EVANXEO SEGUNDO MARCOS - Capítulo 12
Capítulo 12
Parábola da viña (Mt 21, 33-46; Lc 20, 9-19)
- 1E comezou a falarlles en parábolas:
__Un home plantou unha viña, rodeouna cun valado, cavou nela un lagar e construíu un caseto para o garda. Logo arrendóullela a uns viñateiros, e marchou para lonxe.
- 2No seu tempo, mandou un criado para cobrarlles as rendas da viña aos viñateiros.
- 3Pero eles, botáronse enriba del, zorregáronlle duro, e despedírono coas mans baleiras.
- 4Vaise el e mándalles outro criado, pero tamén mallaron nel e aldraxárono.
- 5Mandoulles outro, e matárono; e a outros moitos bouraron neles e matáronos.
- 6Pero aínda lle quedaba un a quen mandar, o seu fillo benquerido; e mandóullelo de último, dicindo para si: “El é fillo meu, e hano respectar”.
- 7Pero os viñateiros comentaron: “Oi! Este é o herdeiro: veña, matámolo e herdanza para nós!”.
- 8E agarrárono, matárono e botárono fóra da viña.
- 9Que fará o dono da viña? Volverá, acabará con estes viñateiros e daralle a viña a outros.
- 10Ou seica non lestes aquilo da Escritura:
- A pedra que desbotaron os canteiros
- é agora o esquinal;
- 11esa colocouna o Señor;
que regalía para nós
- que regalía para nós?
- 12Decatándose de que a parábola ía por eles, quixérono prender, pero por medo á xente, deixárono e fóronse.
O tributo do César (Mt 22, 15-22; Lc 20, 20-26)
- 13Mandáronlle algúns fariseos e herodianos, para o pillaren nalgunha pregunta.
- 14Ao que chegaron onda el, preguntáronlle:
__Mestre, sabemos que es sincero, e non andas con miramentos, porque ti non te deixas levar polos respectos humanos, senón que ensinas o verdadeiro camiño de Deus. Está permitido pagarlle o tributo ao César, ou non? Pagámosllo ou non llo pagamos?
- 15Xesús, decatándose da súa hipocrisía, contestoulles:
__E por que me queredes comprometer? A ver, traédeme un denario para que o vexa.
- 16Eles leváronllo, e el preguntoulles:
__De quen é esta imaxe e esta inscrición?
Contestáronlle:
__É do César.
- 17Xesús replicoulles:
__Pois logo, o do César dádello ao César; e o de Deus, a Deus.
E ficaron pasmados.
Acerca da resurrección (Mt 22, 23-33; Lc 20, 27-40)
- 18Chegaron uns saduceos –deses que negan que haxa resurrección–, e preguntáronlle:
- 19__Mestre, Moisés deixou escrito: Se lle morre a alguén o seu irmán, deixando muller sen fillos, case coa viúva de seu irmán, para lle dar descendencia.
- 20Pois dunha vez había sete irmáns. O primeiro casou, e morreu sen fillos;
- 21o segundo casou coa viúva e morreu tamén sen deixar fillos; o mesmo lle pasou ao terceiro;
- 22e ningún dos sete deixou descendencia. Ao cabo, morreu tamén a muller.
- 23Ora, cando resuciten, de cal deles vai ser a muller, se ela estivo casada cos sete?
- 24Xesús contestoulles:
__Non será que andades descamiñados precisamente porque non comprendedes nin a Escritura nin o poder de Deus?
- 25Pois cando resuciten nin casarán eles nin elas, porque serán coma anxos do ceo.
- 26E volvendo á resurrección dos mortos, non tedes lido no Libro de Moisés, no episodio da silveira, como lle falou Deus dicindo: Eu son o Deus de Abraham, o Deus de Isaac e o Deus de Xacob?
- 27Ben, pois El non é Deus de mortos, senón de vivos. Así que ides moi descamiñados.
O principal mandamento (Mt 22, 34-40; Lc 10, 25-28)
- 28Un letrado, que oíra a discusión, decatándose do ben que lles respondera, preguntoulle:
__Cal é o mais importante de todos os mandamentos?
- 29Xesús respondeulle:
__O primeiro é: Escoita, Israel: o Señor é o noso Deus, o Señor é único,
- 30e amarás o Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con todo o teu entendemento e con todas as túas forzas.
- 31O segundo é: Amarás o teu próximo coma a ti mesmo. Non hai mandamentos máis importantes ca estes.
- 32O letrado replicou:
__Moi ben, Mestre, estás no certo cando dis que El é único e non hai outro fóra del;
- 33e que amalo con todo o corazón, con todo o entendemento e con todas as forzas, e o próximo coma a un mesmo, é mais importante do que todos os sacrificios e holocaustos.
- 34Xesús, vendo que respondera con moito tino, díxolle:
__Non estás lonxe do Reino de Deus.
E ninguén se atreveu a facerlle máis preguntas.
Fillo e Señor de David (Mt 22, 41-46; Lc 20, 41-44)
- 35Ensinando no templo, preguntou:
__Como din os letrados que o Mesías é fillo de David?
- 36O mesmo David dixo, inspirado polo Espírito Santo:
- Díxolle o Señor ao meu Señor:
- senta á miña dereita,
- que vou poñer os teus inimigos
coma estrado dos teus pés.
- 37Ora ben, se David o chama Señor, como vai ser o seu fillo?
E a numerosa multitude escoitaba engaiolada a Xesús.
Denuncia aos letrados (Mt 23, 1-36; Lc 11, 43; 20, 45-47)
- 38El seguía ensinando:
__Coidado cos letrados! Gustan moito de se pasearen con vestidos fachendosos, e que lles fagan reverencias polas rúas;
- 39buscan os primeiros postos nas sinagogas e mais nos banquetes.
- 40E acábanlles cos bens ás viúvas, facéndose os piadosos. Pero serán xulgados como lles cómpre.
Xenerosidade da viúva pobre (Lc 21, 1-4)
- 41Sentado fronte por fronte da sala do tesouro, ollaba para a xente que botaba cartos no peto. E moitos ricos botaban con fartura.
- 42E nisto viu unha viúva pobriña botar uns céntimos nada máis, unha miseria coma quen di.
- 43Entón chamou aos seus discípulos, é díxolles:
__Asegúrovos que esa pobre viúva botou máis ca os ricos todos.
- 44Pois eles botaron do que lles sobraba, pero ela na súa pobreza, botou todo canto tiña para vivir.