EVANXEO SEGUNDO LUCAS - Capítulo 12
Capítulo 12
Actitudes do discípulo (9, 26; 21, 14; Mt 10, 19-20. 26-33; 12, 32; Mc 3, 29; 8, 38; 13, 11)
- 1Tanta era a xente reunida arredor del que se pisaban uns a outros. El comezou a falar, dicíndolles primeiramente aos discípulos:
__Coidadiño co fermento dos fariseos, que é a hipocrisía!
- 2Non hai cousa encuberta que non se acabe descubrindo nin cousa oculta que non se acabe sabendo.
- 3Porque canto tedes dito na escuridade oirase a plena luz, e o que falastes ás agachadas nos dormitorios hase pregoar desde as azoteas.
- 4E a vós, amigos meus, tamén vos digo: non lles teñades medo aos que matan o corpo pero xa non poden pasar de aí.
- 5Vouvos dicir a quen lle tedes que ter medo: temede a quen, despois de matar, pode meter no inferno. Así, repítovolo, temede a este.
- 6Non se venden cinco pardais por dous patacos? Con todo, Deus non esquece a ningún.
- 7E mesmo os pelos da vosa cabeza están contados. Por iso non teñades medo, que vós valedes máis ca todos os pardais xuntos.
- 8E asegúrovos: todo o que volva por min diante dos homes, tamén o Fillo do Home volverá por el diante dos anxos de Deus.
- 9Pero a quen me negue diante dos homes, tamén o negarán ante os anxos de Deus.
- 10A todo aquel que fale en contra do Fillo do Home perdoaráselle; pero ao que blasfeme en contra do Espírito Santo non se lle perdoará.
- 11Cando vos leven ás sinagogas, ante os maxistrados e autoridades, non vos preocupedes de como vos ides defender e do que ides dicir:
- 12xa vos ensinará o Espírito Santo naquela mesma hora o que é preciso dicir.
A cobiza: parábola do rico insensato (Mt 6, 25-34; 19, 21)
- 13Díxolle entón un que estaba entre a xente:
__Mestre, dille a meu irmán que reparta a herdanza comigo.
- 14El contestoulle:
__Home, quen me nomeou xuíz ou testamenteiro entre vós?
- 15E logo díxolle á xente:
__Atención: Gardádevos da cobiza, que por moito que un teña, non por iso a súa vida depende dos seus bens.
- 16E propúxolles unha parábola:
__As terras de certo home rico déranlle moito froito.
- 17Púxose entón a cavilar: “Como vou facer, que non teño onde meter o froito?”.
- 18E dixo: “Xa o sei. Vou desfacer os meus celeiros, e constrúo outros máis grandes e alí meto o trigo todo e todos os meus bens.
- 19Logo direime a min mesmo: Amigo, xa tes aí reservas para moitos anos; descansa, come, bebe, e... a vivir!”.
- 20Pero Deus díxolle: “Insensato, esta mesma noite váiseche reclamar a túa vida: para quen será todo o que fixeches?”.
- 21Así é quen atesoura riquezas para si, pero non é rico para Deus.
Confianza no Pai (Mt 6, 19-21. 25-34)
- 22E díxolles aos seus discípulos:
__Por iso dígovos: Non andedes agoniados pola vosa vida (que ides comer) nin polo voso corpo (que ides vestir).
- 23Non vale máis a vida do que a mantenza? e non vale máis o corpo ca o vestido?
- 24Ollade para os corvos: nin sementan, nin segan, nin tampouco teñen tullas e, mesmo así, Deus mantenos. Pois, canto máis valedes vós ca os paxaros!
- 25E quen de vós, por moita ansia que poña lle pode engadir un cóbado á súa estatura?
- 26Pois logo, se non podedes acadar o máis pequeno, por que andades tan agoniados polo resto?
- 27Aprendede dos lirios, que nin fían nin tecen, e seguro que nin Salomón en toda a súa gloria chegou a vestir coma un deles.
- 28Pois se a herba do campo, que hoxe verdea e mañá a botamos no forno, Deus a viste así, canto máis non fará convosco, homes de pouca fe!
- 29Non vos angustiedes polo que ides comer ou beber; non andedes desacougados.
- 30Que por esas cousas todas andan agoniados os pagáns; e ben sabe o voso Pai que é o que precisades.
- 31Procurade, máis ben, o seu Reino, e esas cousas todas hánsevos dar de máis a máis.
- 32Non teñas medo, miña grea pequena, que o teu Pai compraceuse en darche o Reino.
- 33Vendede os vosos bens e dádeos en esmola, facede bolsas que non se estraguen, un tesouro inesgotable no ceo, onde o ladrón non pode chegar e onde a traza non o bota a perder.
- 34Pois onde está o teu tesouro, estache o teu corazón.
Estade preparados (Mt 24, 42-51)
- 35Tede posta a roupa de traballo e as lámpadas acesas;
- 36sédeme coma os que agardan que volva o seu amo da voda, para que, cando chegue e chame, lle poidan abrir.
- 37Ditosos os criados a quen o amo atope agardando cando chega. Tede por certo que poñerá a roupa de traballo, sentaraos na mesa e serviraos un por un.
- 38Sexa pola anoitecida ou sexa pola alborada, se os atopa así, felices eles.
- 39Entendede ben: se o dono da casa soubese a que hora vai chegar o ladrón, non permitiría que lle asaltasen a casa.
- 40Así tamén: estade vós preparados, porque á hora menos pensada ha vir o Fillo do Home.
- 41Díxolle Pedro:
__Señor, a parábola que acabas de contar vai por nós ou por todos en xeral?
- 42Contestoulle o Señor:
__Quen é, logo, o administrador fiel e prudente, a quen o seu señor encargará o coidado de dar no seu tempo a ración de trigo á servidume?
- 43Ditoso o criado aquel, a quen o seu amo, cando chega, o atopa cumprindo coa súa tarefa!
- 44Tede por seguro que lle encomendará toda a facenda.
- 45Pero se o criado aquel di para si: “O amo aínda non vén por agora”, e empeza a mallar nos criados, comendo e bebendo ata se emborrachar;
- 46o día menos pensado e á hora máis imprevista, chegará o amo do criado aquel e botarao fóra cos infieis.
- 47O criado que, coñecendo as vontades do amo, non ten todo preparado nin feitas as cousas como a el lle gustan, levará moitos paus;
- 48pero o que non as coñece, aínda que faga algo que mereza castigo, levará poucos. A quen moito se lle dá, moito se lle esixirá; e a quen moito se lle confía, moito se lle pedirá.
Xesús, causa de división (Mt 10, 34-36)
- 49Lume vin traer á terra: e que máis quería eu ca que xa estivese a arder!
- 50Hanme bautizar cun bautismo e xa me tarda a hora de que se cumpra!
- 51Pensades que vin traer a paz á terra? Abofé que non: vin traer división.
- 52Pois desde agora na casa onde haxa cinco, estarán divididos tres contra dous e dous contra tres;
- 53estarán enfrontados pai con fillo e fillo con pai, nai con filla e filla con nai, sogra con nora e nora con sogra.
Sinais dos tempos (Mt 16, 2-3; 5, 25-26)
- 54Dicíalle tamén á xente:
__Cando vedes que da banda do mar vén unha nube, axiña dicides: “Temos chuvia”, e así é;
- 55e cando venta do sur, dicides: “Velaí vén o calmizo”, e vén mesmo.
- 56Hipócritas!: se sabedes interpretar o cariz da terra e mais o do ceo, como non sabedes interpretar o momento presente?
- 57E por que non xulgades por vós mesmos o que cómpre facer?
- 58Cando vaias co teu contrario ao xuíz, mira de librarte del polo camiño; non sexa que te arrastre onda o xuíz e este te entregue ao garda para que te meta na cadea.
- 59Que de alí seguro que non saes ata que pagues o último céntimo.