EVANXEO SEGUNDO MARCOS - Capítulo 7
Capítulo 7
Conflitos coas tradicións (Mt 15, 1-20)
- 1Reuníronse con Xesús un grupo de fariseos con algúns letrados chegados de Xerusalén,
- 2e viron aos discípulos comer con mans impuras, é dicir, sen antes lavaren as mans.
- 3(É sabido que os fariseos e os xudeus todos non comen sen lavaren ben as mans, seguindo así as vellas tradicións;
- 4e cando chegan da rúa, tampouco comen sen se bañaren antes; tamén están moi apegados a outras tradicións, coma o lavar vasos, xerras e bandexas).
- 5Por iso os fariseos e mais os escribas preguntáronlle:
__Por que os teus discípulos non se portan conforme a tradición dos devanceiros, senón que comen con mans impuras?
- 6El contestoulles:
__Que ben profetizou Isaías de vós, hipócritas, como está escrito:
- Este pobo hónrame cos labios,
- pero o seu corazón está lonxe de min.
- 7Danme un culto inútil,
- porque a doutrina que ensinan
- non son máis que costumes humanos.
- 8Rexeitades os mandados de Deus e agarrádesvos ás tradicións dos homes.
- 9E dicíalles:
__Que ben quebrantades os preceptos de Deus, para conservar as tradicións humanas!
- 10Porque Moisés dixo: Coida de teu pai e mais de túa nai, e quen abandone a seu pai ou a súa nai é reo de morte.
- 11Pero vós dicides que se un home dixese a seu pai ou a súa nai: “O sustento que poderías recibir de min é korbán”, é dicir, vai para o templo como ofrenda,
- 12xa non lles permitides facer nada por eles,
- 13invalidando o mandamento de Deus coa vosa tradición. E así facedes outras moitas cousas parecidas.
- 14E convocando á xente, dicíalles:
__Escoitádeme todos e procurade entender.
- 15Nada do que hai fóra do home pode manchalo ao entrar nel; pero o que sae do home, iso si que o mancha.
- 17E cando entrou na casa, despois de deixar a xente, os discípulos preguntáronlle polo significado daquilo.
- 18Díxolles:
__E logo vós tampouco sodes capaces de entender? Non comprendedes que todo o que vén de fóra e entra no home non o pode manchar,
- 19porque non penetra no seu corazón, senón no seu ventre, e de alí vai parar ao escusado?
Así declaraba puros todos os alimentos.
- 20E continuou:
__O que sae de dentro, iso si que mancha;
- 21porque de dentro, do corazón do home, xorden os malos pensamentos, as fornicacións, os roubos, os asasinatos,
- 22os adulterios, as cobizas, as maldades, as fraudes, os desenfreos, as envexas, as blasfemias, a soberbia, os desatinos.
- 23Todos eses males saen de dentro e manchan o home.
VIAXE POR FÓRA DE GALILEA
A muller cananea (Mt 15, 21-28)
- 24E foi cara á terra de Tiro. Alí meteuse nunha casa, porque non quería que ninguén o recoñecese. Pero non lle foi posible pasar inadvertido,
- 25pois deseguida chegou unha mulleriña que tiña unha filla posuída por un espírito malo, e botóuselle aos pés.
- 26Esta muller era pagá, unha siro-fenicia, e rogáballe que lle librase a filla do espírito malo.
- 27Pero el díxolle:
__Deixa que se farten primeiro os fillos, pois non é ben quitarlles o pan aos fillos, para botárllelo aos cadeliños.
- 28Ela contestoulle:
__Non é, Señor; non é; pero tamén os cadeliños apañan debaixo da mesa as faragullas que deixan caer os fillos.
- 29El díxolle entón:
__Vaite, que polo que acabas de dicir xa o demo saíu da túa filla.
- 30E así foi: ao que chegou á casa, atopou a filla deitada na cama, libre do demo.
Curación dun xordo
- 31De novo, deixando Tiro, veu dar por Sidón ao mar de Galilea, atravesando a Decápolis.
- 32Presentáronlle un xordomudo, e suplicáronlle que lle impuxese as mans.
- 33Xesús, separándoo da xente, meteulle os dedos nas orellas, e tocoulle a lingua con cuspe.
- 34Logo, erguendo os ollos ao ceo, suspirou e dixo:
__Effatá (ou sexa: ábrete).
- 35E no instante abríronselle os oídos, e falaba perfectamente.
- 36Logo prohibiulles contalo a ninguén; pero canto máis llelo prohibía, máis o espallaban.
- 37E a xente, totalmente abraiada, comentaba:
__Que ben o fai todo! Fai que os xordos oian e que os mudos falen.