EVANXEO SEGUNDO MATEO - Capítulo 9
Capítulo 9
Curación dun paralítico (Mc 2, 1-12; Lc 5, 17-26)
- 1Subiu a unha barca, cruzou para a outra banda e chegou á súa vila.
- 2Nisto trouxéronlle un tolleito nunha padiola. Vendo a fe que tiñan, díxolle ao tolleito:
__Ánimo, meu fillo! Quédanche perdoados os teus pecados.
- 3Entón algúns letrados dixeron para si:
__Este home blasfema.
- 4Coñecendo Xesús o que pensaban, díxolles:
__Que cavilades nos vosos adentros?
- 5Que é máis fácil, dicir: “Perdoados quedan os teus pecados”; ou dicir: “Érguete e anda”?
- 6Pois para que vexades que o Fillo do Home ten poder na terra para perdoar pecados: Érguete __díxolle ao tolleito__, colle a padiola, e vai para a casa.
- 7E erguéndose foise para a súa casa.
- 8Vendo isto a xente, asombrouse e glorificaban a Deus por lles dar tal poder aos homes.
Vocación de Mateo (Mc 2, 13-17; Lc 5, 27-32)
- 9Ao pasar Xesús por alí viu un home, chamado Mateo, sentado no telonio de recadación dos tributos, e díxolle:
__Sígueme.
El ergueuse e seguiuno.
- 10E resulta que, estando á mesa na casa, viñeron moitos recadadores e pecadores, e puxéronse tamén á mesa con Xesús e mais os seus discípulos.
- 11Cando tal viron os fariseos, dixéronlle aos discípulos del:
__Como é que o voso Mestre está a comer con recadadores e pecadores?
- 12El oíunos e díxolles: __Non son os sans senón os enfermos os que precisan de médico.
- 13Ide, pois, aprender o que significa aquilo de misericordia quero e non sacrificios. Porque non vin chamar polos xustos, senón polos pecadores.
O xaxún (Mc 2, 18-22; Lc 5, 33-39)
- 14Entón achegáronselle os discípulos de Xoán preguntando:
__Nós e mais os fariseos gardamos moito o xaxún. Por que non o gardan os teus discípulos?
- 15Respondeulles Xesús:
__Poden os compañeiros do esposo estar de loito mentres dura a voda? Xa chegará o día no que lles leven o esposo; entón si que xaxuarán.
- 16Ninguén lle bota un remendo de pano aínda sen remollar a un vestido vello, pois o novo tiraría polo vello e a rachadura faríase máis grande.
- 17Tampouco se lle ocorre a ninguén botar viño novo en pelellos vellos, porque rebentan os pelellos, derrámase o viño e estráganse os pelellos; pola contra bótase o viño novo en pelellos novos para que ambos os dous se conserven.
A filla de Xairo e a muller con hemorraxias (Mc 5, 21-43; Lc 8, 40-56)
- 18Mentres Xesús lles dicía estas cousas, velaí apareceu un xefe que, prostrándose ante el, rogáballe:
__A miña filla acaba de morrer. Ven, impón a túa man sobre ela e vivirá.
- 19Erguéndose Xesús, seguiuno cos seus discípulos.
- 20Nisto unha muller que padecía hemorraxias desde había doce anos, achegándose por detrás, tocoulle a orla do seu manto,
- 21falando para si: “Se lle dou tocado a roupa, xa curo”.
- 22Xesús virouse, e ao vela díxolle:
__Ánimo, filla, a túa fe sandoute!
E desde aquel instante a muller quedou sa.
- 23Ao chegar Xesús á casa do xefe, vendo os frautistas e mais o barullo da xente,
- 24dixo:
__Apartade, que a rapaciña non está morta: a rapaza dorme.
A xente facía risa del.
- 25Pero el, en botando para fóra a xente toda, entrou e colleu a rapaza pola man. E ela ergueuse.
- 26A noticia espallouse por toda a redonda.
Curación dos cegos (20, 29-34)
- 27Cando saíu Xesús de alí, fórono seguindo dous cegos que berraban:
__Fillo de David, ten dó de nós.
- 28E ao entrar na súa casa, os cegos achegáronselle. Preguntoulles Xesús:
__E vós credes que eu podo facer iso?
Responderon:
__Cremos.
- 29Entón tocoulles os ollos, dicindo:
__Fágase conforme a vosa fe.
- 30E abríronselles os ollos. Logo avisounos moi serio:
__Mirade que non o saiba ninguén!
- 31Pero, mal se foron, déronlle unha grande sona por toda aquela terra.
Curación dun mudo (Lc 11, 14-15)
- 32Ao que se foron os cegos, presentáronlle un mudo endemoñado.
- 33E así que lle botou o demo fóra, o mudo falou. A xente quedou coa boca aberta e dicía:
__Nunca tal cousa se viu en Israel.
- 34Pero os fariseos dicían:
__Bota os demoños co poder do xefe dos demoños.
Percorre Galilea (Mc 6, 6b; Lc 8, 1)
- 35Xesús percorría todas as vilas e aldeas ensinando nas sinagogas, anunciando a Boa Nova do Reino e curando toda enfermidade e doenza.
- 36Pero, vendo a multitude, sentiu unha fonda compaixón por ela, porque estaban todos derreados e esmorecidos coma ovellas sen pastor.
- 37Entón díxolles aos discípulos:
__A anada é ben boa, pero os xornaleiros son poucos;
- 38así que rogádelle ao dono da colleita que mande xornaleiros á súa ceifa.