EVANXEO SEGUNDO LUCAS - Capítulo 17
Capítulo 17
Recomendacións aos discípulos (Mt 18, 6-7. 21-22; Mc 9, 42; 11, 22-23)
- 1Díxolles aos seus discípulos:
__É irremediable que haxa escándalos; pero ai de quen os provoca!
- 2Máis lle valía que lle colgasen unha pedra de muíño no pescozo e que o largasen ao mar antes que escandalizar a un destes pequeniños.
- 3Andade con coidado. Se o teu irmán che fai mal, repréndeo; se se arrepinte, perdóao.
- 4E se te ofende sete veces no día e sete veces volve a ti dicindo: “Síntoo moito”; perdóao.
- 5Rogáronlle os apóstolos ao Señor:
__Auméntanos a fe!
- 6O Señor respondeulles:
__Se tivésedes polo menos unha fe coma un gran de mostaza, diriádeslle a esta moreira: “Arríncate e plántate no mar!”, e seguro que vos obedecía.
- 7E quen de vós que teña un criado arando ou pastoreando, lle di cando chega da veiga: “Entra axiña e ponte á mesa?”.
- 8Non lle dirá máis ben: “Prepara a cea, viste a roupa de traballo e ponme a comida; e cando eu remate de comer e beber, comerás e beberás ti?”.
- 9Ou é que aínda lle vai ter que estar agradecido ao criado por facer o que lle manda?
- 10Así tamén vós, cando fagades todo o que se vos mande, dicide: “Somos simples servidores: total, non fixemos máis do que tiñamos que facer”.
Curación dos dez gafos
- 11Indo camiño de Xerusalén, mentres pasaba entre Samaria e Galilea,
- 12ao entrar nunha aldea, saíronlle ao paso dez gafos. Pararon ao lonxe,
- 13e dando voces suplicáronlle:
__Xesús, Mestre, ten dó de nós!
- 14El, ao velos, díxolles:
__Ídevos presentar aos sacerdotes.
E aconteceu que cando ían para alá, quedaron limpos.
- 15E un deles, ao se decatar de que estaba curado, volveu loando a Deus con grandes voces.
- 16E prostrándose, rostro en terra, aos pés de Xesús, deulle as grazas. Era un samaritano.
- 17Xesús dixo:
__Non foron dez os que quedaron limpos? Onde están os outros nove?
- 18Ninguén, fóra dun estranxeiro, volveu para lle dar gloria a Deus?
- 19E engadiu:
__Érguete e vaite! Salvoute a túa fe.
A chegada do Reino de Deus (Mt 24, 23-28. 37-41)
- 20Preguntado polos fariseos cando chegaría o Reino de Deus, respondeulles:
__O Reino de Deus chegará sen deixarse sentir.
- 21De tal xeito, que non se dirá: “Velaquí”, ou “velaí está”; porque a verdade é que o Reino de Deus xa está dentro de vós.
- 22E díxolles aos seus discípulos:
__Virán tempos nos que anhelaredes pasar un só día co Fillo do Home e non poderedes.
- 23E diranvos: “Mirádeo aí”, ou “aquí”; pero vós non vaiades nin corrades detrás.
- 24Porque tal coma o lóstrego brilla refulxente desde un extremo a outro do ceo, así será o Fillo do Home no seu día.
- 25Pero antes é preciso que padeza moito e que esta xeración o rexeite.
- 26 O que pasou no tempo de Noé pasará tamén no tempo do Fillo do Home.
- 27Comían e bebían e casaban eles e elas, ata o día no que Noé entrou na arca; logo veu o diluvio e acabou con todos.
- 28O mesmo pasou no tempo de Lot: comían, bebían, mercaban, vendían, plantaban, construían.
- 29Pero cando saíu Lot de Sodoma, choveu lume e xofre do ceo, e acabou con todos.
- 30O mesmo pasará cando se manifeste o Fillo do Home.
- 31Aquel día, o que estea na azotea e teña as cousas dentro da casa, que non baixe por elas; e o que estea na leira, que tampouco non volva atrás.
- 32Que vos acorde o caso da muller de Lot.
- 33Quen intente salvar a súa vida perderaa; e quen a perda salvaraa.
- 34Asegúrovolo: nesa noite estarán dous nunha mesma cama: levarán a un e deixarán a outro.
- 35Estarán dúas moendo xuntas; levarán a unha e deixarán a outra.
- 37Eles preguntáronlle:
__Onde Señor?
Respondeulles:
__Onde estea o cadáver xuntaranse os voitres.