EVANXEO SEGUNDO LUCAS - Capítulo 15
Capítulo 15
A ovella perdida (Mt 18, 12-14)
- 1Tamén os publicanos e pecadores se achegaban a el para o escoitaren.
- 2Por iso os fariseos e os letrados murmuraban:
__Este acolle os pecadores e come con eles.
- 3Entón Xesús contoulles esta parábola:
- 4__Quen de vós, se ten cen ovellas e perde unha delas, non deixa as noventa e nove no descampado, e vai en busca da perdida, a ver se a atopa?
- 5E cando a atopa, volve todo contento
- 6para a casa, con ela no lombo; e, chamando por amigos e veciños, dilles: “Alegrádevos comigo, que atopei a ovella que perdera!”.
- 7Pois asegúrovos unha cousa: no ceo haberá máis alegría por un pecador que se converta que por noventa e nove xustos que non precisan conversión.
A moeda perdida
- 8__E que muller que teña dez moedas e perde unha, non acende a luz, e non varre a casa, buscándoa con coidadiño ata atopala?
- 9E cando a atopa, chama polos amigos e veciños para lles dicir: “Alegrádevos comigo, que atopei a moeda perdida”.
- 10Asegúrovos que outro tanto se alegran os anxos por un só pecador que se converta.
O fillo estragador e o pai bo
- 11E dixo tamén:
__Un home tiña dous fillos.
- 12O máis novo díxolle ao pai: “Papá, dáme a parte da herdanza que me corresponde”. El repartiulles os seus bens.
- 13Días despois, este fillo recibiu todo xunto e marchou para un país remoto, onde malgastou a súa fortuna vivindo coma un perdido.
- 14Despois de gastalo todo, houbo unha gran fame naquela terra, e empezou a pasar necesidade.
- 15Entón, acudindo a un natural do país, entrou a servir, e mandouno a unha granxa a coidar os porcos.
- 16Alí chegou a ter gana de encher o estómago coas landras que comían os porcos, pero ninguén llas daba.
- 17Recapacitando, pensou: “Hai que ver! Cantos xornaleiros do meu pai teñen pan a fartar, e eu morro coa fame.
- 18Si, vou volver á de meu pai e voulle dicir: Papá, pequei contra o ceo e contra ti;
- 19xa non son digno de que me trates coma un fillo, trátame coma un xornaleiro”.
- 20Levantouse e volveu onda seu pai. Aínda estaba lonxe cando este, enxergándoo, saíu emocionado a recibilo, e botándoselle nos brazos, bicouno agarimosamente.
- 21O fillo exclamou: “Papá, pequei contra o ceo e contra ti, xa non son digno de que me trates coma un fillo”.
- 22Pero o pai díxolles aos seus criados: “Axiña, sacade a túnica mellor e vestídella; poñédelle un anel na man e calzado nos pés.
- 23Preparade un cuxo cebado para comelo e facer unha gran festa.
- 24Porque este fillo meu estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo”. E empezou a festa.
- 25Pero resulta que o fillo máis vello estaba na leira e cando viña para casa, oíu a música e mais o baile.
- 26Chamou por un criado e preguntoulle que pasaba.
- 27O criado contestoulle: “Éche que volveu teu irmán, e teu pai mandou matar o cuxo cebado por recuperalo san e salvo”.
- 28Entón alporizouse moito, e non quería entrar. Pero o pai, saíndo, intentouno convencer.
- 29El díxolle: “Tantos anos como levo servíndote sen che faltar nunca en nada, e nunca un cabrito me deches para facer festa cos meus amigos;
- 30e agora resulta que vén ese teu fillo, que queimou os teus bens con mulleres de mala vida, e matas o cuxo cebado”.
- 31O pai contestoulle: “Meu fillo, ti sempre estás comigo e todo o meu é teu.
- 32Que menos que celebrar unha festa cheos de alegría, xa que ese teu irmán estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo?”.