EVANXEO SEGUNDO MARCOS - Capítulo 6
Capítulo 6
Na sinagoga de Nazaré (Mt 13, 53-58; Lc 4, 16-30)
- 1Saíndo de alí, foise para a súa vila, acompañado polos seus discípulos.
- 2Cando chegou o sábado, empezou a ensinar na sinagoga. E moita da xente que o escoitaba dicía abraiada:
__De onde lle veñen a este todas esas cousas? Que sabedoría é esa que lle ensinaron, e como pode facer tantos milagres pola súa man?
- 3Non é este o carpinteiro, fillo de María e irmán de Santiago, Xosé, Xudas e mais Simón, e as súas irmás non viven aquí connosco?
Estaban realmente escandalizados.
- 4Pero Xesús díxolles:
__Non é desprezado un profeta máis que na súa terra, na súa casa, ou entre os seus parentes.
- 5E non puido realizar alí ningún milagre, fóra dalgunhas curacións, que fixo impoñendo as mans.
- 6Estaba sorprendido por aquela incredulidade. E dedicouse a andar polas aldeas dos arredores, ensinando.
A misión dos apóstolos (Mt 10, 1. 9-15; Lc 9, 1-6)
- 7Entón chamou os Doce, e empezou a mandalos de dous en dous, dándolles poder sobre os espíritos malos.
- 8Recomendoulles que non levasen nada para o camiño, fóra dun caxato: nin pan, nin alforxas, nin cartos na faixa.
- 9Que calzasen sandalias, pero que non levasen máis ca unha túnica.
- 10E avisounos:
__Cando entredes nunha casa, permanecede nela ata que vós marchedes.
- 11Se nalgún lugar non vos acolleren nin vos escoitaren, ídevos, sacudindo o po dos vosos pés, para que lles sirva de aviso.
- 12Marcharon, e predicaron a conversión.
- 13Botaban fóra moitos demoños, e curaban os enfermos, unxíndoos con aceite.
Morte de Xoán o Bautista (Mt 14, 1-12; Lc 3, 19-20; 9, 7-9)
- 14Como a sona de Xesús se estendía por todas partes, chegou aos oídos do rei Herodes, xunto cos comentarios que facían: “É o mesmo Xoán o Bautista resucitado de entre os mortos, e por iso actuaban nel eses poderes”.
- 15Outros dicían que era Elías ou algún profeta.
- 16Pero Herodes dicía:
__É Xoán o Bautista, a quen eu mandei decapitar, que está resucitado.
- 17Porque Herodes mandara encadear a Xoán por causa de Herodías, a muller de seu irmán Filipo, coa que el casara.
- 18Xoán non paraba de lle dicir:
__Non che está permitido vivir coa muller do teu irmán.
- 19Por iso Herodías colléralle xenreira a Xoán, e queríao matar.
- 20Pero Herodes temía a Xoán, sabendo que era home xusto e santo, e protexíao; mesmo lle gustaba oílo falar, aínda que quedase desacougado.
- 21Pero chegou a ocasión axeitada, cando Herodes, no día que facía anos, deu un banquete aos ministros, oficiais e xente importante de Galilea.
- 22Resulta que, entrando a filla da mesma Herodías, bailou moi ben, e gustoulle moito a Herodes e a todos os convidados. Entón o rei díxolle á rapaza:
__Pídeme o que queiras, que cho hei dar.
- 23E xurou: __Dareiche o que me pidas, aínda que sexa a metade do meu reino.
- 24Vaise a rapaza onda a nai e pregúntalle:
__Que lle pedirei?
Ela díxolle:
__Pídelle a cabeza de Xoán o Bautista.
- 25E volvendo axiña onda o rei, díxolle:
__Quero que me deas decontado, nunha bandexa, a cabeza de Xoán o Bautista.
- 26O rei púxose moi triste, pero, polos xuramentos e mais polos convidados, non quería defraudala.
- 27E deseguida mandou a un verdugo traer a cabeza de Xoán; cortoulla,
- 28tróuxoa nunha bandexa, para lla dar á rapaza, que non tardou en levarlla a súa nai.
- 29Cando os seus discípulos o souberon, recolleron o cadáver e fórono enterrar.
Primeira multiplicación do pan (Mt 14, 13-21; Lc 9, 10-17; Xn 6, 1-13)
- 30Cando volveron a reunirse con Xesús, os apóstolos contáronlle canto fixeran e ensinaran.
- 31El díxolles:
__Vide vós comigo a un lugar arredado, e descansade un pouco.
Eran moitos os que ían e viñan, e nin para comer atopaban tempo.
- 32Fóronse sos na barca a un lugar arredado.
- 33Pero, ao velos marchar, a xente foinos seguindo por terra desde todas as vilas, e chegaron primeiro ca eles.
- 34Así, cando desembarcaron, atopouse cunha gran multitude. El, conmovido, porque eran coma ovellas sen pastor, púxose a predicar ensinándolles moitas cousas.
- 35Como se facía tarde, acercáronselle os discípulos e dixéronlle:
__Por aquí non hai casas e xa pasa moito da hora:
- 36vai ser mellor que os despidas, para que vaian ás aldeas e vilas veciñas, e merquen algo de comer.
- 37Pero el respondeulles:
__Dádelles vós de comer.
Contestaron:
__Imos, logo, mercar douscentos denarios de pan para lles darmos de comer?
- 38El preguntoulles:
__E, logo, canto pan tedes?
Fixeron o reconto e dixeron:
__Por xunto temos cinco bolos e mais dous peixes.
- 39El mandounos sentar en grupos na herba verde.
- 40E fóronse sentando en grupos de cen ou cincuenta.
- 41Colleu os cinco bolos e mais os dous peixes, ergueu a vista ao ceo, bendiciunos, e partiu os bolos, e déullelos aos discípulos, para que os servisen; e repartiu tamén os dous peixes entre todos.
- 42Comeron todos ata se fartaren
- 43e recolleron de anacos e das sobras dos peixes doce cestos cheos.
- 44E os que comeran os pans eran cinco mil homes.
Anda por riba da auga (Mt 14, 22-33; Xn 6, 16-21)
- 45Deseguida mandou aos seus discípulos que embarcasen e fosen indo diante para Betsaida, mentres el despedía a xente.
- 46E cando rematou de se despedir, foi orar ao monte.
- 47Fíxose noite, e a barca estaba no medio do mar, mentres el quedaba só en terra.
- 48Vendo o fatigados que estaban de tanto vogar co vento en contra, ao raiar o día foi cara a eles, andando polo mar.
- 49Pero eles, ao velo andar polo mar, coidaron que era unha pantasma, e empezaron a berrar.
- 50Mais el, decontado, faloulles:
__Tranquilos, que son eu. Non teñades medo.
- 51E subiu á barca, onda eles. Acougou o vento, e todos quedaron abraiados de vez,
- 52porque non comprenderan o milagre do pan, ao teren aínda cerrado o entendemento.
Cura os enfermos de Xenesaret (Mt 14, 34-36)
- 53Cando atravesaron para a outra banda, chegaron a Xenesaret, e alí desembarcaron.
- 54A xente decontado o recoñecía.
- 55Percorrendo toda aquela comarca, levábanlle todos os enfermos en leitos;
- 56e en aldeas, vilas e cidades, cando oían que andaba por alí, pousaban os enfermos nas rúas, rogándolle que lles deixase tocar tan sequera a orla do seu manto. E cantos o tocaban, curaban.