EVANXEO SEGUNDO MARCOS - Capítulo 16
Capítulo 16
A resurrección (Mt 28, 1-8; Lc 24, 1-9)
- 1Pasado o sábado, María Magdalena, María de Santiago e mais Salomé mercaron perfumes para iren embalsamalo.
- 2E moi cedo, no primeiro día da semana, despois da alborada, foron ao sepulcro.
- 3Ían comentando entre elas:
__Quen nos vai arredar a lousa da entrada do sepulcro?
- 4Pero, erguendo a vista, descubriron que a lousa estaba arredada; iso que era moi grande.
- 5Entrando no sepulcro, viron un mozo vestido de branco, sentado no lado dereito, e quedaron espantadas.
- 6Pero el díxolles:
__Non vos espantedes. Buscades a Xesús Nazareno, o crucificado? Non está aquí, resucitou. Mirade o lugar onde o puxeron.
- 7Agora ídelles dicir aos discípulos e mais a Pedro que el vai diante de vós a Galilea; alí o veredes, como vos ten dito.
- 8Elas saíron fuxindo do sepulcro, pasmadas e tremendo; e non lle contaron nada a ninguén, do medo que tiñan.
Aparición a María Magdalena (Mt 28, 9-10; Xn 20, 11-18)
- 9Xesús resucitou no abrente do primeiro día da semana, e aparecéuselle en primeiro lugar a María Magdalena, da que botara sete demos.
- 10Ela fóillelo dicir aos compañeiros del, que estaban chorosos e tristeiros.
- 11Pero estes, oíndolle dicir que estaba vivo e que ela o vira, non llo creron.
Aparición a dous discípulos (Lc 24, 13-35)
- 12Despois disto, aparecéuselles, en figura diferente, a dous que ían de camiño a un lugar.
- 13Estes fóronllelo contar tamén aos demais, pero nin a eles os creron.
Misión dos discípulos (Mt 28, 16-20; Lc 24, 36-49; Xn 20, 19-23; Feit 1, 6-8)
- 14Por último, aparecéuselles aos Once mentres estaban á mesa, botándolles na cara a súa incredulidade e a dureza de corazón, por non creren a aqueles que o viran resucitado de entre os mortos.
- 15E díxolles:
__Ide polo mundo enteiro, anunciando a Boa Nova a toda a creación.
- 16Quen crea e se bautice, salvarase; quen non crea, condenarase.
- 17Os que crean irán acompañados destes sinais: no meu nome botarán demos; falarán linguas novas;
- 18collerán serpes coas mans; e se chegan a beber algún veleno, non lles fará mal ningún; imporanlles as mans aos enfermos e estes curarán.
Ascensión de Xesús (Lc 24, 50-53; Feit 1, 9-11)
- 19O Señor, despois de lles falar así, elevouse ao ceo, e sentou á dereita de Deus.
- 20Eles saíron a predicar por todas partes, contando coa colaboración do Señor, que confirmaba a súa palabra cos sinais que os acompañaban.