costas a quen che pida emprestado.
Amor aos inimigos (Lc 6, 27-28. 32-36)
- 43Tedes oído que se vos dixo: Amarás o teu próximo e aborrecerás o teu inimigo.
- 44Pero eu dígovos: amade os vosos inimigos e pregade polos que vos perseguen.
- 45Así seredes fillos de voso Pai que está no ceo, que fai saír o seu sol sobre malos e bos, e chover sobre xustos e inxustos.
- 46Porque, se amades os que vos aman, que recompensa ides ter? Non fan o mesmo os recadadores de impostos?
- 47E se saudades soamente a vosos irmáns, que facedes de máis? Non fan outro tanto os pagáns?
- 48Daquela sede bos sen exclusivismos, como o voso Pai celestial é totalmente bo.