EVANXEO SEGUNDO MARCOS - Capítulo 11
Capítulo 11
XESÚS EN XERUSALÉN
Entrada triunfal en Xerusalén (Mt 21, 1-11; Lc 19, 29-40; Xn 12,12-19)
- 1E cando se aproximaban a Xerusalén, cerca de Betfagué e de Betania, ao pé do monte das Oliveiras, mandou a dous discípulos
- 2dicíndolles:
__Ide á aldea que tedes aí por fronte, e ao que entredes, ides atopar atado un burro que ninguén montou aínda; soltádeo e traédeo.
- 3Se alguén vos pregunta por que o facedes, dicídelle: “Precísao o Señor, pero deseguida o mandará de volta”.
- 4Foron alá, atoparon o burro atado a un portal e desatárono.
- 5Algúns dos que andaban por alí, preguntáronlles:
__Que facedes aí desatando o burriño?
- 6Eles contestáronlle tal como Xesús lles mandara.
- 7E leváronlle o burro a Xesús, que montou nel así que o cubriron cos seus mantos.
- 8Moitos estendían tamén os seus mantos no camiño, para que lle servisen de alfombras; e outros, ramallos cortados dos agros.
- 9E tanto os que ían diante coma os de detrás, exclamaban:
__Hosanna! Bendito o que vén no nome do Señor!
- 10Bendito o reino do noso pai David que chega! Hosanna no ceo!
- 11Entrou en Xerusalén e foi ao templo. E despois de dar unha volta por alí, como xa ía sendo tarde, saíu cos Doce para Betania.
Maldición da figueira (Mt 21, 18-19)
- 12Ao outro día despois de saír de Betania, sentiu fame.
- 13Vendo de lonxe unha figueira cuberta de follas, achegouse por se acaso atopaba algo; pero non atopou nada fóra de follas, por non ser tempo de figos.
- 14Entón dixo:
__Nunca máis ninguén coma os teus froitos.
E os discípulos escoitárono.
Bota os tendeiros do templo (Mt 21, 12-17; Lc 19, 45-48; Xn 2, 13-22)
- 15Chegaron a Xerusalén, e, entrando no templo, empezou a botar de alí os tendeiros e compradores, derrubando as mesas dos cambiadores e os postos dos vendedores de pombas.
- 16E non permitía que ninguén pasase polo templo carrexando cousas.
- 17E púxose a ensinar, dicindo:
__Non está escrito: A miña casa será a casa de oración para todos os pobos? Pois vós convertéstela en cova de bandidos.
- 18Ao que o souberon, os sumos sacerdotes e mais os letrados, buscaban o xeito de acabar con el, pois tíñanlle moito medo, porque todo o mundo estaba admirado de canto ensinaba.
- 19E á tardiña saíu da cidade.
Outra vez a figueira (Mt 21, 20-22)
- 20Ao pasaren pola mañá cedo, viron a figueira seca desde a raíz.
- 21Pedro acordouse e díxolle a Xesús:
__Mestre, mira para aí: a figueira que maldixeches, está seca.
- 22Xesús respondeu:
__Tede fe en Deus.
- 23Pois asegúrovos que se alguén lle di a este monte arríncate de aí e bótate no mar, sen dubidar no seu corazón, senón crendo que se cumprirá o que di, así se fará.
- 24Por iso dígovos: canto pidades na oración, crede que o conseguiredes, e darásevos.
- 25E cando esteades de pé facendo oración, perdoade, se algo tedes contra outros; para que tamén vos perdoe as vosas culpas o voso Pai que está no ceo.
A autoridade de Xesús (Mt 21, 23-27; Lc 20, 1-8)
- 27Chegaron de novo a Xerusalén, e mentres andaba polo templo, foron onda el os sumos sacerdotes, letrados e anciáns,
- 28e preguntáronlle:
__Con que autoridade fas esas cousas? Quen che deu tal autoridade?
- 29Xesús respondeulles:
__Vouvos facer unha pregunta nada máis, respondédema e logo dígovos eu con que autoridade fago estas cousas.
- 30O bautismo de Xoán, era cousa de Deus ou dos homes? Veña, ide respondendo.
- 31Eles razoaban entre si, dicindo: “Se respondemos de Deus, vainos preguntar: e daquela por que non crestes no que dicía?
- 32Reponderemos entón que dos homes?”. (Pero tiñan que andar con moito tino co pobo, que consideraba profeta a Xoán).
- 33E contestáronlle a Xesús:
__Non sabemos.
Xesús replicou:
__Pois eu tampouco non vos vou dicir con que autoridade fago estas cousas.