EVANXEO SEGUNDO MARCOS - Capítulo 2
Capítulo 2
Curación dun paralítico (Mt 9, 1-8; Lc 5, 17-26)
- 1De alí a uns días entrou de novo en Cafarnaúm, e sóubose que estaba na casa;
- 2tantos se xuntaron que nin diante da porta había xa sitio. El expoñíalles a Palabra.
- 3Entón, entre catro, trouxeron un home tolleito.
- 4Pero, non podendo chegar ao pé del, pola moita xente que había, levantaron o teito onde el estaba, e abriron un furado ata poderen meter o leito co enfermo e descolgalo.
- 5Xesús, vendo a fe que tiñan, díxolle ao tolleito:
__Meu fillo, quédanche perdoados os teus pecados.
- 6Pero alí sentados estaban algúns letrados, que matinaban para os seus adentros:
- 7“Pero, que está a dicir este home? Está blasfemando. Quen pode perdoar os pecados, senón unicamente Deus?”.
- 8Xesús, decatándose axiña do que estaban cavilando, díxolles:
__Por que razoades así nos vosos adentros?
- 9Que é máis fácil? Dicirlle a este tolleito: “Quédanche perdoados os teus pecados”, ou dicirlle: “Érguete, colle a padiola e vaite?”.
- 10Pois para que vexades que o Fillo do Home ten poder para perdoar os pecados
- 11__díxolle ao tolleito__: Colle a padiola e vaite á túa casa.
- 12E así foi: no instante, ergueuse, colleu o leito e foise diante de todos, de tal modo que todos ficaron pasmados, e daban gloria a Deus dicindo:
__Nunca tal cousa vimos!
Vocación de Mateo (Mt 9, 9-13; Lc 5, 27-32)
- 13Volveu saír para a beira do mar, e a xente toda seguía acudindo. E el instruíaos.
- 14Ao pasar, viu a Leví, o de Alfeo, sentado no telonio cobrando os tributos, e dille:
__Sígueme.
El ergueuse, e seguiuno.
- 15Aconteceu que estando Xesús á mesa de Leví, acompañado dos seus discípulos e mais outros recadadores de tributos e pecadores __pois eran moitos os que o seguían__,
- 16os letrados e fariseos, véndoo comer con eles, dixéronlles aos discípulos:
__Como é que come cos recadadores e pecadores?
- 17Xesús sentiunos, e contestoulles:
__Non son os sans, senón os enfermos, os que precisan médico. Eu non vin chamar polos xustos, senón polos pecadores.
Discusión polo xaxún (Mt 9, 14-17; Lc 5, 33-39)
- 18Un día no que os discípulos de Xoán e mais os fariseos gardaban o xaxún, viñéronlle preguntar:
__Como é que mentres os discípulos de Xoán e mais os dos fariseos gardan o xaxún, os teus non o gardan?
- 19Xesús contestoulles:
__Pero, logo, poden os convidados á voda xaxuar mentres dura a voda? Mentres teñan consigo o esposo non poden xaxuar.
- 20Xa virá o día no que lles leven o esposo, e daquela si que xaxuarán.
- 21Ninguén lle bota un remendo de pano novo a un vestido vello, porque o novo tiraría polo vello e a rachadura faríase máis grande.
- 22Tampouco ninguén bota viño novo en pelellos vellos, porque o viño rebentaría os pelellos, e perderíanse pelellos e viño. Xa sabedes: a viño novo, pelellos novos.
Xesús defende os seus discípulos (Mt 12, 1-8; Lc 6, 1-5)
- 23Un sábado cadrou que pasaron por uns terreos sementados; os seus discípulos, mentres ían de camiño, empezaron a arrincar espigas.
- 24Entón dixéronlle os fariseos:
__Mira para aí, por que fan o que non lles está permitido facer nun sábado?
- 25El respondeulles:
__Seica non sabedes o que fixo David, cando el e mais os seus acompañantes se viron apurados e con fame?
- 26No tempo do sumo sacerdote Abiatar entrou na casa de Deus e comeu o pan ofrecido __pan que só podían comer os sacerdotes__ e repartiu incluso cos seus compañeiros.
- 27E concluíu:
__O sábado fíxose para o servizo do home, e non o home para o servizo do sábado.
- 28Así que o Fillo do Home é Señor incluso do sábado.