EVANXEO SEGUNDO MARCOS - Capítulo 10
Capítulo 10
O divorcio (Mt 19, 1-19)
- 1De alí foise para os lindeiros de Xudea, na outra banda do Xordán. A xente amoreábase de novo no seu camiño, e, coma sempre, púxose a ensinar.
- 2Achegáronselle algúns fariseos, preguntándolle para probalo, se lle está permitido ao home repudiar a muller.
- 3El replicoulles:
__Que foi o que mandou Moisés?
- 4Respondéronlle:
__Moisés permitiu despedila, dándolle certificado de divorcio.
- 5Díxolles Xesús:
__Tendo en conta a dureza de voso corazón, escribiu Moisés para vós esa norma.
- 6Pero desde o principio da creación, fíxoos varón e femia.
- 7Por iso deixará o home a seu pai e mais a súa nai, unirase coa súa muller,
- 8e serán os dous unha soa carne. De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne.
- 9O que Deus uniu, que non o separe o home.
- 10Xa na casa, os discípulos volvéronlle preguntar acerca disto.
- 11El díxolles:
__O que repudia a muller e casa con outra, comete adulterio contra a primeira.
- 12E se a muller abandona o marido e casa con outro, comete adulterio.
Bendí os nenos (Mt 19, 13-15; Lc 18, 15-17)
- 13E leváronlle uns nenos para que os tocase. Pero os discípulos rifábanlles.
- 14Mais a Xesús non lle gustou aquilo e dixo:
__Deixade que os nenos se acheguen a min; non llelo impidades, porque deles é o Reino de Deus.
- 15Asegúrovos que aquel que non reciba coma un neno o Reino de Deus, non entrará nel.
- 16E abrazounos e bendiciunos e impúxolles as mans.
O mozo rico (Mt 19, 16-22; Lc 18, 18-23)
- 17No preciso momento en que se puña en camiño, chegou un a correr, que se axeonllou diante del e que lle preguntou:
__Mestre bo, que teño que facer para acadar a vida eterna?
- 18Xesús contestoulle:
__E por que me chamas bo? Ninguén e bo, fóra de Deus.
- 19Xa sabes os mandamentos: Non mates, non cometas adulterio, non roubes, non deas falso testemuño, non defraudes, honra a teu pai e mais a túa nai.
- 20El respondeu:
__Mestre, todas esas cousas gardeinas desde a miña mocidade.
- 21Entón Xesús pousou nel a súa ollada chea de cariño e engadiu:
__Aínda che falta unha cousa: Vai, vende todo o que tes, e repárteo entre os pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois ven e sígueme.
- 22Ante estas palabras mudóuselle o rostro e marchou moi apesarado, pois tiña moitos bens.
O perigo das riquezas (Mt 19, 23-30; Lc 18, 24-30)
- 23Xesús mirando todo arredor, díxolles aos discípulos:
__Que difícil lles vai ser aos ricos entrar no Reino de Deus!
- 24E os discípulos ficaron moi sorprendidos por estas palabras. Pero Xesús volveu insistir:
__Fillos, que difícil é entrar no Reino de Deus!
- 25É máis doado para un camelo pasar polo ollo dunha agulla, do que para un rico entrar no Reino de Deus.
- 26Eles, aínda moi asombrados, comentaban entre si:
__Entón, quen se vai poder salvar?
- 27Xesús, mirando para eles fixamente, dixo:
__Si, para os homes é imposible, pero non para Deus; pois todo é posible para Deus.
- 28Colle Pedro e di:
__Pois nós deixámolo todo e seguímoste.
- 29Dixo Xesús:
__Tede por seguro que non hai ninguén que deixe casa ou irmáns ou irmás ou nai ou pai, ou fillos ou leiras por causa miña e polo Evanxeo,
- 30que pase sen recibir cen veces máis en casas, irmáns, irmás, nai, pai, fillos e leiras (aínda que con persecucións) agora, e que no mundo futuro non reciba a vida eterna.
- 31E moitos que son os primeiros serán os últimos; e moitos que son os últimos serán os primeiros.
Terceiro anuncio da paixón (Mt 20, 17-19; Lc 18, 31-34)
- 32Subían camiño de Xerusalén, e Xesús ía diante; os discípulos, aínda asombrados, ían tras el con medo. E levando á parte aos Doce, empezoulles a falar do que lle ía acontecer:
- 33__Vede que subimos a Xerusalén, e ao Fillo do Home vano entregar aos sumos sacerdotes e mais aos letrados; condenarano a morte, e entregarano aos pagáns.
- 34Burlaranse del, cuspiranlle, azoutarano, e logo matarano; pero aos tres días ha resucitar.
Petición de Santiago e Xoán (Mt 20, 20-28)
- 35Achegándose os fillos de Zebedeo __Santiago e mais Xoán__, dixéronlle:
__Mestre, nós queriamos que nos fixeses o que che imos pedir.
- 36El preguntou:
__E logo, que é o que queredes que vos faga?
- 37Contestáronlle:
__Concédenos que na túa gloria sentemos un á túa dereita e outro á túa esquerda.
- 38Respondeulles Xesús:
__Vós non sabedes ben o que pedides. Seredes capaces de beber o cáliz que eu teño que beber, e recibir o bautismo que eu teño que recibir?
- 39Respondéronlle:
__Somos.
Xesús replicou:
__O cáliz que teño que beber, si que o beberedes, e tamén recibiredes o bautismo que eu teño que recibir;
- 40pero o sentardes á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min o concedelo, senón que é para os que está reservado.
- 41Ao escoitaren isto, os outros anoxáronse con Santiago e con Xoán.
- 42Entón Xesús chamounos e díxolles:
__Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e que os poderosos os asoballan.
- 43Pero entre vós non pode ser así. Nin moito menos, quen queira ser importante, que sirva os outros,
- 44e quen queira ser o primeiro, que sexa o máis servizal.
- 45Que o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir, e a entregar a súa vida en rescate por moitos.
Curación dun cego (Mt 20, 29-34; Lc 18, 35-43)
- 46E chegou a Iericó. Cando saía cos seus discípulos e outra moita xente, Bertomeu, o fillo de Timeu, un cego pobre de pedir, estaba sentado a carón do camiño.
- 47Oíndo que pasaba Xesús o Nazareno, empezou a berrar:
__Xesús, Fillo de David, ten piedade de min!
- 48Moitos mandábano calar; pero el berraba aínda máis alto:
__Fillo de David, ten piedade de min!
- 49Deténdose Xesús, dixo:
__Dicídelle que veña aquí.
E chamaron polo cego, dicíndolle:
__Veña, érguete, que te chama!
- 50El, ceibándose do manto, veu dando brincos ata onde estaba Xesús.
- 51Este preguntoulle:
__Que queres que che faga?
O cego respondeu:
__Mestre, que volva a ver.
- 52Xesús díxolle:
__Vai, salvoute a túa fe.
E no instante comezou a ver, e seguiuno polo camiño.