EVANXEO SEGUNDO LUCAS - Capítulo 18
Capítulo 18
O xuíz e mais a viúva
- 1Propúxolles tamén unha parábola acerca da necesidade de orar sempre, sen cansar:
- 2__Había nunha vila un xuíz que nin temía a Deus nin respectaba o home.
- 3Na mesma vila había tamén unha viúva, que acudía a el dicíndolle: “Faime xustiza fronte ao meu contrario”.
- 4El durante moito tempo non lle fixo caso ningún; pero despois cavilou: “Aínda que non temo a Deus nin respecto ao home,
- 5como esta viúva me está amolando, voulle facer xustiza, para que non me siga toleando toda a vida”.
- 6E o Señor continuou:
__Escoitade o que di un xuíz inxusto.
- 7E logo Deus non lles vai facer xustiza aos seus elixidos, que claman por El día e noite, e non vai ter paciencia con eles?
- 8Asegúrovos que lles fará xustiza a tempo. Pero cando chegue o Fillo do Home, atopará fe sobre a terra?
O fariseo e mais o recadador de impostos
- 9Propuxo tamén esa parábola dirixíndose a uns que estaban moi seguros de si mesmos, créndose perfectos e desprezando os demais:
- 10__Dous homes subiron ao templo a orar: un era fariseo e outro recadador de impostos.
- 11O fariseo, de pé, oraba para os seus adentros deste xeito: “Meu Deus, douche grazas porque non son coma os demais: ladrón, inxusto e adúltero; nin coma ese recadador.
- 12Gardo o xaxún dúas veces por semana e pago o décimo de todo canto gaño”.
- 13O recadador, en troques, manténdose a distancia, non se atrevía nin a levantar os ollos ao ceo, senón que petando no peito dicía: “Meu Deus, ten compaixón de min, que son un pecador!”.
- 14Asegúrovos que este baixou reconciliado con Deus para a súa casa e, en cambio, o outro non. Porque a todo o que se teña por moito rebaixarano e a todo o que se rebaixe enaltecerano.
Xesús e os nenos (Mt 19, 13-15; Mc 10, 13-16)
- 15E levábanlle tamén os meniños para que os tocase. Pero os discípulos rifábanlles.
- 16Entón Xesús chamounos e dixo:
__Deixade que os nenos se acheguen a min: non llelo privedes, porque dos que son coma eles é o Reino de Deus.
- 17Asegúrovos que aquel que non reciba coma un neno o Reino de Deus, non entrará nel.
O rico (Mt 19, 16-22; Mc 10, 17-22)
- 18Un home importante preguntoulle:
__Mestre bo, que teño que facer para acadar a vida eterna?
- 19El contestoulle:
__E por que me chamas bo? Ninguén é bo fóra de Deus.
- 20Xa sabes os mandamentos: Non cometas adulterio, non mates, non roubes, non deas falso testemuño, honra a teu pai e mais a túa nai.
- 21El respondeu:
__Todas esas cousas gardeinas desde a miña mocidade.
- 22Oíndo aquilo Xesús díxolle:
__Aínda che queda algo: Vende todo canto tes e repárteo entre os pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois ven e sígueme.
- 23Ao que oíu estas cousas, o home aquel quedou moi apesarado, porque era moi rico.
O perigo das riquezas (Mt 19, 23-30; Mc 10, 23-31)
- 24Xesús, ao velo así, comentou:
__Que difícil lles vai ser aos ricos entrar no Reino de Deus!
- 25É máis fácil para un camelo entrar polo ollo dunha agulla, que para un rico entrar no Reino de Deus.
- 26Todos os que o escoitaban comentaron:
__Daquela quen se vai poder salvar?
- 27Pero el dixo:
__O que para os homes é imposible, é posible para Deus.
- 28Entón díxolle Pedro:
__Pois nós, deixámolo todo, e seguímoste.
- 29Xesús respondeulle:
__Tede por seguro que ninguén que deixa casa ou muller ou irmáns ou pais ou fillos polo Reino de Deus,
- 30non pasará sen recibir agora cen veces máis, e no futuro a vida eterna.
Anuncia por terceira vez a súa morte (Mt 20, 17-19; Mc 10, 32-34)
- 31E levando á parte os Doce, díxolles:
__Ollade que subimos a Xerusalén, e vaise cumprir todo o que está escrito polos profetas acerca do Fillo do Home.
- 32Vano entregar aos pagáns, burlaranse del, aldraxarano e cuspirán nel,
- 33azoutarano e matarano. Pero ao terceiro día resucitará.
- 34Pero eles non entenderon nada disto. Resultábanlle enigmáticas estas palabras e non comprenderon o que lles quería dicir.
O cego de Iericó (Mt 20, 29-34; Mc 10, 46-52)
- 35Cando chegaba a Iericó, un cego estaba a pedir sentado á beira do camiño.
- 36Oíndo o barullo da xente que pasaba, preguntou que era aquilo.
- 37Dixéronlle que era Xesús de Nazaré, que pasaba por alí.
- 38El exclamou:
__Xesús, Fillo de David, ten mágoa de min!
- 39Os que ían diante empezaron a rifarlle para que calase, pero el aínda berraba máis alto:
__Fillo de David, ten mágoa de min!
- 40Deténdose Xesús, mandou que llo levasen. Cando se achegou, preguntoulle:
- 41__Que é o que queres que che faga?
El respondeu:
__Señor, que volva ver.
- 42Xesús díxolle:
__Recobra a vista: salvoute a túa fe!
- 43E no instante recobrou a vista, e foise detrás del, glorificando a Deus. E todo o pobo, vendo aquilo, tamén loaba a Deus.