EVANXEO SEGUNDO MARCOS - Capítulo 8
Capítulo 8
Segunda multiplicación do pan (Mt 15, 32-39)
- 1Por aqueles días, como se xuntaba tamén moita xente arredor de Xesús e non tiñan que comer, chamou polos discípulos e díxolles:
- 2__Dáme pena esta xente: hai tres días que vén detrás miña e non ten nada que comer.
- 3Se os mando para as súas casas, sen que metan algo na boca, poden esmorecer polo camiño, que moitos deles véñenvos de ben lonxe.
- 4Os discípulos responderon:
__E de onde se pode quitar, en pleno descampado, pan abondo para fartalos?
- 5E preguntoulles:
__E logo canto pan tedes?
Responderon:
__Temos sete bolos.
- 6Foi el e mandou que a xente sentase no chan; despois colleu os sete bolos, rezou a acción de grazas, partiunos e déullelos aos seus discípulos, para que os repartisen entre a xente; e así o fixeron.
- 7Tiñan tamén algúns peixes; el bendiciunos e mandou que os repartisen.
- 8A xente comeu a fartar, e cos anacos que sobraron encheron sete cestas.
- 9Eran uns catro mil. Despediunos,
- 10e deseguida embarcou cos seus discípulos, marchando para a rexión de Dalmanuta.
Os fariseos piden un sinal (Mt 16, 1-4)
- 11Uns fariseos saíronlle ao paso, e metéronse a discutir con el. Para probalo, pedíronlle un sinal do ceo.
- 12El deu un profundo suspiro, e dixo:
__Por que esta clase de xente reclama un sinal? Pois asegúrovos que a esta xente non se lle dará sinal ningún.
- 13Así, deixounos, volveu embarcar e foise para a outra banda.
O fermento dos fariseos (Mt 16, 5-12)
- 14Os discípulos esqueceran levar pan, e non tiñan máis ca un bolo na barca.
- 15Xesús recomendoulles:
__Tede coidado, e gardádevos do fermento dos fariseos e do fermento de Herodes.
- 16Pero eles latricaban entre si:
__O caso é que non temos pan.
- 17Xesús decatándose díxolles:
__Como! Así que estades a falar de que non tedes pan! Seica non acabades de entender, nin caedes na conta do que quero dicir? Tan cegos estades?
- 18Tedes ollos, e non vedes; oídos e non oídes? Xa non vos acorda
- 19cantas cestas de sobras recollestes, cando repartín cinco bolos de pan entre cinco mil persoas?
Contestaron:
__Foron doce.
- 20__E cando repartín sete bolos entre catro mil, cantas cestas recollestes?
Responderon:
__Recollemos sete.
- 21E concluíu:
__E logo aínda non comprendedes?
Curación dun cego
- 22Chegaron a Betsaida, e trouxéronlle un cego, pedíndolle que o tocase.
- 23El, collendo o cego pola man, sacouno para fóra da aldea; botoulle cuspe nos ollos, estendeu as mans sobre el, e preguntoulle:
__Ti ves algo?
- 24El, que comezaba a albiscar algo, dixo:
__Vexo homes, aínda que me parecen árbores que andan.
- 25Púxolle outra vez as mans nos ollos; entón empezou a enxergar ben: estaba curado, e vía todo claramente.
- 26Logo mandouno para a casa, dicíndolle:
__Nin tan sequera entres na aldea.
A confesión de fe de Pedro, e o primeiro anuncio da paixón (Mt 16, 13-23; Lc 9, 18-22)
- 27Ía Xesús cos seus discípulos cara ás aldeas de Cesarea de Filipo, e polo camiño preguntoulles:
__Quen di a xente que son eu?
- 28Eles responderon:
__Uns, que Xoán o Bautista; outros, que Elías; e outros, que algún dos profetas.
- 29El preguntoulles a eles:
__E vós, quen dicides que son?
Respondeu Simón Pedro:
__Ti es o Mesías.
- 30E prohibiulles diciren nada a ninguén.
- 31Entón, con toda claridade, empezou a adoutrinalos acerca de que era preciso que o Fillo do Home padecese moito, e que o rexeitasen os anciáns, os sumos sacerdotes e mais os letrados; que o ían matar, e que aos tres días había resucitar.
- 32Explicoulles isto con toda claridade. Entón Pedro, colléndoo á parte, empezou a rifarlle.
- 33Pero Xesús volvéndose cara aos discípulos, reprendeuno:
__Arreda de min, Satanás, que ti non te me deixas guiar por Deus, senón polos homes!
Como seguir a Xesús (Mt 16, 24-28; Lc 9, 23-27)
- 34E chamando á xente onda os seus discípulos, díxolles a todos:
__Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, cargue coa súa cruz e que me siga.
- 35Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa vida pola miña causa e pola do Evanxeo, ese poñeraa a salvo.
- 36Pois de que lle serve ao home gañar o mundo enteiro, se perde a súa vida?
- 37E que pode dar un home para recobrar a súa vida?
- 38Porque quen se avergonce de min e das miñas palabras, nesta xeración idólatra e pecadora, tamén o Fillo do Home se avergonzará del, cando veña na gloria de seu Pai entre os santos anxos.