EVANXEO SEGUNDO LUCAS - Capítulo 1
Capítulo 1
Prólogo
- 1Posto que moitos emprenderon a tarefa de narrar axeitadamente os feitos ocorridos entre nós,
- 2tal como nolos transmitiron desde o principio as testemuñas oculares e mais os predicadores da palabra,
- 3decidín eu tamén, despois de me informar con tino desde as orixes, escribirchos ordenadamente para ti, ilustre Teófilo,
- 4a fin de que coñezas ben a firmeza das ensinanzas nas que te instruíron.
INTRODUCIÓN
NACEMENTO E VIDA OCULTA DE XOÁN O BAUTISTA E DE XESÚS
Anuncio do nacemento de Xoán
- 5Houbo no tempo de Herodes, rei de Xudea, un sacerdote chamado Zacarías, do grupo de Abías, casado cunha muller descendente de Aharón, chamada Isabel.
- 6Ambos eran xustos ante Deus, pois gardaban sen fallas os seus mandamentos e preceptos.
- 7Non tiñan fillos, por ser Isabel estéril e estaren os dous moi entrados en anos.
- 8E resulta que, estando el exercendo o sacerdocio diante de Deus, segundo a quenda do seu grupo,
- 9entrou no Santuario do Señor, conforme ao ritual, para ofrecer o incenso,
- 10mentres a xente do pobo facía oración fóra.
- 11Nisto, á dereita do altar do incenso, de pé, aparecéuselle un anxo do Señor.
- 12Zacarías, ao velo, turbouse todo, cheo de temor.
- 13Mais o anxo díxolle:
__Acouga, Zacarías, que se escoitou a túa petición, e Isabel, a túa muller, vaiche dar un fillo, e vaslle chamar Xoán.
- 14Será para ti gozo e alegría, e moitos se alegrarán co seu nacemento.
- 15Será grande ante o Señor e non beberá nin viño nin licor. Desde o mesmo ventre de súa nai estará cheo do Espírito Santo.
- 16Converterá moitos fillos de Israel ao Señor, o seu Deus.
- 17Camiñará diante del co espírito e poder de Elías, para reconciliar pais con fillos, ensinarlles aos rebeldes o proceder dos xustos e preparar así un pobo ben disposto para o Señor.
- 18Preguntoulle Zacarías ao anxo:
__E como me constará iso a min, que xa vou vello e a miña muller tamén xa pasa dos anos?
- 19 O anxo respondeu:
__Eu son Gabriel, o que estou preto de Deus e mandoume para falar contigo e darche esta boa nova.
- 20E fíxate ben: vas quedar mudo e non poderás falar ata o día no que aconteza todo isto, xa que non criches nas miñas palabras que se han cumprir no seu tempo.
- 21E, mentres, o pobo esperaba por Zacarías, sorprendido de que se demorase tanto dentro do Santuario.
- 22Cando por fin saíu, sen lles poder falar, comprenderon que tivera algunha visión no Santuario. El facíalles acenos, permanecendo mudo.
- 23E, cando rematou o tempo do seu ministerio, foise para a súa casa.
- 24Días despois, concibiu a súa muller Isabel, que se ocultou durante cinco meses. E dicía para si:
- 25“Isto é obra do Señor, que se dignou librarme desta vergonza diante da xente”.
O anuncio do nacemento de Xesús (Mt 1, 18-21)
- 26Aos seis meses, Deus mandou o anxo Gabriel a unha vila chamada Nazaré,
- 27onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María.
- 28Entrando onde estaba ela, díxolle:
__Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo.
- 29Ela turbouse con estas palabras, cavilando no que podería significar o saúdo aquel.
- 30 O anxo continuou:
__Non teñas medo, María, porque ti atopaches graza ante Deus;
- 31e, fíxate, vas concibir no teu ventre e darás a luz un fillo, ao que lle poñerás de nome Xesús.
- 32Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai;
- 33reinará por sempre na casa de Xacob, e o seu reinado non terá fin.
- 34María respondeulle ao anxo:
__E como pode ser isto, pois eu son virxe?
- 35O anxo replicoulle:
__O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do Altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus.
- 36Aí tes a túa curmá Isabel, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril,
- 37que para Deus non hai imposibles.
- 38María contestou:
__Velaquí a escrava do Señor: cúmprase en min o que dixeches.
E o anxo marchou de onda ela.
María visita a Isabel
- 39Naqueles mesmos días saíu María de présa camiño da montaña, a unha vila de Xudá.
- 40Entrou na casa de Zacarías e saudou a Isabel.
- 41E, en oíndo Isabel o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre.
Entón, chea do Espírito Santo,
- 42exclamou Isabel, a grandes voces:
__Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu ventre.
- 43Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor?
- 44Pois ao que chegou o teu saúdo aos meus oídos, brincou de alegría a criatura no meu ventre.
- 45Ditosa ti que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!
O Magníficat
- 46Entón María exclamou:
A miña alma proclama
a grandeza do Señor,
- 47e alégrase o meu espírito en Deus,
- o meu Salvador,
- 48porque reparou na súa humilde escraviña.
Velaí: desde agora
todas as xeracións me van felicitar.
- 49Marabillas o Poderoso fixo en min!
- O seu nome é Santo;
- 50a súa misericordia chega
- xeración tras xeración
- a todos os que o temen.
- 51Manifesta o poder do seu brazo,
desbaratando os plans dos soberbios.
- 52Derruba do seu trono aos poderosos
- e fai subir aos humildes;
- 53aos famentos éncheos de bens
- e aos ricos despídeos baleiros.
- 54Ampara a Israel, o seu Servidor,
- lembrándose da súa misericordia,
- 55conforme prometera a nosos pais,
- en favor de Abraham
e da súa descendencia para sempre.
- 56María permaneceu con ela tres meses, e logo volveu para a súa casa.
Nacemento de Xoán o Bautista
- 57Cando se lle cumpriron a Isabel os meses, deu a luz un fillo.
- 58En sabendo os parentes e veciños a bondade con que Deus a regalara, fórona felicitar.
- 59Aos oito días levaron a circuncidar o neno, e queríanlle poñer Zacarías, coma seu pai.
- 60Pero interveu a nai dicindo:
__Non, chamarase Xoán!
- 61Eles replicaron:
__Pero se non hai ninguén na túa parentela que se chame así!
- 62Preguntáronlle por sinais ao pai, como quería que se chamase.
- 63El pediu con que escribir e puxo:
__Xoán é o nome do meniño.
Todos ficaron sorprendidos.
- 64E de súpeto ceibóuselle a lingua, e empezou a falar bendicindo a Deus.
- 65Os veciños quedaron todos abraiados, e por toda a montaña de Xudea non se falaba doutra cousa.
- 66Todos os que o oían, dicían moi impresionados:
__Que vai ser deste neno?
Porque a man de Deus estaba con el.
- 67Zacarías, o pai, cheo do Espírito Santo, profetizou dicindo:
- 68Bendito sexa o Señor, Deus de Israel
porque veu visitar e redimir o seu pobo,
- 69suscitando para nós
unha forza de salvación
na casa de David, o seu servo,
- 70conforme prometera desde antigo
por boca dos seus santos profetas:
- 71que nos salvaría dos nosos inimigos
e das mans dos que nos teñen odio;
- 72que tería misericordia de nosos pais,
tendo presente a súa Santa Alianza,
- 73tal fora a promesa que lle fixera
a Abraham, noso pai,
concedéndonos
- 74que,
libres das mans do inimigo,
o sirvamos sen temor,
- 75en santidade e xustiza, diante del,
todos os días mentres dure a nosa vida.
- 76E a ti, meu meniño,
hanche chamar profeta do Altísimo,
porque irás diante do Señor,
preparando os seus camiños,
- 77anunciándolle a salvación ao seu pobo
mediante o perdón dos pecados,
- 78pois pola misericordia entrañable
do noso Deus
amencerá desde o ceo un sol para nós:
- 79luz para os que viven nas tebras
e xacen entre as sombras da morte,
para guiar os nosos pasos
polos camiños da paz.
- 80O meniño medraba, facéndose forte de espírito; e viviu no deserto ata o día no que se manifestou a Israel.