EVANXEO SEGUNDO LUCAS - Capítulo 10
Capítulo 10
Misión dos setenta e dous (Mt 10, 1-2; 9, 37-38; 10, 9-16; Mc 6, 7-11)
- 1Despois disto designou o Señor a outros setenta e dous, e mandounos de dous en dous por diante del a todas as vilas e aldeas onde tiña pensado ir.
- 2Díxolles:
__A anada évos ben boa, pero os xornaleiros son poucos; así que rogádelle ao dono da colleita que mande xornaleiros á súa ceifa.
- 3Ide e sabede que vos mando coma años entre lobos.
- 4Non levedes saco, nin alforxa, nin calzado, nin vos paredes a parolar con ninguén polo camiño.
- 5Cando entredes nunha casa, antes de máis nada dicide: “Paz a esta casa!”
- 6E se alí hai xente de paz, sobre ela repousará a vosa paz; se non a hai, volverá convosco.
- 7Permanecede na mesma casa, comendo e bebendo do que teñan, que o obreiro ten dereito ao seu xornal. Non andedes dunha casa para outra.
- 8Cando entredes nunha vila e vos acollan, comede do que vos poñan,
- 9curade os enfermos que haxa e dicídelles: “Xa chega a vós o Reino de Deus”.
- 10Pero cando non vos acollan na vila na que entredes, saíde ás prazas dicindo:
- 11“Non queremos levar da vosa vila nin o po que se nos pegou aos pés. Aí vos queda; pero sabede que xa chega o Reino de Deus”.
- 12Asegúrovos que o Día do Xuízo será máis levadío para Sodoma do que para aquela vila.
Ai das vilas impenitentes! (Mt 11, 20-24)
- 13Ai de ti, Corozaín, ai de ti, Betsaida! Porque se en Tiro e Sidón se fixesen os milagres que se fixeron en vós, hai ben tempo que facían penitencia, cubertos de saco e de cinsa.
- 14Pero o día do Xuízo será moito máis levadío para Tiro e Sidón do que para vós.
- 15E ti, Cafarnaúm, seica pensas que vas chegar ata o ceo? Alagaraste no abismo!
- 16Quen vos escoita a vós, escóitame a min, e quen vos rexeita a vós, rexéitame a min; pero o que me rexeita a min, rexeita a quen me mandou.
Regreso dos setenta e dous
- 17Entón volveron os setenta e dous moi contentos, dicindo:
__Señor, aínda os demos tamén se nos someten no teu nome.
- 18El replicou:
__Eu vía a Satanás caendo do ceo coma un raio.
- 19Porque vos dei poder para pisardes cobras e mais alacráns e poder sobre toda forza inimiga, e nada vos fará mal.
- 20Con todo, non vos alegredes de que os espíritos se vos sometan: alegrádevos, máis ben, de que os vosos nomes estean escritos no ceo.
O Evanxeo é para os sinxelos (Mt 11, 25-27; 13, 16-17)
- 21E naquel momento exclamou cheo de gozo do Espírito Santo:
__Bendito sexas, Pai, Señor do ceo e mais da terra, porque lles agachaches estas cousas aos sabios e prudentes, e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así.
- 22Meu Pai ensinoume todas as cousas, e ninguén coñece ao Fillo a non ser o Pai, nin coñece ao Pai a non ser o Fillo, e aquel a quen o Fillo llo queira revelar.
- 23E volvéndose aos discípulos, díxolles á parte:
__Benia os ollos que ven o que vós vedes.
- 24Porque é ben certo que moitos profetas e reis arelaron ver o que vós vedes, e non o viron; e oír o que vós oídes, e non o oíron.
O gran mandamento (Mt 22, 34-40; Mc 12, 28-31)
- 25Ergueuse certo xurista e preguntoulle para o poñer á proba:
__Mestre, que teño que facer para herdar a vida eterna?
- 26El respondeulle:
__Que pon a Lei? Que les?
- 27Contestou:
__Amarás o Señor teu Deus con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con toda a túa forza e con todo o teu entendemento, e ao próximo coma a ti mesmo.
- 28El díxolle:
__Contestaches perfectamente: cúmpreo e vivirás.
Parábola do bo samaritano
- 29Pero o xurista, querendo xustificarse, preguntoulle a Xesús:
__E quen é o meu próximo?
- 30Xesús replicou:
__Dunha vez un home baixaba de Xerusalén a Iericó, e asaltárono uns bandidos, que, despois de o roubaren e bouraren nel, deixárono medio morto.
- 31Cadrou a baixar polo mesmo camiño un sacerdote, que, ao velo, deu un rodeo e pasou de largo.
- 32Igual fixo un clérigo, que pasaba por alí: ao chegar e velo, deu un rodeo.
- 33Pero un samaritano, que ía de camiño polo mesmo lugar, ao velo, sentiu mágoa;
- 34e achegándose a el, curoulle as feridas con aceite e viño e vendoullas. Logo, montouno na súa cabalgadura, levouno a unha pousada e coidouno.
- 35Ao outro día colleu dous denarios, deullos ao pousadeiro, e díxolle: “Coida del, e cando volva xa che pagarei o que gastes de máis”.
- 36Quen dos tres che parece que foi próximo do que caeu nas mans dos bandidos?
- 37El respondeu:
__O que practicou a misericordia con el.
Díxolle Xesús:
__Pois ti vai e fai outro tanto.
Visita a María e Marta
- 38Cando ían de camiño, entrou en certa aldea, e unha muller chamada Marta acolleuno na súa casa.
- 39Esta tiña unha irmá chamada María, que sentada aos pés do Señor, escoitaba as súas palabras.
- 40Marta, en troques, estaba moi apurada co labor da casa; e achegándose a el, díxolle:
__Señor, non che importa que miña irmá me deixe a min o traballo? Dille que me bote unha man.
- 41Pero o Señor respondeulle:
__Marta, Marta, preocúpaste e desacóugaste con tantas cousas,
- 42pero soamente unha é a necesaria. María escolleu a mellor parte, e esa nunca se lle vai quitar.