EVANXEO SEGUNDO MATEO - Capítulo 8
Capítulo 8
Curación dun gafo (Mc 1, 40-45; Lc 5, 12-16)
- 1Cando Xesús baixou do monte foino seguindo moita xente.
- 2E nestas achegouse a el un gafo, que se prostrou ante el e díxolle:
__Señor, con só que queiras, pódesme limpar.
- 3El estendeu a man e tocouno, dicindo:
__Quero, queda limpo.
E, coa mesma, quedou limpo da lepra.
- 4E díxolle Xesús:
__Mira, non digas nada; pero vai, preséntate ao sacerdote, e ofrece o donativo que prescribiu Moisés, para que lles sirva de testemuño.
A fe do centurión (Lc 7, 2-10; Xn 4, 46-54)
- 5Ao entrar en Cafarnaúm achegóuselle un centurión que lle suplicou
- 6dicindo:
__Señor, o meu criado xace tolleito na casa e padece moito.
- 7Díxolle Xesús:
__Eu irei e curareino.
- 8Replicoulle o centurión:
__Señor, non son merecente de que entres baixo o meu teito, abonda cunha palabra túa para que o meu criado cure.
- 9Que eu, aínda que son un subordinado, tamén teño homes baixo as miñas ordes; e dígolle a este: “Vai”, e vai; a aqueloutro: “Ven”, e vén; e ao meu criado: “Fai isto”, e faino.
- 10A Xesús chamoulle moito a atención oír aquilo, e díxolles aos que o seguían:
__Asegúrovos que non atopei a ninguén cunha fe tan grande en todo Israel.
- 11E dígovos que moitos de oriente e mais de occidente virán sentar na mesa de Abraham, Isaac e Xacob, no Reino dos Ceos.
- 12Pero aos fillos do Reino botaranos para fóra, á escuridade; alí será o pranto e o triscar os dentes.
- 13E Xesús díxolle ao centurión:
__Vaite, que se cumpra segundo a túa fe.
E naquela hora curou o criado.
Outras curacións (Mc 1, 29-34; Lc 4, 38-41)
- 14En chegando Xesús á casa de Pedro atopou á sogra deste deitada con febre.
- 15Colleuna da man e fóiselle a febre. Ela ergueuse e púxose a servilo.
- 16Contra a tardiña leváronlle moitos endemoñados, e coa súa palabra botoulles fóra os espíritos e curou os enfermos todos.
- 17Así cumpriuse o que deixara dito o profeta Isaías:
- Apandou coas nosas doenzas
- e cargou coas nosas enfermidades.
O seguimento de Xesús (Lc 9, 57-62)
- 18Vendo Xesús que o rodeaba un mundo de xente, ordenou pasar para a outra banda.
- 19E achegándose a el un letrado, díxolle:
__Mestre, seguireite vaias a onde vaias.
- 20Respondeulle Xesús:
__As raposas teñen tobeiras e os paxaros niños, pero o Fillo do Home non ten onde pousar a cabeza.
- 21Outro dos seus discípulos díxolle:
__Señor, deixa que vaia primeiro enterrar a meu pai.
- 22Xesús respondeulle:
__Ti sígueme e deixa que os mortos enterren aos seus mortos.
Temporal no mar (Mc 4, 35-41; Lc 8, 22-25)
- 23Subiu á barca, e seguírono os seus discípulos.
- 24De súpeto levantouse tan grande temporal no mar que as ondas tapaban a barca; pero el durmía.
- 25Os discípulos fórono espertar, exclamando:
__Señor, sálvanos que afogamos!
- 26El díxolles:
__Por que vos acovardades, homes de pouca fe?
E poñéndose de pé increpou os ventos e mais o mar, e veu unha grande calma.
- 27Os homes, abraiados, dicían:
__Quen será este que mesmo os ventos e mais o mar lle fan caso?
Os endemoñados de Gadara (Mc 5, 1-20; Lc 8, 26-39)
- 28En chegando á outra banda do mar, ao país de Gadara, saíronlle ao camiño desde uns sepulcros dous endemoñados, tan asañados que ninguén se atrevía a pasar por alí.
- 29E berrando dicían:
__Que temos que ver contigo, Fillo de Deus? Seica vés para nos atormentares antes de tempo?
- 30Había lonxe de alí unha boa camada de porcos fozando,
- 31e os demos rogáronlle:
__Se nos botas, mándanos para o fato de porcos.
- 32El díxolles:
__Ide.
Saíron, e fóronse para os porcos, que, guindándose barranco abaixo, foron dar ao mar, onde morreron afogados.
- 33Os porqueiros, fuxindo, chegaron á vila e contaron todo, mesmo o dos endemoñados.
- 34E toda a vila saíu ao encontro de Xesús. E cando o atoparon, pedíronlle que abandonase aquela terra.