EVANXEO SEGUNDO MARCOS - Capítulo 5
Capítulo 5
Curación dun endemoñado (Mt 8, 28-34; Lc 8, 26-39)
- 1Chegaron á outra banda do mar, ao país de Gadara.
- 2E conforme saltou da barca, un endemoñado saíulle ao encontro desde os sepulcros
- 3onde moraba, pois nin con cadeas o podían apreixar.
- 4Moitas veces xa intentaran termar del con cadeas e grillóns; pero rompía as cadeas e esnaquizaba os grillóns, e ninguén era capaz de domealo.
- 5Pasaba os días e as noites berrando polos sepulcros monte adiante, mancándose coas pedras.
- 6Axiña que viu a Xesús de lonxe, foi correndo prostrarse ante el,
- 7gritando con toda forza:
__Que teño que ver contigo, Xesús, Fillo do Altísimo? Pídoche por Deus que non me atormentes.
- 8Pois Xesús mandáralle:
__Bótate fóra dese home, espírito malo.
- 9E preguntoulle tamén:
__Como te chaman?
El respondeulle:
__Chámanme Lexión, porque somos moitos.
- 10E pedíalle con moita ansia que non os botase daquela terra.
- 11E como había unha boa manada de porcos comendo pola aba do monte,
- 12todos aqueles demos rogáronlle a Xesús:
__Mándanos onda aqueles porcos, para entrarmos neles.
- 13El accedeu e, saíndo do home, fóronse meter nos porcos, que en número duns dous mil se chimparon polo barranco abaixo, e foron afogar no mar.
- 14Os porqueiros fuxiron, levando a nova á vila e ás aldeas. A xente ía ver o que pasaba.
- 15Chegaron onde estaba Xesús, e viron o endemoñado, o mesmo que tivera a lexión, sentado e cheo de xuízo; todos ficaron pasmados.
- 16Os que presenciaron aquilo contáronlles o que pasara co endemoñado e mais cos porcos.
- 17Entón empezaron a pedirlle que se afastara daquelas terras.
- 18E cando el se embarcara, o que estivera endemoñado rogáballe que o deixase ir con el.
- 19Pero Xesús non llo permitiu, senón que lle dixo:
__Vai para a túa casa, onda os teus, e cóntalles todo o que o Señor, compadecido, fixo contigo.
- 20El marchou e comezou a pregoar, pola Decápolis adiante, canto lle fixera Xesús. Todos ficaban pasmados.
A filla de Xairo e a muller con hemorraxias (Mt 9, 18-26; Lc 8, 40-56)
- 21Pasando de novo nunha barca para a banda de enfronte, xuntouse moita xente arredor del, que estaba na beira do mar.
- 22Nisto chegou un dos xefes da sinagoga, chamado Xairo, que, ao velo, botouse aos seus pés
- 23suplicándolle:
__A miña filla está a piques de morrer; ven impor sobre ela as túas mans, para que sande, e viva.
- 24E foise con el, seguido de moito xentío, que o estrullaba.
- 25Había unha muller, que padecía hemorraxias desde doce anos atrás,
- 26e levaba sufrido moito cos médicos, que lle acababan cos bens; total para nada, porque a cada paso ía a peor.
- 27Como oíra falar do que facía Xesús, achegouse entre a xente por detrás e tocoulle o seu vestido,
- 28dicindo para si: “Aínda que non sexa máis que tocarlle o seu vestido, ficarei sa”.
- 29E secándoselle a fonte da hemorraxia, sentiu no seu corpo que estaba curada do mal.
- 30Axiña Xesús, decatándose da forza que saíra del, volveuse e preguntou:
__Quen me tocou na roupa?
- 31Os discípulos respondéronlle:
__Ti ben ves a xente preméndote; e aínda preguntas por quen te tocou?
- 32Pero el seguía mirando arredor, para ver quen fora.
- 33Daquela, a muller, amedrentada e tremendo, sabendo o que lle sucedera, veu caer ante el contándolle toda a verdade.
- 34El díxolle:
__Filla, a túa fe sandoute. Vai en paz, curada para sempre da túa doenza.
- 35Aínda estaba el falando, cando chegaron da casa do xefe da sinagoga a dicirlle:
__A túa filla acaba de morrer. Para que andar xa molestando ao Mestre?
- 36Pero Xesús, ao escoitar o que estaban a falar, díxolle ao xefe da sinagoga:
__Non temas, abonda que teñas fe.
- 37E non permitiu que ninguén o acompañase, fóra de Pedro, Santiago e Xoán, o irmán de Santiago.
- 38Ao chegaren á casa do xefe da sinagoga, vendo o gran barullo que facían con choros e lamentos,
- 39entrou e díxolles:
__A que vén tanto barullo e tanto chorar? A meniña non morreu, está a durmir.
- 40E todos facían riso del. Pero botándoos a todos fóra e levando con el os pais da meniña e mais os seus acompañantes, entrou onde estaba a nena.
- 41Colleuna pola man e díxolle:
__Talithá, qumi (que quere dicir: rapaza, érguete).
- 42A rapaciña ergueuse decontado, e botouse a andar, que xa tiña doce años. E aquela xente quedou coa boca aberta.
- 43El insistiulles en que non llo contasen a ninguén, e mandou que lle desen de comer á rapaza.