EVANXEO SEGUNDO MARCOS - Capítulo 4
Capítulo 4
Parábola da semente (Mt 13, 1-9; Lc 8, 4-8)
- 1E púxose de novo a aprendelos á beira do mar. Tanta era a xente reunida ao pé del, que tivo que subir para sentar nunha barca fondeada no mar, mentres o xentío estaba en terra, na ribeira.
- 2Aprendeulles moitas cousas en parábolas, e instruíaos así:
- 3__Escoitade: Dunha vez saíu un labrador a sementar.
- 4E resulta que, ao botar a semente, parte dela foi caendo polo camiño adiante; viñeron os paxaros, e comérona.
- 5Outra caeu entre as pedras, onde a penas había terra; e naceu decontado, porque a terra non tiña fondura;
- 6pero non ben saíu o sol, queimouna, e, como non tiña raíz, secou.
- 7Outra parte caeu na silveira, e, ao medraren as silvas, afogárona, e non a deixaron dar froitos.
- 8Outra caeu en boa terra; naceu, creceu e chegou a dar froitos: o trinta, o sesenta, e aínda o cento por un.
- 9E concluíu:
__Quen teña oídos para oír, que escoite.
Motivo das parábolas (Mt 13, 10-15; Lc 8, 9-10)
- 10Máis tarde, cando ficou só, os que o acompañaban xunto cos Doce, preguntábanlle polas parábolas.
- 11El respondeu:
__A vós concedéusevos coñecer o misterio do Reino de Deus; pero aos de fóra soamente en parábolas,
- 12de tal xeito que
- mirar miren, pero non vexan;
- escoitar escoiten, pero non entendan:
- non sexa que se convertan
- e se lles perdoe.
- 13E continuou:
__Se non comprendedes esta parábola, como ides comprender todas as outras?
- 14O sementador sementa a Palabra.
- 15Os do camiño son aqueles nos que se sementa a Palabra, pero cando a escoitan vén Satanás e repáñallela.
- 16Da mesma maneira son aqueles que deseguida reciben a semente con alegría, pero pásalles o mesmo do que á sementada entre as pedras:
- 17por non teren raíces e seren inconstantes, mal veñen as dificultades ou a persecución por causa da Palabra, deseguida abandonan.
- 18A outros pásalles coma á semente caída entre as silvas: si, escoitan a Palabra,
- 19pero moi axiña as preocupacións do mundo, o engano das riquezas e mais as ambicións, asolágana, afógana, e queda sen froito.
- 20Pero os que son coma a boa terra, escóitana, acóllena e dan moito froito: uns o trinta, outros o sesenta, e outros o cento por un.
Outras comparacións: o candil (Mt 5, 15; 10, 26; Lc 8, 16-18; 11, 33; 12, 2)
- 21E dicíalles tamén:
__Pero é que se trae un candil para metelo debaixo do modio ou debaixo da cama? Non será para poñelo enriba do candeeiro?
- 22Porque se hai algo oculto, é para que se descubra; nin nada se fai en secreto, se non é para traelo á luz pública.
- 23Quen teña oídos para oír, que escoite.
- 24Dicíalles tamén:
__Atendede ben ao que estades escoitando. Coa medida que midades, hanvos medir a vós, e ben sobrado.
- 25Porque ao que ten, háselle dar; pero ao que non ten, aínda o que ten se lle quitará.
A semente que crece
- 26E dixo tamén:
__Así é o Reino de Deus: coma un home que bota a semente na terra,
- 27e, durma ou estea esperto, sexa de noite ou de día, a semente agroma e medra, sen que el chegue a saber como.
- 28A terra vai dando froito por si mesma: primeiro herba, logo espigas, e por último o gran ben abundante na espiga.
- 29E cando xa está achegado o froito, deseguida se lle mete o fouciño por ser o tempo da seitura.
O gran de mostaza (Mt 13, 32-34; Lc 13, 18-19)
- 30E tamén dicía:
__Con que compararemos o Reino de Deus?
- 31É coma o gran de mostaza, que cando se sementa na terra é a máis miúda de todas as sementes.
- 32Pero despois de sementala, medra ata ser a maior de todas as hortalizas, chegando a botar unhas pólas tan grandes que na súa sombra poden vir aniñar os paxaros.
- 33E así con moitas comparanzas coma estas, íalles mostrando a mensaxe, de xeito que puidesen entender.
- 34Non lles falaba máis que en parábolas, pero logo explicáballelas aos seus discípulos.
Calma e tempestade (Mt 8, 18. 23-27; Lc 8, 22-25)
- 35E naquel día á caída da noite, díxolles:
__Veña, vamos para a banda de alá.
- 36Eles, deixando a xente, levárono no bote onde estaba sentado; e ían seguidos por outras barcas.
- 37E formouse tal remuíño de vento que os salseiros caían enriba do bote e enchíano de auga.
- 38El, entrementres, estaba na popa durmindo sobre un cabezal. Fórono espertar, gritándolle:
__Mestre, seica non che importa que afoguemos?
- 39Entón el, espertando, increpou ao vento, e díxolle ao mar:
__Silencio, e acouga!
O vento amainou, e veu unha gran calma.
- 40Despois díxolles:
__Por que tedes tanto medo? Seica aínda non tedes fe?
- 41Eles, cheos de gran temor, comentaban entre si:
__Pero, quen será este, que mesmo o vento e o mar o obedecen?