EVANXEO SEGUNDO LUCAS - Capítulo 19
Capítulo 19
Zaqueo
- 1Chegou Xesús a Iericó e pasaba atravesando a cidade.
- 2Había alí un home chamado Zaqueo, xefe dos recadadores e moi rico.
- 3Intentaba ver quen era Xesús; pero impedíallo a xente, porque el era pequeneiro.
- 4Entón botou a correr e subiu a un sicómoro para velo, porque ía pasar por alí.
- 5Ao pasar Xesús por aquel lugar, levantou a vista e díxolle:
__Zaqueo, baixa decontado, que hoxe teño que parar na túa casa!
- 6El, baixando decontado, acolleuno moi contento.
- 7Pero vendo aquilo, a xente empezou a murmurar:
__Entrou a hospedarse na casa dun pecador.
- 8Zaqueo, posto de pé, díxolle ao Señor:
__Señor, darei a metade de todo canto teño aos pobres e, se algo roubei a alguén, devolvereille catro veces máis.
- 9Entón Xesús dixo:
__Hoxe chegou a salvación a esta casa, pois tamén este é fillo de Abraham.
- 10Porque o Fillo do Home vén buscar e salvar o que estaba perdido.
Parábola das onzas (Mt 25, 14-30)
- 11Estando a xente escoitando estas cousas, engadiu unha parábola, por estar cerca de Xerusalén e por pensar a xente que o Reino de Deus ía aparecer decontado.
- 12Dixo:
__Un home nobre marchou a un país distante, a que o coroasen rei, e volver despois.
- 13Chamou logo por dez dos seus criados, repartiulles dez onzas, e encargoulles: “Negociade ata que volva”.
- 14Pero os seus súbditos, que o odiaban, mandaron tras el unha embaixada, dicindo: “Non queremos que este sexa o noso rei”.
- 15Cando volveu, xa coroado como rei, mandou chamar polos criados aqueles, aos que lles dera as onzas, para saber canto gañara cada un.
- 16Presentouse o primeiro, dicindo: “Señor, a túa onza produciu outras dez”.
- 17El contestoulle: “Ben, criado cumpridor: xa que fuches fiel en cousa pequena, serás rexedor de dez cidades”.
- 18Chegou o segundo dicindo: “A túa onza, Señor, produciu outras cinco”.
- 19Contestoulle tamén a este: “Ti tamén serás rexedor de cinco cidades”.
- 20E chegou outro, dicindo: “Señor, aquí tes a túa onza; tíñaa gardada nun pano,
- 21pois sabía que eras home esixente, que colles o que non pos e seituras o que non sementas”.
- 22El contestoulle: “As túas palabras condénante, criado inútil. Así que ti sabías que son home esixente, que collo o que non poño, e sego o que non semento.
- 23Pois logo por que non deixaches nun banco os meus cartos? Así, ao chegar, eu podía recoller os réditos”.
- 24E díxolles aos presentes: “Quitádelle a onza e dádella ao que ten dez!”.
- 25Eles replicaron: “Señor, se ese xa ten dez onzas!”. El seguiu:
- 26“Asegúrovos que a todo o que ten, háselle dar; pero ao que non ten, aínda o que ten se lle ha quitar.
- 27E a todos eses meus inimigos, que non me querían por rei, traédeos aquí, e degoládeos na miña presenza”.
- 28E dito isto, botou a andar diante deles camiño de Xerusalén.
XESÚS EN XERUSALÉN
Entrada triunfal en Xerusalén (Mt 21, 1-11; Mc 11, 1-11; Xn 12, 12-19)
- 29E cando se aproximaban a Betfagué e a Betania, ao pé do chamado monte das Oliveiras, mandou dous discípulos,
- 30dicíndolles:
__Ide á aldea que tedes aí diante, e atoparedes atado un burriño que aínda nunca ninguén montou. Soltádeo e traédeo.
- 31E se alguén vos pregunta: “Por que o soltades?”, respondédelle: “Precísao o Señor”.
- 32Foron os discípulos, e atoparon todo tal como lles dixera.
- 33E cando ceibaron o burriño, preguntáronlles os donos:
__Por que soltades o burriño?
- 34Eles contestaron:
__Precísao o Señor.
- 35Levárono onda Xesús, botaron os mantos sobre o burriño e axudárono a montar.
- 36E ao pasar el, a xente estendía os mantos polo camiño.
- 37Cando se aproximaban á baixada do monte das Oliveiras, a multitude de discípulos, cheos de alegría, comezaron a loar a Deus con grandes gritos, por todas as marabillas que tiñan visto.
- 38Dicían:
__Benia o que vén, como rei, no nome do Señor. Paz no ceo e gloria no máis alto!
- 39Algúns dos fariseos que estaban entre a xente, dixéronlle:
__Mestre, reprende a eses teus discípulos.
- 40Pero el respondeulles:
__Asegúrovos que se estes calan, falarán as pedras.
Laio sobre Xerusalén (21, 6; Mt 24, 2; Mc 13, 2)
- 41E ao enxergaren a cidade, chorou sobre ela
- 42dicindo:
__Ai, se ti tamén coñeceses neste día o que che podía traer paz! Pero os teus ollos non o dan visto.
- 43E virán días nos que os teus inimigos te rodearán de trincheiras; asediarante, e apertarante por todas partes.
- 44Esnaquizarante contra o chan a ti e mais os teus fillos. Non che deixarán pedra sobre pedra, por non recoñecer a oportunidade de cando te visitaron.
Xesús bota os tendeiros fóra do templo (Mt 21, 12-17; Mc 11, 15-19; Xn 2, 13-22)
- 45Despois entrou no templo, e empezou a botar fóra os tendeiros,
- 46dicíndolles:
__Está escrito: A miña casa ha ser casa de oración; pero vós convertéstela en cova de bandidos.
- 47Ensinaba todos os días no templo. Daquela xa os sumos sacerdotes, os letrados e mais os notables do pobo buscaban o xeito de acabaren con el.
- 48Pero non atopaban como, porque todo o pobo estaba moi atento ao que el dicía.