EVANXEO SEGUNDO LUCAS - Capítulo 13
Capítulo 13
Parábola da figueira
- 1Naquel intre presentáronse algúns para contarlle o caso aquel de cando Pilatos mesturara o sangue duns galileos co dos sacrificios que ofrecían.
- 2El respondeulles:
__Coidades que eses galileos eran máis pecadores ca os demais, porque acabaron así?
- 3Non tal, e asegúrovos que como non vos arrepintades acabades todos igual.
- 4Seica pensades que aqueles dezaoito que morreron esmagados pola torre de Siloé eran máis culpables ca os outros habitantes de Xerusalén?
- 5Non tal, e asegúrovos que, se non vos arrepentides, todos acabaredes igual.
- 6E púxolles esta parábola:
__Un home tiña unha figueira plantada na súa viña; foi ver se tiña froitos e non llos atopou.
- 7Díxolle ao vendimador: “Xa hai tres anos que veño buscar froito nesta figueira e non llo atopo. Córtaa, para que vai cansar máis a terra?”.
- 8El respondeulle: “Señor, déixaa aínda un ano máis; vou ver se eu lle cavo un pouco arredor e lle boto esterco;
- 9a ver se así dá froito...; e, onde non, pódela cortar”.
A muller dobrada
- 10Un sábado estaba Xesús ensinando nunha das sinagogas.
- 11Había alí unha muller eivada por causa dun espírito: había dezaoito anos que estaba dobrada sen se poder endereitar.
- 12Xesús ao vela chamou por ela e díxolle:
__Muller, quedas ceiba da túa enfermidade.
- 13E impúxolle as mans. Ela ficou curada no momento e empezou a loar a Deus.
- 14Entón o xefe da sinagoga, indignado de que Xesús curase nun sábado, díxolle á xente:
__Hai seis días para traballar, vide durante eses días para que vos cure e non precisamente no sábado.
- 15Replicoulle Xesús:
__Hipócritas! Non ceibades vós, nos sábados, o voso boi ou o voso burro, para os levar a beber?
- 16E logo esta filla de Abraham, que leva dezaoito anos atada por Satanás, non a imos poder ceibar por ser sábado?
- 17Cando tal lles dixo aos adversarios, todos viraron rubios diante del e toda a xente se alegraba das marabillas que facía.
Parábola do gran de mostaza e mais do fermento (Mt 13, 31-33; Mc 4, 30-32)
- 18E dicía tamén:
__A que se asemella o Reino de Deus, a que volo compararía eu?
- 19Évos coma un gran de mostaza que un home sementou na súa horta; medrou e converteuse nunha árbore e os paxaros do ceo aniñaban nas súas pólas.
- 20E proseguiu:
__A que vos compararía eu o Reino de Deus?
- 21Évos coma o fermento que unha muller botou en tres medidas de fariña ata que todo levedou.
A porta estreita (Mt 7, 13-14. 21-23; 25, 10-12)
- 22Atravesaba vilas e aldeas ensinando, camiño de Xerusalén.
- 23Un preguntoulle:
__Señor, e logo son poucos os que se salvan?
El respondeu:
- 24__Loitade para entrardes pola porta estreita, porque vos aseguro que moitos intentarán entrar e non poderán.
- 25Despois que o dono da casa peche a porta e empecedes os de fóra a petar nela dicindo: “Señor, ábrenos!”, el responderá: “Non sei quen sodes”.
- 26Entón empezaredes a dicir: “Se nós comemos e bebemos contigo e ti ensinaches polas nosas rúas!”.
- 27El repetirá: “Non sei quen sodes. Arredade de min os que practicades a inxustiza!”.
- 28Daquela habedes chorar e hanvos renxer os dentes: cando vexades que Abraham, Isaac, Xacob e todos os profetas están no Reino de Deus, e que a vós vos botan para fóra.
- 29E chegarán de oriente e occidente, do norte e do sur a sentar na mesa do Reino de Deus.
- 30Si, hainos que son últimos e serán os primeiros, e hainos primeiros que serán os derradeiros.
Un aviso da morte
- 31Naquel momento chegaron uns fariseos para lle avisar:
__Veña, vaite de aquí, que Herodes te quere matar.
- 32El respondeulles:
__Ídelle dicir a ese raposo: “Eu hoxe e mañá estou a botar os demoños fóra, e no terceiro día xa acabo.
- 33Pero hoxe, mañá e pasado mañá cómpre que siga para diante, pois non é ben que un profeta morra fóra de Xerusalén”.
Lamento sobre Xerusalén (Mt 23, 37-39)
- 34Xerusalén, Xerusalén, que asasinas os profetas e apedras os que son mandados onda ti! Cantas veces quixen aconchegar os teus fillos, como a galiña aconchega os seus pitiños baixo as ás e non quixeches!
- 35Pois mirade: a vosa casa fica baleira e asegúrovos que non me volveredes ver ata que exclamedes: “Benia o que vén no nome do Señor!”.