EVANXEO SEGUNDO MARCOS - Capítulo 9
Capítulo 9
- 1E engadiu:
__Tede por seguro que algúns dos aquí presentes non han morrer sen veren antes chegar o Reino de Deus con gran poder.
A transfiguración (Mt 17, 1-13; Lc 9, 28-36)
- 2Seis días despois colleu Xesús a Pedro, Santiago e Xoán, e subiu con eles sos ao coto dun monte. Alí transfigurouse na súa presenza.
- 3Os seus vestidos viráronse resplandecentes, brancos coma ningún bataneiro do mundo os podería branquexar.
- 4Nisto apareceron Elías e mais Moisés, e estaban a falar con Xesús.
- 5E Pedro, tomando a palabra, díxolle a Xesús:
__Mestre, que ben estamos aquí! Imos facer tres tendas: unha para ti, outra para Elías e a outra para Moisés.
- 6Tan asustado estaba, que non sabía o que dicía.
- 7E unha nube cubriunos coa súa sombra, mentres saía dela unha voz:
__Este é o meu fillo benquerido, escoitádeo.
- 8E de súpeto, mirando arredor, xa non viron a ninguén, fóra de Xesús.
- 9Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles que non contasen nada ata que o Fillo do Home resucitase de entre os mortos.
- 10Eles colleron ben o aviso; pero empezáronse a preguntar uns a outros o que querería dicir aquilo de “cando resucite de entre os mortos”.
- 11E preguntáronlle:
__Como é que din os letrados que primeiro ten que vir Elías?
- 12El contestoulles:
__Elías ten que vir primeiramente a restablecelo todo. Pero entón, como é que está escrito que o Fillo do Home ten que padecer moito e ser aldraxado?
- 13O que vos digo é que Elías xa veu e que fixeron con el canto lles petou, como estaba escrito del.
O neno epiléptico (Mt 17, 14-21; Lc 9, 38-43)
- 14Ao chegaren onde estaban os outros discípulos, atoparon moita xente arredor, e uns letrados discutindo con eles.
- 15En canto que a xente o albiscou, correu sorprendida a saudalo.
- 16El preguntoulles:
__De que estades a discutir?
- 17Un deles respondeu:
__Mestre, trouxen o meu fillo, que ten un espírito que non o deixa falar.
- 18Cando se apodera del, tírao no chan, o rapaz bota escuma pola boca, e renxe os dentes, e fica teso. Rogueilles aos teus discípulos que o librasen, e non puideron.
- 19El contestou:
__Oh xeración incrédula! Ata cando terei que estar convosco? Ata cando terei que aturarvos? Traédemo acá.
- 20Trouxéronllo, e, mal viu a Xesús, o espírito sacudiu violentamente o neno, que roulou polo chan, escumando pola boca.
- 21Entón preguntoulle Xesús ao pai:
__Desde cando anda así?
El respondeulle:
__Desde picariño.
- 22E hai veces que mesmo o bota no lume ou na auga, para acabar con el. Pero se podes facer algo, ten dó do rapaz e bótanos unha man.
- 23Xesús contestoulle:
__Como que se podo? Para quen ten fe non hai imposibles.
- 24Inmediatamente, o pai do neno exclamou:
__Creo: axúdame no que lle falta á miña fe!
- 25Vendo Xesús que a xente se amoreaba, increpou ao espírito malo:
__Espírito mudo e xordo, mándocho eu: sae deste rapaz e non volvas entrar nel nunca máis.
- 26E dando berros e fortes sacudidas, saíu, deixando o neno coma morto, de tal xeito que moitos xa dicían que morrera.
- 27Pero Xesús, colleuno pola man e ergueuno ata que se mantivo de pé.
- 28Ao entraren con el na casa, preguntábanlle á parte os discípulos:
__E por que non o demos botado nós?
- 29El respondeulles:
__Esta caste non sae se non é a forza de oración.
Novo anuncio da paixón (Mt 17, 22-23; Lc 9, 44-45)
- 30E marcharon de alí, atravesando a Galilea sen enredar nela, porque non quería que o soubese ninguén;
- 31pois ía informando aos discípulos, dicíndolles:
__Ao Fillo do Home vano entregar nas mans dos homes, que o matarán; pero, despois de morto, pasados tres días, ha resucitar.
- 32Eles non entendían o que lles dicía, pero non se atrevían a preguntarllo.
Quen é o máis importante? (Mt 18, 1-5; Lc 9, 46-48)
- 33Chegaron a Cafarnaúm, e, cando estaban na casa, preguntoulles:
__De que viñades discutindo polo camiño?
- 34Eles calaron, porque no camiño discutiran entre si sobre quen era o máis importante.
- 35Xesús sentou, chamou polos Doce e díxolles:
__O que queira ser o primeiro, que sexa o derradeiro e o servidor de todos.
- 36E, collendo un neno, púxoo no medio deles e abrazándoo, dixo:
- 37__Quen acolle a un destes nenos no meu nome, acólleme a min; e quen me acolle a min, non é a min a quen acolle, senón a Aquel que me mandou.
Quen non está contra nós, está connosco (Lc 9, 49-50)
- 38Díxolle Xoán:
__Pois vimos un que botaba demos no teu nome e quixémosllo privar porque non é dos nosos.
- 39Xesús contestoulle:
__Pois non llo privedes, porque ninguén que faga milagres no meu nome fala despois mal de min.
- 40O que non está contra nós, está connosco.
- 41Ademais, todo aquel que vos dea un vaso de auga por serdes seguidores de Cristo, tende por seguro que non quedará sen recompensa.
O escándalo (Mt 18, 6-9)
- 42E a quen escandalizar a un destes pequeniños que cren en min, éralle mellor que lle colgasen do pescozo unha pedra de muíño, e o largasen ao mar.
- 43E se a túa man te fai caer, córtaa: máis che vale entrar toco na vida que ir parar coas dúas mans ao inferno, no lume que nunca se apaga.
- 45E se o teu pé te fai caer, córtao: mellor será que entres coxo na vida, que ir dar cos dous pés no inferno.
- 47E se o teu ollo te fai caer, arríncao: máis che vale entrar cego no Reino de Deus e non que te boten cos dous ollos no inferno,
- 48onde o verme non morre nin o lume se apaga.
- 49Pois todo se salga co lume.
- 50O sal é bo, pero se o sal se volve insulso, con que o salgaredes? Que non falte o sal entre vós, e vivide en paz cos demais.