EVANXEO SEGUNDO MARCOS - Capítulo 3
Capítulo 3
A curación nun sábado (Mt 12, 9-14; Lc 6, 6-11)
- 1De novo entrou na sinagoga; alí atopou un home que tiña a man tolleita.
- 2Todos estaban atentos, a ver se se atrevía a curalo en pleno sábado, para o poderen acusar.
- 3Entón díxolle Xesús ao home da man tolleita:
__Érguete e ponte no medio.
- 4E preguntoulles:
__Que está permitido no sábado: facer o ben, ou facer o mal; salvar a vida ou matar?
Pero ninguén falou palabra.
- 5E botándolles unha ollada, chea de carraxe e tristura, debido á dureza dos seus corazóns, díxolle ao enfermo:
__Estende a túa man.
El estendeuna, e a man curou.
- 6E xa ao saíren da sinagoga, os fariseos empezaron a maquinar cos herodianos no xeito de acabaren con el.
Novas curacións na ribeira do mar de Galilea (Mt 4, 24-25; Lc 6, 17-19)
- 7Xesús foi cos seus discípulos para a ribeira do mar, seguido por unha grande multitude, chegada de Galilea e Xudea.
- 8Tamén de Xerusalén, Idumea, da outra banda do Xordán e mais da comarca de Tiro e Sidón. Acudiron a el, despois de oíren as cousas que facía.
- 9El encargoulles aos seus discípulos que lle tivesen preparada unha lanchiña, para que a xente non se lle botase enriba;
- 10porque curara a tantos que todos o querían tocar e ficar así ceibos das súas doenzas.
- 11Mesmo os malos espíritos, cando o vían, se prostraban ante el, proclamando:
__Ti es o Fillo de Deus!
- 12Pero el ameazábaos, para que non o descubrisen.
A elección dos Doce (Mt 5, 1; 10, 1-4; Lc 6, 12-16)
- 13E subindo ao monte, chamou os que el quixo, e xuntáronse con el.
- 14Logo designou doce para que o acompañasen, e para mandalos a predicar
- 15con poder de botar o demo fóra.
- 16Estes foron os Doce que designou: Simón, a quen lle puxo de nome Pedro;
- 17Santiago, o fillo de Zebedeo e mais o seu irmán Xoán, aos que lles puxo de sobrenome Boanerxes, que quere dicir fillos do Trebón;
- 18André e Felipe, Bartolomeu e Mateo, Tomé e Santiago __o fillo de Alfeo__, Tadeo e Simón o Celote,
- 19e Xudas Iscariote, o traidor.
Calumnias dos letrados, e desconfianza dos seus parentes (Mt 12, 24-32; Lc 11, 15-23; 12, 10)
- 20E foron para a casa; alí xuntouse de novo tanta xente, que nin podían comer.
- 21E cando o souberon os seus parentes, foron buscalo á forza; porque a xente dicía que trocara o sentido.
- 22Os letrados que baixaran de Xerusalén, dicían:
__Ten dentro a Belcebú; bota fóra os demoños co poder do príncipe dos demoños.
- 23El chamou por eles e púxolles estas comparanzas:
__Como pode Satanás botar a Satanás?
- 24Se un reino está dividido en contra de si mesmo, non se pode manter en pé.
- 25Se unha casa está dividida en contra de si mesma, non pode subsistir.
- 26Así que, se Satanás está dividido e loita contra si mesmo, non pode subsistir e está perdido.
- 27Ninguén pode entrar na casa dun home forte e roubarlle canto ten, se primeiro non o amarra; só entón poderá arramplar con canto hai na casa.
- 28Tede por seguro que todo se lles perdoará aos homes, os pecados e cantas blasfemias digan;
- 29pero a quen blasfeme contra o Espírito Santo, nunca se lle perdoará, e cargará eternamente co seu pecado.
- 30Isto dicíao porque eles acusábano de que tiña dentro un espírito malo.
A nai e os irmáns de Xesús (Mt 12, 46-50; Lc 8, 19-21)
- 31Nisto chegan súa nai e mais seus irmáns, e mandárono chamar desde fóra.
- 32Era moita a xente que estaba sentada arredor del, e fóronlle dicir:
__Aí fóra están túa nai e mais teus irmáns, que te veñen buscar.
- 33El respondeu:
__Quen é miña nai, e quen son meus irmáns?
- 34E mirando os que estaban sentados arredor del, dixo:
__Velaquí miña nai e mais meus irmáns:
- 35pois o que cumpra a vontade de Deus, ese é o meu irmán, a miña irmá e miña nai.