EVANXEO SEGUNDO MATEO - Capítulo 7
Capítulo 7
Non xulgar aos demais (Lc 6, 37-38. 41-42)
- 1Non xulguedes para que non vos xulguen a vós.
- 2Porque co xuízo que xulguedes hanvos xulgar a vós, e coa medida coa que midades hanvos medir a vós.
- 3Por que reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán e non te decatas da trabe que hai no teu?
- 4E, como lle vas dicir a teu irmán: “Deixa que che quite o lixo que tes no ollo”, tendo ti unha trabe no teu?
- 5Hipócrita! Quita primeiro a trabe do teu ollo e logo verás mellor para quitar o lixo do ollo de teu irmán.
- 6Non deades o sagrado aos cans nin lle botedes as vosas perlas aos porcos; non sexa que as esmaguen cos pés, e, virándose contra vós, vos esnaquicen.
Perseverar na oración (Lc 11, 9-13)
- 7Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade e abrirásevos.
- 8Pois quen pide, recibe; quen busca, atopa; e a quen peta, abriráselle.
- 9Ou é que hai alguén entre vós que, se o seu fillo lle pide pan, lle dá unha pedra?
- 10Ou, se lle pide un peixe, lle dá unha cobra?
- 11Pois se vós, que sodes ruíns, ben sabedes darlles cousas boas aos vosos fillos, canto máis voso Pai celestial llelas dará aos que llas pidan?
- 12Así que tratade á xente en todo conforme queredes que vos traten a vós, porque esta é a Lei e mais os Profetas.
A porta estreita (Lc 13, 24)
- 13Entrade pola porta estreita. Porque ancha é a porta e espazoso o camiño que leva á perdición, e son moitos os que entran por el.
- 14Pero que estreita é a porta e que apertado o camiño que levan á vida, e que poucos dan con eles!
A árbore coñécese polos froitos (Lc 6, 43-44)
- 15Gardádevos dos falsos profetas que veñen onda vós con aparencia de ovellas, pero no fondo non son máis ca lobos raspiñeiros!
- 16Polos seus froitos coñecerédelos. Ou é que se recollen uvas dos espiños ou figos dos abrollos?
- 17Así, toda árbore de boa caste produce froitos xeitosos, e toda árbore de mala caste produce froitos ruíns.
- 18Non pode unha árbore boa producir froitos ruíns, nin unha árbore ruín producir froitos de calidade.
- 19Toda árbore que non produce froitos bos, córtase e bótase no lume.
- 20Así que polos seus froitos é como os coñeceredes.
A falsa piedade (Lc 6, 46; 13, 25-27)
- 21Non todo o que me di: “Señor! Señor!”, entrará no Reino dos Ceos, senón o que fai a vontade do meu Pai celestial.
- 22Moitos hanme dicir naquel día: “Señor! Señor!, non profetizamos no teu nome, non botamos os demos fóra no teu nome, e no teu nome non fixemos moitos milagres?”.
- 23Pero daquela eu heilles dicir abertamente: “Endexamais non vos coñecín: arredádevos de min os que practicades o mal!”.
A piedade auténtica (Lc 6, 47-49)
- 24Así pois, todo aquel que escoita as miñas palabras e as pon en práctica será coma o home asisado que edificou a súa casa sobre rocha.
- 25Caeu a chuvia, veu a riada, bruou o vendaval batendo na casa; pero non se derrubou porque estaba asentada na rocha.
- 26Mais todo o que escoita as miñas palabras e non as leva á práctica, pórtase coma un tolambrón que edificou a súa casa sobre area.
- 27Caeu a chuvia, veu a riada, bruou o vendaval, e batendo na casa derrubouna, sendo grande a desfeita.
- 28E resulta que, rematando o seu discurso, a xente quedou sorprendida pola súa doutrina,
- 29porque lles ensinaba con autoridade e non coma os letrados.