EVANXEO SEGUNDO MARCOS - Capítulo 1
Capítulo 1
INTRODUCIÓN
Predicación de Xoán o Bautista (Mt 3, 1-12; Lc 3, 1-18)
- 1Comezo do Evanxeo de Xesús Cristo, Fillo de Deus.
- 2Como está escrito no profeta Isaías:
- Mira: mándoche por diante un mensaxeiro,
para que prepare o teu camiño.
- 3Unha voz clama no deserto:
- preparade o camiño do Señor,
endereitade os seus vieiros.
- 4Presentouse Xoán no deserto bautizando: pregoando un bautismo de conversión, para lograr o perdón dos pecados.
- 5E ía onda el xente de toda a provincia de Xudea e de Xerusalén; confesaban os seus pecados e el bautizábaos no río Xordán.
- 6Xoán ía vestido con pelos de camelo e cun cinguidoiro de coiro arredor do van, e mantíñase de saltóns e mel bravo.
- 7E proclamaba:
__Detrás miña está a chegar o que é máis forte ca min, ante quen non son digno de prostrarme para lle desatar os amallós do seu calzado.
- 8Eu bautizo con auga, pero el havos bautizar no Espírito Santo.
Bautismo de Xesús (Mt 3, 13-17; Lc 3, 21-22)
- 9E aconteceu por aqueles días que chegou Xesús desde Nazaré de Galilea, e Xoán bautizouno no Xordán.
- 10E deseguida, mentres saía da auga, viu abrirse o ceo e baixar sobre el, coma unha pomba, o Espírito Santo.
- 11E unha voz deixouse oír desde o ceo:
__Ti es o meu fillo benquerido, o meu predilecto.
As tentacións (Mt 4, 1-11; Lc 4, 1-13)
- 12Axiña o encamiñou o Espírito ao deserto.
- 13Alí permaneceu corenta días, alí o tentou Satanás; vivía entre as feras e servíano os anxos.
PREDICACIÓN EN GALILEA
A Boa Nova (Mt 4, 12-17; Lc 4, 14-15)
- 14Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea a anunciar a Boa Nova de Deus,
- 15dicindo:
__O tempo está cumprido, e chega o Reino de Deus; convertédevos, e crede na Boa Nova.
Os primeiros discípulos (Mt 4, 18-22; Lc 5, 1-11)
- 16Camiñando pola ribeira do mar de Galilea, viu a Simón e mais a André, seu irmán, largando o aparello no mar: eran pescadores.
- 17Díxolles Xesús:
__Vide comigo e fareivos pescadores de homes.
- 18E deixando decontado o aparello, seguírono.
- 19Un pouco máis adiante viu a Santiago, fillo de Zebedeo e mais a Xoán, seu irmán; estaban arranxando o aparello na barca. E deseguida os chamou.
- 20Eles, deixando a seu pai, Zebedeo, e mais os seus tripulantes na barca, seguírono.
Curación na sinagoga (Lc 4, 31-37)
- 21Viñeron a Cafarnaúm, e, ao chegar o sábado, púxose a ensinar na sinagoga.
- 22Todos estaban abraiados da súa doutrina, pois ensinaba coma quen ten autoridade, non coma os letrados.
- 23E cadrou que había naquela sinagoga un home posuído por un mal espírito, e púxose a berrar:
- 24__Que temos que ver contigo, Xesús de Nazaré? Seica viñeches para acabar connosco? Ben sei quen es ti: ti es o Santo de Deus.
- 25Xesús mandoulle:
__Cala, e bótate fóra dese home.
- 26O espírito malo sacudiuno, pegou un berro moi alto e saíu del.
- 27Todos ficaron pasmados, e discutían entre si, dicindo:
__Que é isto? Unha nova doutrina, e con autoridade; enriba, dálles ordes aos espíritos malos, e eles obedéceno.
- 28E a súa sona espallouse decontado por toda a rexión de Galilea.
Curación da sogra de Pedro e doutros enfermos (Mt 8, 14-17; Lc 4, 38-44)
- 29Despois de saír da sinagoga, foi á casa de Simón e mais de André, con Santiago e Xoán.
- 30A sogra de Simón estaba na cama con febre, e axiña lle falaron dela.
- 31E, achegándose, colleuna pola man e ergueuna; desapareceulle a febre e púxose a servilos.
- 32Chegada a tardiña, xa de sol posto, leváronlle todos os enfermos e endemoñados;
- 33a vila enteira se amoreou na porta.
- 34E sandou a moitos enfermos de varias doenzas e botou moitos demoños. Pero aos demoños non os deixaba falar, porque o coñecían ben.
- 35Erguéndose moi cedo, aínda de noite, saíu para un lugar arredado, onde se puxo a orar.
- 36Simón e mais os seus compañeiros fórono seguindo,
- 37e cando o atoparon, dixéronlle:
__Todos te andan a buscar.
- 38El respondeu:
__Vaiamos a outro sitio, ás aldeas veciñas, para predicarmos tamén alí, que para isto vin.
- 39E foi predicando polas sinagogas de Galilea, botando fóra os demos.
Curación dun gafo (Mt 8, 2-4; Lc 5, 12-16)
- 40Acercóuselles un gafo, e rogoulle de xeonllos:
__Ti, se queres, pódesme limpar.
- 41Xesús, estremecido, alongou a man, e tocouno, dicindo:
__Pois quero: queda limpo.
- 42E no instante desapareceulle a lepra, quedando limpo.
- 43E despediuno, e, poñéndose moi serio, mandoulle:
- 44__Mira, non lle vaias dicir nada a ninguén; preséntate ao sacerdote, e fai pola túa purificación as ofrendas mandadas por Moisés, para que lles conste.
- 45Pero, mal se foi, aquel home botouse a pregoar a nova, espallándoa de tal xeito que Xesús xa non podía entrar en vila ningunha, senón que quedaba fóra, nos arredores apartados. Pero aínda así acudían a el de todas as partes.