EVANXEO SEGUNDO MARCOS - Capítulo 14
Capítulo 14
Conspiración contra Xesús (Mt 26, 1-5; Lc 22, 1-2; Xn 11, 47-53)
- 1Faltaban dous días para a Pascua e os Ácimos. Os sumos sacerdotes e mais os letrados andaban buscando como collelo a traizón, para matalo.
- 2Pero dicían:
__Durante as festas non é ben, porque se pode armar un rebumbio cando hai aquí tanta xente.
Unción en Betania (Mt 26, 6-13; Lc 7, 36-50; Xn 12, 1-8)
- 3Estando Xesús en Betania, na casa de Simón o Gafo, recostado na mesa, chegou unha muller cun frasco de alabastro cheo de perfume de nardo puro, moi caro; rompeu o frasco, e unxiulle a cabeza.
- 4Algúns dos convidados comentaban indignados:
__Pero a que vén este estrago de perfume?
- 5Podíase vender en trescentos denarios, e repartírllelos aos pobres.
E alporizábanse contra ela.
- 6Pero Xesús dixo:
__Deixádea, por que a molestades? Ben está o que fixo comigo.
- 7Os pobres tédelos sempre entre vós, e podédelos axudar cando queirades; pero a min non me ides ter sempre.
- 8Ela fixo o que puido. Adiantouse a unxir o meu corpo para o enterro.
- 9Asegúrovos que onde queira que se anuncie a Boa Nova, polo mundo enteiro, falarase, para honra dela, do que acaba de facer.
Traizón de Xudas (Mt 26, 14-16; Lc 22, 3-6)
- 10Xudas Iscariote, un dos Doce, foi onda os sumos sacerdotes, para lles entregar a Xesús.
- 11Eles alegráronse moito do que lles propoñía, e prometéronlle cartos. E andaba buscando o momento axeitado para entregalo.
Preparación da Pascua (Mt 26, 17-19; Lc 22, 7-13)
- 12No primeiro día da festa dos Ácimos, cando se sacrificaba o año pascual, preguntáronlle os seus discípulos:
__Onde queres que vaiamos preparar a Cea Pascual?
- 13El mandou a dous discípulos, dicíndolles:
__Ide á cidade, e havos saír ao paso un home cunha sella de auga.
- 14Ide tras el e, onde entre, dicídelle ao dono da casa: “O Mestre pregunta: onde está o lugar no que podo comer a Pascua cos meus discípulos?”.
- 15El havos mostrar no sobrado unha grande sala, xa disposta e arranxada. Vós preparade o que faga falta.
- 16Marcharon os discípulos e, chegando á cidade, atoparon todo tal como el llelo dixera. E prepararon a Pascua.
Anuncio da traizón (Mt 26, 20-25; Lc 22, 14. 21-23; Xn 13, 21-30)
- 17Á tardiña, foi el cos Doce.
- 18E estando na mesa comendo, díxolles Xesús:
__Asegúrovos que un de vós me vai entregar, un dos que está comendo comigo.
- 19Eles, poñéndose tristes, empezaron a preguntarlle un por un:
__Non serei eu?
- 20Pero el dixo:
__Un dos Doce, que está mollando no mesmo prato ca min.
- 21O Fillo do Home vaise, como está escrito; pero ai daquel que traizoa ao Fillo do Home! Máis lle valería non ter nacido.
A Eucaristía (Mt 26, 26-29; Lc 22, 15-20; 1 Cor 11, 22-26)
- 22Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan, deu grazas, partiuno e déullelo, dicindo:
__Tomade, isto é o meu corpo.
- 23E collendo unha copa, dando grazas, pasóullela, e todos beberon dela.
- 24E díxolles:
__Isto é o meu sangue, da Alianza, vertido por moitos.
- 25Asegúrovos que xa non volverei beber do produto da viña ata o día que o beba, noviño, no Reino de Deus.
Predición das negacións de Pedro (Mt 26, 30-35; Lc 22, 31-34. 39)
- 26Despois de cantaren os salmos, saíron para o monte das Oliveiras.
- 27Díxolles Xesús:
__Todos ides tropezar na vosa fe, como está escrito: Ferirei ao pastor e espallaranse as ovellas.
- 28Mais cando resucite, irei diante de vós a Galilea.
- 29Replicoulle Pedro:
__Aínda que tropecen todos, eu non caerei.
- 30Xesús respondeulle:
__Ten por seguro que esta mesma noite, antes de que o galo cante dúas veces, ti hasme negar tres.
- 31Pedro insistiu aínda:
__Aínda que teña que morrer contigo, endexamais non te negarei.
E o mesmo dicían os outros.
A oración en Xetsemaní (Mt 26, 36-46; Lc 22, 40-46)
- 32Chegaron a unha finca chamada Xetsemaní, e díxolles aos discípulos:
__Sentade aquí, mentres eu vou orar.
- 33E levando consigo a Pedro, Santiago e Xoán, empezou a sentir arrepío e angustia.
- 34E díxolles:
__Morro de tristura; quedade aquí, e vixiade.
- 35E avanzando un pouco, caeu no chan, rogando para que, se fose posible, pasase del aquela hora.
- 36E dicía:
__Abbá, meu Pai, ti pódelo todo, arreda de min este cáliz. Pero non se faga o que eu quero, senón o que queres ti.
- 37E volvendo onda eles, atopounos durmindo. Díxolle a Pedro:
__Simón, dormes? Seica non podes velar unha hora tan sequera?
- 38Estade atentos e rogade, para que non se vos someta á tentación. O espírito está disposto, pero a carne é feble.
- 39E arredándose de novo, volveu a pregar do mesmo xeito.
- 40Ao volver, outra vez os atopou durmindo, pois caíanlles os ollos co sono; e non sabían que lle dicir.
- 41E por terceira vez, volveu Xesús dicindo:
__Conque durmides e descansades? Pois sabede que xa chegou a hora, e ao Fillo do Home vano entregar nas mans dos pecadores.
- 42Veña!, erguédevos e vaiámonos, que xa está aquí o que me vai entregar.
Detención de Xesús (Mt 26, 47-56; Lc 22, 47-53; Xn 18, 1-11. 20).
- 43Estando aínda a falar, presentouse Xudas, un dos Doce, acompañado dunha tropa de xente con espadas e paus, mandada polos sumos sacerdotes, letrados e anciáns.
- 44O traidor déralles un contrasinal:
__Aquel a quen eu bique, ese é; prendédeo, e levádeo con tino.
- 45E así que chegou, acercouse e díxolle:
__Mestre!
E bicouno.
- 46Eles botáronselle enriba e prendérono.
- 47Pero un dos presentes, desenvaiñando a espada, feriu a un criado do sumo sacerdote, rabenándolle unha orella.
- 48Xesús reprendeunos dicindo:
__Vídesme prender con paus e espadas, coma se fose un bandido.
- 49Estiven a diario no templo entre vós, e non me prendestes. Pero que se cumpran as Escrituras.
- 50E todos fuxiron abandonándoo.
- 51Só o seguiu un mozo envolto nunha saba, e detéñeno.
- 52Pero el, desenleouse da saba, e fuxiu espido.
Xesús diante do Sanedrín (Mt 26, 57-68; Lc 22, 54-55. 63-71; Xn 18, 12-15. 18)
- 53Conduciron a Xesús á casa do sumo sacerdote. E xuntáronse todos os pontífices, anciáns e letrados.
- 54Pedro seguiuno de lonxe ata o palacio do sumo sacerdote, e sentou alí para quentarse cos criados, á beira do lume.
- 55Mentres, os sumos sacerdotes e mais o Sanedrín enteiro teimaban por encontrar algunha testemuña contra Xesús, para o poderen condenar a morte; pero non a atopaban.
- 56Moitos testemuñaban en falso contra el, pero non chegaban a pórse de acordo.
- 57Algúns, erguéndose, trataron de levantarlle un falso testemuño, dicindo:
- 58__Nós mesmos oímoslle dicir: “Eu destruirei este templo, feito por homes, e en tres días construirei outro non feito por homes”.
- 59Pero nin así chegaban a se poñeren de acordo no testemuño.
- 60Entón, erguéndose o sumo sacerdote e adiantándose ata o medio, interrogou a Xesús:
__Non respondes nada? Que é o que estes testemuñan contra ti?
- 61Pero el calaba, e non respondeu palabra. De novo lle volveu preguntar o sumo sacerdote:
__Es ti o Mesías, o Fillo do Bendito?
- 62Xesús contestoulle:
__Eu son. E haberedes ver o Fillo do Home, sentado á dereita do Todopoderoso, vir entre as nubes do ceo.
- 63Daquela o sumo sacerdote, rachando os vestidos, exclamou:
__Que necesidade temos xa de testemuñas?
- 64Vós mesmos oístes a blasfemia. Que vos parece?
Todos o declararon culpable, e que merecía a morte.
- 65Algúns empezaron a cuspir nel e tapándolle a cara, dábanlle labazadas, dicindo:
__Adiviña, profeta!
Mesmo os criados tamén mallaban nel.
Negacións de Pedro (Mt 26, 69-75; Lc 22, 56-62; Xn 18, 17. 25-27)
- 66Estando Pedro embaixo, no patio, chegou unha das criadas do sumo sacerdote.
- 67Ao que viu a Pedro quentándose, quedou mirando para el e díxolle:
__Ti tamén andabas con Xesús de Nazaré.
- 68El negouno, dicindo:
__Non sei nada, nin comprendo de que me falas.
E saíndo para fóra, cantou o galo.
- 69A criada volveuno ver outra vez, e empezoulles a dicir aos presentes:
__Este évos un deles.
- 70E de novo el volveu negalo. Pero de alí a pouco tamén os presentes empezaron a dicirlle:
__Si, ti es un deles, que es galileo.
- 71El, entón, empezou a maldicir e xurar, dicindo:
__Eu non coñezo a ese home de quen falades.
- 72E, decontado, por segunda vez, cantou o galo. A Pedro acordáronselle as palabras de Xesús: “Antes de que o galo cante dúas veces, ti hasme negar tres”; e saíndo para fóra, rompeu a chorar.