EVANXEO SEGUNDO LUCAS - Capítulo 14
Capítulo 14
Outra curación en sábado (6, 6-11; Mt 12, 9-14; Mc 3, 1-6)
- 1Un sábado ía el comer, á casa dun xefe dos fariseos; e eles vixiábano.
- 2Entón apareceu diante del un home hidrópico.
- 3Xesús preguntoulles aos xuristas e fariseos:
__Está ou non está permitido curar no sábado?
- 4Pero eles non abriron a boca. Xesús colleu o enfermo, curouno e despediuno.
- 5E mirando para eles, díxolles:
__Quen de vós, se un fillo ou un boi lle cae nun pozo, non o saca do pozo no instante aínda que sexa sábado?
- 6A isto non lle souberon que contestar.
Os convidados
- 7Decatándose de que os convidados buscaban os primeiros postos, contoulles unha parábola:
- 8__Cando alguén te convide a unha voda, non te poñas no primeiro posto. Pode suceder que un máis distinguido ca ti tamén estea convidado
- 9e que veña o que vos convidou e che diga: “Déixalle o sitio a este”; e cheo de vergonza teñas que ir para o derradeiro lugar.
- 10Ao revés, ti, cando te conviden, ponte de último, para que cando chegue o que te convidou che poida dicir: “Amigo, sube máis arriba!”. E quedarás moi ben diante de todos os convidados.
- 11Porque a quen se ten por moito, hano rebaixar e a quen se rebaixe hano enaltecer.
- 12E díxolle tamén ao que o convidara:
__E ti, cando deas un xantar ou unha cea, non chames os teus amigos, irmáns, parentes ou veciños ricos; non sexa que eles te recompensen convidándote tamén a ti.
- 13Cando deas un banquete, convida os pobres, eivados, coxos e cegos;
- 14e serás ditoso, porque non te poden recompensar; pero xa se che recompensará na resurrección dos xustos.
Os convidados que non acoden (Mt 22, 1-10)
- 15Despois de escoitar todo isto, díxolle un dos convidados:
__Ditoso o que coma pan no banquete do Reino de Deus.
- 16El propúxolle:
__Dunha vez un home deu unha grande cea e convidou a moitos.
- 17Así que chegou a hora, mandou un criado para que avisase aos convidados, dicíndolles: “Vide xa, que está todo preparado”.
- 18Pero todos empezaron a escusarse. O primeiro dixo: “Merquei unha leira e teño que ila ver; por favor, descúlpame”.
- 19Outro dixo: “Merquei cinco parellas de bois, e teño que probalas; descúlpame, por favor”.
- 20Outro dixo: “Acáboche de casar e non podo ir”.
- 21Volveu o criado e contoulle todo isto ao amo. Entón o dono da casa, todo indignado, mandoulle ao seu criado: “Pois vai correndo ás prazas e rúas da vila e tráeme para acá os pobres, eivados, coxos e cegos”.
- 22O criado díxolle: “Xa está feito o que mandaches, e aínda hai sitio”.
- 23Entón o amo mandoulle: “Vai polos camiños e corredoiras e obriga á xente a entrar; quero que se encha a miña casa,
- 24porque vos aseguro que ningún dos convidados probará a miña cea”.
O seguimento de Xesús (Mt 10, 37-38)
- 25Nunha ocasión que o seguía moita xente, volveuse a eles e díxolles:
- 26__Se alguén me quere seguir e non está disposto a romper con seu pai e con súa nai, coa muller e mais cos fillos, cos irmáns e coas irmás, e incluso coa súa propia vida, non pode ser discípulo meu.
- 27O que non carga coa súa cruz e me segue, non pode ser discípulo meu.
- 28Pois quen de vós, querendo construír unha torre, non se para a pensar no orzamento, a ver se a pode rematar?
- 29Non vaia ser que bote os alicerces e non a dea rematado e a xente que o vexa faga risa del, dicindo:
- 30“Este empezou a construír e non deu rematado”.
- 31Ou que rei, que sae á guerra contra outro, non se senta primeiro a cavilar se lle chegarán dez mil homes para loitar contra vinte mil?
- 32E, se ve que non, cando aínda o ten lonxe, mándalle unha embaixada, pedindo condicións de paz.
- 33Pois así, como non renunciedes a todo o que tedes, non hai de vós quen poida ser discípulo meu.
- 34Ben está o sal; pero se o mesmo sal se volve insulso, con que se pode salgar?
- 35Xa non vale para nada: nin para a terra, nin para a esterqueira; hai que tirar con el. Quen teña oídos para oír, que escoite.