EVANXEO SEGUNDO MATEO - Capítulo 6
Capítulo 6
A esmola
- 1Tede coidado de non practicar a vosa xustiza para que vos vexa a xente, que daquela o voso Pai celestial non vos dará recompensa ningunha.
- 2Cando deas unha esmola non o vaias proclamando diante de ti cunha trompeta, como fan os hipócritas nas sinagogas e nos rueiros para seren loados polos homes; asegúrovos que xa recibiron a súa recompensa.
- 3Ti, en troques, cando deas unha esmola, que non saiba a túa man esquerda o que fai a dereita.
- 4Así a esmola será secreta; e teu Pai, que ve o segredo, xa te recompensará.
Sobre a oración (Lc 11, 2-24)
- 5Cando recedes non fagades coma os hipócritas, que gustan de rezar moi ergueitos nas sinagogas e nos recantos das rúas para que os vexa a xente; asegúrovos que tamén recibiron a súa recompensa.
- 6Ti, pola contra, cando queiras rezar, métete no teu cuarto, pecha a porta e rézalle a teu Pai que está no segredo; e teu Pai, que ve no segredo, hate recompensar.
- 7E cando vos poñades a rezar, non sexades lingoreteiros coma os pagáns. Botan de conta que os van escoitar polo moito falar.
- 8Non sexades coma eles, porque voso Pai ben sabe o que precisades xa antes de que llo pidades.
- 9Vós, rezade así:
Noso Pai que estás no ceo,
santificado sexa o teu nome;
- 10veña o teu Reino,
fágase a túa vontade
así na terra coma no ceo.
- 11Dános hoxe o noso pan de cada día.
- 12E perdoa as nosas débedas
como tamén nós perdoamos xa
aos nosos debedores.
- 13E non nos sometas á tentación,
mais líbranos do Malo.
- 14Porque se vós perdoades aos outros as ofensas que vos fan, tamén voso Pai celestial perdoará as vosas;
- 15pero se non perdoades aos outros, voso Pai celestial tampouco non perdoará as vosas ofensas.
O xaxún
- 16Cando xaxuedes non poñades caras tristeiras, como fan os hipócritas: desfiguran as súas caras para que a xente llelo note. Asegúrovos que xa recibiron a súa recompensa.
- 17Ti, en troques, cando xaxúes, perfuma a cabeza e lava a cara,
- 18para que non se che note ante os homes, senón ante teu Pai celestial; e teu Pai, que ve o que está escondido, hate recompensar.
O verdadeiro tesouro (Lc 12, 33-34)
- 19Non amoreedes tesouros na terra, onde a traza e mais a ferruxe acaban con eles, e os ladróns asaltan as casas para roubalos.
- 20Amoreade tesouros no ceo, onde non hai traza nin ferruxe que acaben con eles, nin ladróns que asalten e os rouben.
- 21Que onde está o teu tesouro está o teu corazón.
A luz do corpo (Lc 11, 34-36)
- 22A luz do corpo é o ollo. Se o teu ollo está san, todo o teu corpo estará alumado;
- 23pero se o teu ollo está malo, todo o teu corpo estará na escuridade. E se a luz que hai en ti é escuridade, canta escuridade!
Deus e o diñeiro (Lc 16, 13)
- 24Ninguén pode servir a dous amos, porque ou lle ten lei a un e xenreira a outro, ou ben atende a un e menospreza ao outro. Non podedes servir a Deus e mais o diñeiro.
A Providencia (Lc 12, 22-31)
- 25Por iso dígovos: non andedes agoniados pola vosa vida (o que ides comer, o que ides beber), nin polo voso corpo (o que ides vestir). Non vale máis a vosa vida ca a mantenza, e non vale máis o voso corpo ca o vestido?
- 26Ollade para as aves do ceo: nin sementan, nin segan, nin recollen nas arcas e, con todo, son mantidas polo voso Pai celestial. Non valedes vós máis ca elas?
- 27E quen de vós, por máis que se angustie, pode engadir un anaco máis ao tempo da súa vida?
- 28E polo vestido por que vos angustiades? Aprendede dos lirios do campo: como medran e non traballan, nin fían.
- 29E asegúrovos que nin Salomón en toda a súa gloria se chegou a vestir coma un deles.
- 30Pois se á herba do campo, que hoxe verdea e mañá será botada ao forno, Deus así a viste, canto máis non fará por vós, homes de pouca fe?
- 31Non andedes angustiados, dicindo: “Que imos comer?”, ou “que imos beber?”, ou “que imos vestir?”.
- 32Por todas esas cousas andan angustiados os pagáns; e ben sabe voso Pai celestial que as precisades.
- 33Procurade primeiro o Reino de Deus e mais a súa xustiza, e todas esas cousas hánsevos dar de máis a máis.
- 34Así que non vos angustiedes polo de mañá: mañá xa traerá a súa angueira. Cada día ten abondo cos seus pesares.