EVANXEO SEGUNDO LUCAS - Capítulo 11
Capítulo 11
A oración (Mt 6, 9-15; 7, 7-11)
- 1Dunha vez, despois de estar el orando en certo lugar, un dos discípulos pediulle:
__Mestre, apréndenos a rezar, como lles aprendeu Xoán aos seus discípulos.
- 2Respondeulles:
__Cando recedes, dicide:
Pai, sexa santificado o teu Nome!
Pai, veña o teu Reino!
- 3Dános cada día o noso pan.
- 4E perdoa os nosos pecados,
como tamén perdoamos nós
a todo o que nos debe;
e non nos sometas á tentación.
- 5Logo continuou:
__Botade de conta que un de vós ten un amigo, que vos presentades na casa del pola noite, fóra, e que lle dicides: “Amigo, déixame tres bolos de pan,
- 6que me veu un amigo de viaxe, e non teño nada que lle poñer diante”.
- 7E que aquel, desde dentro, responde: “Non me amoles, está a porta pechada, eu e mais os nenos estamos na cama: non me podo erguer agora para chos dar”.
- 8Desde logo que, se non se levanta para llos dar por se tratar dun amigo, polo menos por ser teimudo, erguerase e hallos dar.
- 9Por iso dígovos: Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade e abrirásevos,
- 10que todo o que pide, recibe; o que busca, atopa; e a quen peta, abriráselle.
- 11Ou logo, que pai hai entre vós que, se o seu fillo lle pide un peixe, lle dá unha cobra?;
- 12ou se lle pide un ovo, lle dá un alacrán?
- 13Pois se vós, sendo ruíns, ben lles sabedes dar cousa boas aos vosos fillos, canto máis o Pai celestial dará o Espírito Santo aos que llo pidan!
Xesús e Belcebul (Mt 9, 32-34; 12, 22-30. 43-45; Mc 3, 22-27)
- 14Estaba botando un demo mudo; e cando saíu o demo, falou o mudo. A xente quedou abraiada,
- 15pero algúns deles dixeron:
__Este bota fóra os demoños co poder de Belcebul, xefe dos demos.
- 16Outros, para probalo, reclamábanlle un sinal do ceo.
- 17Pero el, coñecéndolles o que pensaban, díxolles:
__Todo reino dividido contra si mesmo fica asolado, caendo casa sobre casa.
- 18Pois ben, se Satanás está dividido contra si mesmo, como se vai soster o seu reino? Vós dicides que boto os demos co poder de Belcebul.
- 19Pero se eu boto os demoños co poder de Belcebul, co poder de quen os botan vosos fillos? Por iso, eles mesmos serán os vosos xuíces.
- 20Pero se boto os demos co poder de Deus, é que xa chegou a vós o Reino de Deus.
- 21Mentres un home forte e armado garda o seu pazo, os seus bens están seguros;
- 22pero se chega un máis forte e o vence, quitándolle as armas nas que confía, repartirá o botín.
- 23Quen non está comigo está contra min, e quen non recolle comigo, derrama.
Volta do espírito malo (Mt 12, 43-45)
- 24Cando o espírito malo sae do home, vai polos ermos adiante buscando acougo; se non o atopa, di: “Volverei á miña casa de onde saín”;
- 25e, ao chegar, atopa a casa varrida e ordenada.
- 26Entón vai, colle consigo outros sete espíritos aínda peores ca el, e entrando todos, establécense alí; resultando que á fin aquel home acaba estando peor do que ao principio.
A verdadeira felicidade
- 27Mentras el dicía estas cousas, unha muller de entre a xente exclamou en voz alta:
__Ditoso o ventre que te levou e os peitos que te criaron!
- 28Pero el replicoulle:
__Ditosos máis ben os que escoitan a Palabra de Deus e a gardan.
O sinal de Xonás (Mt 12, 38-42; Mc 8, 12)
- 29A xente xuntábase arredor del, e Xesús púxose a dicirlles:
__Esta é unha xeración perversa; reclama un sinal, pero non se lle vai dar máis sinal ca o de Xonás.
- 30Pois como Xonás foi sinal para os ninivitas, así o será tamén o Fillo do Home para esta xeración.
- 31A reina do Sur enfrontarase no Xuízo con estes homes, e fará que os condenen, porque ela veu desde o cabo do mundo para escoitar a sabedoría de Salomón; e aquí está quen é máis ca Salomón.
- 32Os habitantes de Nínive enfrontaranse no Xuízo con esta xeración e farán que a condenen, porque eles convertéronse cando escoitaron a predicación de Xonás; e aquí está quen é máis ca Xonás.
A lámpada (8, 16; Mt 5, 15; 6, 22-23; Mc 4, 21)
- 33Ninguén acende unha lámpada para metela nun recuncho ou debaixo do modio, senón enriba dun candeeiro, para que cantos entren vexan a luz.
- 34A luz do teu corpo é o teu ollo. Se o teu ollo está san, todo o teu corpo estará alumado; pero se está malo, tamén o teu corpo estará na escuridade.
- 35Mira ben, logo, que a luz que hai en ti non sexa realmente escuridade.
- 36Se o teu corpo está alumado, sen traza de escuridade, estará resplandecente coma cando a candea te aluma co seu fulgor.
Contra os fariseos e xuristas (20, 45-47; Mt 23, 1-36; Mc 12, 38-40)
- 37Mentres falaba, un fariseo convidouno a comer na súa casa. Entrou e púxose á mesa.
- 38Ao fariseo estrañoulle que non se lavase antes de comer.
- 39Pero o Señor díxolle:
__Vós, os fariseos, limpades por fóra a copa e mais o prato, e por dentro estades ateigados de roubos e maldade.
- 40Sodes parvos! O que fixo o de fóra, non fixo tamén o de dentro?
- 41Pois logo, dade en esmolas o que hai dentro, e veredes como todas as cousas serán limpas para vós.
- 42Ai de vós, fariseos! Pagades o décimo pola menta, pola ruda e por todas as verduras, e deixades a un lado a xustiza e mais o amor de Deus. Pero é isto o que hai que practicar, aínda que sen descoidar o outro.
- 43Ai de vós, fariseos, que devecedes polos primeiros postos nas sinagogas, e porque vos fagan reverencias nos rueiros!
- 44Ai de vós, que sodes coma sepulcros que non se ven, e que a xente pisa sen se decatar!
- 45Entón un xurista, tomando a palabra, replicoulle:
__Mestre, dicindo esas cousas, tamén nos aldraxas a nós.
- 46El contestoulle:
__Ai tamén de vós, os xuristas, porque botades enriba dos homes fardos insoportables, e vós nin cun dedo os tocades!
- 47Ai de vós, que lles facedes grandes panteóns aos mesmos profetas que asasinaron vosos pais!
- 48Así aprobades co voso testemuño o que fixeron vosos pais: eles asasinaron e vós facedes os panteóns.
- 49Por iso dixo a Sabedoría de Deus: Mandareilles profetas e apóstolos, e perseguirán a uns e asasinarán a outros;
- 50de xeito que a esta xeración se lle han pedir contas do sangue dos profetas vertido desde a creación do mundo:
- 51desde o sangue de Abel ata o sangue de Zacarías, que morreu entre o Altar e o Santuario. Si, seguro que se lle han pedir contas a esta xeración.
- 52Ai de vós, xuristas, porque levastes a chave do saber! Nin vós entrastes nin deixastes entrar aos que querían entrar.
- 53E saíndo de alí, os letrados e fariseos empezaron a encirralo, tirándolle da lingua,
- 54para ver se o pillaban no que dicía.