EVANXEO SEGUNDO MARCOS - Capítulo 15
Capítulo 15
Xesús ante Pilatos (Mt 27, 1-2. 11-26; Lc 23, 1-5. 13-25; Xn 18, 28-19, 16)
- 1Á mañanciña cedo, os sumos sacerdotes, os anciáns e mais os letrados __todo o Sanedrín__, despois dunha reunión do Consello, amarraron a Xesús e fórono entregar a Pilatos.
- 2Pilatos preguntoulle:
__Es ti o rei dos xudeus?
Respondeulle:
__Ti o dis.
- 3E os sumos sacerdotes acusábano de moitas cousas.
- 4Pero Pilatos volveulle preguntar:
__Non respondes nada? Xa ves de cantas cousas te acusan.
- 5Pero Xesús non respondeu nada, deixando moi estrañado a Pilatos.
- 6Polas festas tiña o costume de soltar o preso que lle pedisen.
- 7Estaba daquela na cadea un tal Barrabás, xunto cos sediciosos que nunha revolta mataran a un home.
- 8Cando subiu o xentío, empezou a reclamar o indulto tradicional.
- 9Pilatos respondeulles:
__Queredes que vos solte ao rei dos xudeus?
- 10Pois el ben sabía que os sumos sacerdotes llo entregaran por envexa.
- 11Pero eles encirraban á xente, para que lles liberase a Barrabás.
- 12Pilatos respondeu:
__E que fago eu con ese ao que lle chamades rei dos xudeus?
- 13A xente volveu berrar:
__Crucifícao!
- 14Pilatos replicou:
__Pero, que mal fixo?
Mais eles berraban máis forte:
__Crucifícao!
- 15E Pilatos, para compracer ao pobo, soltou a Barrabás; e a Xesús, despois de o mandar azoutar, entregouno para que o crucificasen.
Coroación cos espiños (Mt 27, 27-31; Xn 19, 2-3)
- 16Os soldados levárono para dentro do palacio do gobernador, que é o Pretorio, e chamaron a toda a compañía.
- 17Vestírono de púrpura, e trenzaron unha coroa con espiños e encaixáronlla.
- 18Empezáronlle a facer saúdos:
__Saúde, rei dos xudeus!
- 19E cunha canivela dábanlle golpes na cabeza, cuspían nel e, axeonllándose, rendíanlle homenaxe.
- 20E despois de faceren riso del, quitáronlle a púrpura e puxéronlle a súa roupa. Despois levárono fóra, para o crucificaren.
Crucifixión (Mt 27, 32-44; Lc 23, 26-43; Xn 19, 17-24)
- 21Pasaba por alí Simón de Cirene, que volvía da leira __o pai de Alexandre e de Rufo__ e obrigárono a cargar coa cruz.
- 22Levárono a un lugar chamado Gólgota, ou sexa, lugar da Caveira.
- 23Alí dábanlle viño con mirra, pero non o quixo.
- 24Crucificárono e repartiron a roupa, botando sortes, para saber o que lle tocaba a cada un.
- 25Era a media mañá cando o crucificaron.
- 26Un letreiro anunciaba a causa da súa condena: “O rei dos xudeus”.
- 27Con el crucificaron tamén a dous bandidos, un á dereita e outro á esquerda.
- 29Os que pasaban por alí, burlábanse del, abaneando as cabezas, e dicindo:
__Vaites, vaites, o que destrúe o templo e o reconstrúe en tres días!
- 30Anda, baixa agora da cruz, e sálvate!
- 31Do mesmo xeito, os sumos sacerdotes, burlándose entre eles cos letrados, dicían:
__Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo!
- 32O Mesías, o rei de Israel! Que baixe da cruz agora, para que vexamos e creamos!
Tamén os que estaban crucificados con el o aldraxaban.
Morte de Xesús (Mt 27, 45-56; Lc 23, 44-49; Xn 19, 28-30)
- 33Chegado o mediodía, a escuridade cubriu toda a terra, ata as dúas e pico da tarde.
- 34E nesa hora, Xesús berrou moi forte:
__Eloí, Eloí, lamá sabacthaní (que quere dicir: Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches).
- 35Oíndo aquilo, algúns dos presentes comentaban:
__Oístes? Está chamando por Elías.
- 36E un deles, botando a correr, empapou unha esponxa en vinagre, espetouna nunha canivela, e deulle de beber, dicindo:
__Deixade, a ver, logo, se vén Elías baixalo.
- 37Pero Xesús, dando un berro moi alto, expirou.
- 38O veo do templo rachou en dous de arriba abaixo.
- 39O centurión, que estaba diante, oíndo o berro que deu ao morrer, dixo:
__Verdadeiramente este home era Fillo de Deus.
- 40Tamén había mulleres, mirando desde lonxe; entre elas estaban María Magdalena, María a nai de Santiago o Menor e de Xosé, e mais Salomé,
- 41que o seguían e servían cando estaba en Galilea; e moitas outras que subiran con el a Xerusalén.
Sepultura de Xesús (Mt 27, 57-61; Lc 23, 50-56; Xn 19, 38-42)
- 42Á tardiña, como era o día da Preparación, ou sexa véspera de sábado,
- 43Xosé de Arimatea, nobre conselleiro que tamén esperaba o Reino de Deus, foi onda Pilatos con gran valor, para lle pedir o corpo de Xesús.
- 44Pilatos estrañouse de que xa estivese morto, e, chamando polo centurión, preguntoulle se xa morrera; daquela,
- 45informado polo centurión, entregoulle o cadáver a Xosé.
- 46El, mercando unha saba, baixouno, envolveuno nela, e acomodouno nun sepulcro escavado na rocha; logo fixo roular unha lousa sobre a entrada.
- 47María Magdalena e mais María de Xosé enxergaban para ver onde o poñía.